DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2023 Páx. 54111

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2023 de modificación da composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo comunicou o día 24 de agosto de 2023 a proposta de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

1. No Decreto 63/2013, do 11 de abril, regúlanse os comités de ética da investigación en Galicia como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal.

Co referido decreto creouse unha rede de comités de ética da investigación con diferentes funcións na avaliación dos estudos de investigación en referencia ao seu ámbito territorial, e un deles é o de Santiago-Lugo.

2. Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 24 de abril de 2022, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e nomeáronse membros as persoas que se relacionaban no seu anexo, e unha delas é Catalina Caamaño Isorna, farmacéutica de Atención Primaria.

3. A presidenta do dito comité comunicou a renuncia por motivos persoais de Catalina Caamaño Isorna e propón, asemade, o nomeamento de María Agustina Fernández Pérez, farmacéutica de Atención Primaria na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos como nova membro, que actuará coma vogal do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que os/as membros destes comités «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros».

2. O número 6 do artigo 9 dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado, ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, ao criterio do comité, e logo audiencia do/da interesado/a».

3. Con respecto á composición numérica, en concreto, o número 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo conta con catorce membros, e coa referida proposta a composición axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior, dado que se propón o cesamento dunha persoa e o simultáneo nomeamento doutra como novo membro.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 8 de setembro de 2023 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Catalina Caamaño Isorna como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Así mesmo, o nomeamento de María Agustina Fernández Pérez como membro do citado comité.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade