DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 27 de setembro de 2023 Páx. 54735

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 14 de setembro de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción glorieta no punto quilométrico (p.q.) 4+120 da AC-116 e conexión co polígono empresarial Río do Pozo.

Antecedentes:

Con data do 20 de setembro de 2022, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 179 o Anuncio do 2 de setembro de 2022 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de construción dunha glorieta no punto quilométrico (p.q.) 4+120 da AC-116 e conexión co polígono empresarial Río do Pozo, con clave AC/20/101.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido (o 11 de outubro de 2022, no Diario Oficial de Galicia núm. 194 publícase unha corrección de erros do dito anuncio).

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 14 de setembro de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción glorieta no punto quilométrico (p.q.) 4+120 da AC-116 e conexión co polígono empresarial Río do Pozo, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que lle pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 14 setembro de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción glorieta no punto quilométrico (p.q.) 4+120 da AC-116 e conexión co polígono empresarial Río do Pozo

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de construción glorieta no punto quilométrico 4+120 da AC-116 e conexión co polígono empresarial Río do Pozo, de clave AC/20/101.06, sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de construción glorieta no punto quilométrico 4+120 da AC-116 e conexión co polígono empresarial Río do Pozo, de clave AC/20/101.06.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Narón, no que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de construción implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a reformulación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.