DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 22 de setembro de 2023 Páx. 53912

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para realizar eleccións para a constitución do consello escolar en centros docentes de nova creación e outros sostidos con fondos públicos.

No punto 6 do artigo 126 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), establécese que lles corresponde ás administracións educativas determinar o número total de membros do consello escolar e regular o proceso de elección. Ao abeiro do establecido na disposición transitoria décimo primeira da LOE, dado que o dito artigo remite a ulteriores disposicións regulamentarias que aínda non foron ditadas, son de aplicación as normas dese rango que o viñan sendo na data de entrada en vigor da LOE, sempre que non se opoñan ao disposto nela.

Pola súa banda, o Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, e os decretos 324/1996, do 26 de xullo, 374/1996, do 17 de outubro, e 7/1999, do 7 de xaneiro, establecen as condicións de realización das eleccións dos membros dos consellos escolares nos centros docentes.

A Orde do 21 de outubro de 1996, pola que se determinan aspectos para a elección dos membros do consello escolar nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, establece o procedemento de integración no consello escolar do profesorado, do alumnado e das nais e pais do alumnado do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que cursen estudos nun centro de primaria, e determina a composición dos consellos escolares dos institutos de educación secundaria con menos de oito unidades.

A Orde do 28 de agosto de 1996, pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados, establece que o dito procedemento se realizará de acordo co regulamentado nesa orde e que nos aspectos non previstos nela haberá que aterse ao establecido para os centros públicos no Decreto 92/1988, do 28 de abril, modificado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo.

Dado que no derradeiro trimestre do ano 2022 correspondeu a renovación de todos os consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma, no presente ano é preciso constituír o consello escolar por primeira vez nos centros creados con posterioridade á citada renovación, ao tempo que se regulariza a situación daqueles centros que, por razóns de diversa índole, non realizasen as eleccións no citado proceso do ano 2022. Polo tanto, como directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta disposición é fixar as datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos que inician o seu funcionamento no curso 2023/24, así como ditar instrucións para o seu desenvolvemento.

2. Esta resolución é de aplicación nos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Calendario de eleccións para centros que inician o funcionamento no curso 2023/24

1. As eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa para a primeira constitución do consello escolar nos centros que iniciaron o seu funcionamento no curso 2023/24 realizaranse entre os días 6 e 10 de novembro de 2023, ambos os dous incluídos. A xunta electoral, co fin de que todos os sectores implicados poidan participar, establecerá un calendario para as votacións correspondentes.

2. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 16 e 20 de outubro de 2023, ambos os dous incluídos.

3. De conformidade co establecido no artigo 31.b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

4. A primeira renovación do consello escolar dos centros a que se refire este ordinal producirase no ano 2024, coincidindo coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido na normativa vixente.

Terceiro. Calendario de eleccións para centros que non realizaron a primeira constitución ou a renovación parcial no ano 2022

1. Os centros que na convocatoria do ano 2022 deberían ter realizado a primeira constitución ou a renovación parcial do consello escolar pero que por calquera circunstancia non a fixeron deberán regularizar a súa situación levando a cabo o proceso electoral de acordo co calendario e normas previstos nesta resolución.

2. No caso de renovación parcial, para determinar os membros do consello escolar que deben ser renovados terase en conta o establecido nos correspondentes decretos polos que se establecen os regulamentos orgánicos. Ademais, os centros modificarán en cada renovación parcial o número de membros do consello escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.

3. Os centros a que se refire este ordinal realizarán a renovación do consello escolar no ano 2024, coincidindo coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido na normativa vixente.

Cuarto. Permisos

Aos membros integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e aos electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Non obstante, o día ou os días en que teñan lugar as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Quinto. Actas

1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, á cal se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I a esta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro, como presidencia da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos e candidatas elixidos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral ao xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

3. Logo da constitución do consello escolar, a que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro remitiralle ao xefe ou xefa territorial, antes do 15 de decembro de 2023, o informe de seguimento que se publica como anexo II a esta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2023

Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa

missing image file
missing image file