DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 22 de setembro de 2023 Páx. 54053

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Quiroga (expediente 2022/44-ATE).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. con enderezo para os efectos de notificación na avenida América, 38, 28028 Madrid, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 13 de maio de 2021, a empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica denominada regulamentación LMTA SEQ805-apoios 81-40-b-13 e 81-40-b-14, no concello de Quiroga, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a Resolución desta xefatura territorial do 15 de febreiro de 2023. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso do 23 de febreiro de 2023 e no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 9 de marzo, no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Quiroga. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados (RBD).

Así mesmo, efectuouse notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentouse unha alegación relativa á titularidade dos predios 1, 2 e 4, que inicialmente aparecían na relación de bens e dereitos afectados como titular proposto descoñecido; deuse traslado da dita alegación a UFD Distribución Electricidad, S.A. e esta considera o alegante como titular proposto e presenta nova RBD co 21 de xuño de 2023.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

Para estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A esta xefatura territorial correspóndelle resolver sobre a presente solicitude, de acordo cas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e tendo en conta o Decreto 9/2017 do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa á empresa UFD Distribución Electricidad S.A. para o establecemento da instalación eléctrica denominada regulamentación LMTA SEQ805-apoios 81-40-b-13 e 81-40-b-14 no concello de Quiroga, coas seguintes características técnicas principais:

– Reforma da LMTA SEQ805, a 20 kV, no tramo comprendido entre os apoios números 81-40-B-12 e 81-40-B-15 coa substitución dos apoios existentes por apoios de celosía metálica, e cambio do condutor actual a LA-56, cunha lonxitude de 497 m.

Segundo. Conceder a autorización administrativa de construción para a execución do proxecto da instalación eléctrica denominada regulamentación LMTA SEQ805-apoios 81-40-b-13 e 81-40-b-14.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 23 de febreiro de 2023 e no Diario Oficial de Galicia do 9 de marzo, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Quiroga. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito ante esta Xefatura Territorial de Economía, Industria e Innovación (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto denominado regulamentación LMTA SEQ805-apoios 81-40-b-13 e 81-40-b-14 presentado pola empresa UFD Distribución Electricidad, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, (BOE núm. 236, do 2 de outubro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 30 de agosto de 2023

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo