DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 22 de setembro de 2023 Páx. 53955

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2023 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos (código de procedemento TU985E).

A Axencia de Turismo de Galicia procede á convocatoria do programa #DescubreGaliciaenOutono co obxectivo de seguir aplicando, durante o ano 2023, incentivos dirixidos ás persoas residentes en Galicia, co obxectivo de desestacionalizar a actividade turística fóra do período estival e contribuír con iso a dinamizar a economía e o emprego turístico.

O programa #DescubreGaliciaenOutono substitúe o programa Bono turístico #QuedamosenGalicia, posto en marcha no ano 2020 para incentivar a demanda de servizos turísticos internos pola COVID-19. No novo programa desaparece o concepto de tarxeta e, con ela, a necesidade de achegar unha cantidade económica adicional por parte das persoas beneficiarias, e aplícase o concepto de bono-desconto, que só se poderá utilizar para obter unha rebaixa do custo de estadías en establecementos turísticos de aloxamento e axencias de viaxes radicados en Galicia e adheridos ao programa.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prevé a posibilidade de contar con entidades colaboradoras no procedemento de xestión e pagamento de axudas públicas. Neste sentido, o seu artigo 9 establece que será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregue e distribúa os fondos públicos ás persoas beneficiarias cando así se estableza nunhas bases reguladoras, ou colabore na xestión da subvención.

Así mesmo, o artigo 13.4 da mesma lei dispón que, cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, se seleccionarán previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, e a colaboración se formalizará mediante convenio, salvo que polo obxecto da colaboración resulte de aplicación plena a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A teor do exposto, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase o procedemento para a selección dunha entidade financeira colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos (código de procedemento TU985E).

Artigo 2. Obxecto da colaboración

O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos.

Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia segundo o modelo que figura como anexo I da resolución.

Artigo 3. Requisitos e condicións de solvencia

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.

– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.

A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregando e distribuíndo os fondos públicos aos establecementos turísticos de aloxamento e ás axencias de viaxes adheridos ao programa.

Artigo 4. Prazo de duración

O prazo de duración da colaboración estenderase desde o momento da sinatura do correspondente convenio ata o 31 de decembro de 2023.

O dito convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Obrigas e compromisos da entidade colaboradora

Son obrigas da entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Estar ao día no pagamento das obrigas á Facenda Pública do Estado e á Administración autonómica, así como á Seguridade Social.

2. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Axencia de Turismo de Galicia.

4. Actuar en nome e por conta da Axencia de Turismo de Galicia, entregando e distribuíndo as axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos.

5. Conservar a documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a sinatura do convenio de colaboración.

6. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e as demais disposicións vixentes sobre a materia.

7. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios de selección da entidade colaboradora

Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:

– Proposta técnica que describa coa amplitude e o detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada: ata 70 puntos.

– Experiencia no desenvolvemento de programas similares, tendo especialmente en conta o alcance e a amplitude do programa en función do número da poboación: ata 30 puntos.

Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo máximo de presentación das solicitudes será de cinco días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Escritura de constitución/modificación.

– Poder acreditativo da representación da persoa que asina a solicitude de participación.

– Proposta técnica, memoria e toda a documentación que, ao xuízo da entidade solicitante, lle permita á Administración valorar a solicitude conforme os criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

1. NIF da entidade solicitante.

2. DNI/NIE da persoa representante.

3. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

4. Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

5. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidente/a: o/a xerente da Axencia de Turismo de Galicia.

Vogais:

O/a secretario/a de Coordinación Económica e Administrativa da Axencia de Turismo de Galicia.

Un/unha xefe/a de área da Axencia de Turismo de Galicia.

Un/unha funcionario/a da Axencia de Turismo de Galicia, que fará as funcións de secretario/a.

3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 11. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución, e corresponderalle á persoa titular da Dirección da dita axencia ditar a resolución que corresponda.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e xxxxxx para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono, a través dos bonos turísticos

Santiago de Compostela, ... de ... de 2023

REUNIDOS:

Dunha parte:

José Manuel Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia, en virtude do nomeamento efectuado polo Decreto 100/2023, do 29 de xuño (DOG núm. 124, do 30 de xuño), e conforme as facultades que lle confire o número dous da disposición adicional segunda do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 117, do 20 de xuño), que desconcentra no titular da Dirección da Axencia a competencia para subscribir convenios de colaboración no seu respectivo ámbito competencial, de acordo co previsto no artigo 15.2.c) dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro (DOG núm. 193, do 9 de outubro).

Doutra parte:

..., con DNI ..., actuando en nome e representación de ..., na súa condición de..., en virtude das facultades emanadas de ....

MANIFESTAN:

Primeiro. A Axencia de Turismo de Galicia procede á convocatoria de concesión de axudas económicas dirixidas a propiciar o fortalecemento do sector turístico, estimulando a demanda interna de aloxamento turístico co obxectivo de favorecer a desestacionalización da actividade turística e contribuír con iso a dinamizar a economía e o emprego turístico.

A concesión destas axudas farase efectiva a través dos bonos turísticos, que poderán ser utilizados polas persoas físicas maiores de idade residentes en Galicia nos establecementos turísticos de aloxamento e nas axencias de viaxes radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e adheridos ao programa, segundo as condicións de participación establecidas na resolución pola que se estableza o procedemento de concesión dos ditos bonos.

Segundo. A entidade xxxxxx, conforme a Resolución do 19 de setembro de 2023, da Axencia de Turismo de Galicia, resultou seleccionada como entidade financeira colaboradora na entrega e distribución dos fondos do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos.

Terceiro. Ambas as partes, por razóns de eficacia na xestión e co fin de acadar unha mellor prestación dos servizos ás persoas beneficiarias das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir este convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto da colaboración

Constitúe o obxecto deste convenio establecer o marco da colaboración entre as partes asinantes para a xestión e distribución dos fondos das axudas económicas que se van convocar no marco do programa #DescubreGaliciaenOutono para fortalecer o sector turístico de Galicia, estimulando a realización de viaxes fóra dos meses de verán, con pernoita e dentro do ámbito autonómico, entre a cidadanía galega.

Segunda. Entidade colaboradora

xxxxxx é unha entidade colaboradora que cumpre cos artigos 3 e 6 da resolución pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos.

Terceira. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido na resolución pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección da entidade financeira colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, está obrigada ao seguinte:

1. Entregar e distribuír as axudas do programa mediante a habilitación dunha plataforma tecnolóxica específica e das aplicacións informáticas máis idóneas para a posta en marcha, a eficaz execución e o seguimento do programa, de tal forma que permita ter un seguimento, control e reastrexabilidade da emisión dos bonos e o seu troco nos establecementos turísticos de aloxamento e nas axencias de viaxes adheridos e o pagamento destes, de acordo coas previsións establecidas na cláusula quinta.

2. Ter operativas a plataforma e/ou as aplicacións informáticas, habilitando o procedemento operativo antes da entrada en vigor da resolución de convocatoria do programa.

3. Utilizar a imaxe do programa definida pola Axencia de Turismo de Galicia en todos os soportes físicos e dixitais.

4. Pór á disposición da Axencia de Turismo de Galicia os seguintes informes:

– Persoas usuarias dadas de alta no programa.

– Establecementos turísticos de aloxamento e axencias de viaxes dados de alta no programa.

– Número de bonos descargados (localidade, provincia).

5. Ser a depositaria dos fondos transferidos e entregar e distribuír os fondos públicos aos establecementos turísticos de aloxamento e ás axencias de viaxes adheridos ao programa, sen ningún custo ou requisito adicional dos previstos no programa e con independencia de que sexan clientes/as da entidade, cunha periodicidade semanal.

Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do seu patrimonio.

6. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, se é o caso, coas instrucións específicas dadas pola Axencia de Turismo de Galicia.

7. Informar do saldo dispoñible dos bonos unha vez acadada a súa data de caducidade ou ao final do programa, coa finalidade de realizar o reembolso dese saldo, se é o caso, á Axencia de Turismo de Galicia.

8. Comunicar á Axencia de Turismo de Galicia, a través do correspondente ficheiro, as operacións de liquidacións e transferencias de aboamento realizadas, cunha periodicidade semanal.

9. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidos para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.

Deberase manter a xestión das bases de datos do programa á marxe das bases de datos da clientela da entidade financeira, e non se poderá utilizar para ningún fin distinto da propia administración e xestión dos bonos.

11. Dispor de libros e rexistros contables para facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.

12. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

13. Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e particularmente nos seus artigos 10 e 12, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Cuarta. Obrigas da Axencia de Turismo de Galicia

A Axencia de Turismo de Galicia comprométese a:

1. Librar o crédito necesario para realizar o pagamento dos bonos trocados dentro do período subvencionable establecido na correspondente resolución de convocatoria do programa.

2. Definir a imaxe do programa en todos os soportes físicos e dixitais.

3. Facilitar o contido das declaracións das altas dos establecementos turísticos de aloxamento e das axencias de viaxes e das persoas usuarias, así como das autorizacións expresas en materia de protección de datos, nos termos que se establezan na resolución de convocatoria do programa e neste convenio.

4. Autorizar as liquidacións con carácter previo á súa transferencia.

5. Compensar os gastos en que incorra a entidade colaboradora ao abeiro do artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Operativa da xestión das axudas

– A entidade colaboradora habilitará as aplicacións informáticas tecnicamente máis idóneas para dar de alta as persoas usuarias dos bonos turísticos, identificando respecto de cada unha delas a información que se estableza na resolución de convocatoria do programa e, en todo caso, a seguinte:

• Nome e apelidos.

• Maioría de idade.

• DNI/NIE.

• Localidade de residencia (código postal).

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

– Habilitación da solución técnica para a descarga dixital dos bonos por parte das persoas usuarias.

Cada persoa usuaria disporá dos bonos que se establezan na resolución de convocatoria do programa, que poderán ser usados nun ou en varios dos establecementos turísticos de aloxamento e nas axencias de viaxes adheridos ao programa. A súa aplicación será efectuada polos propios establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes, e para tal efecto a entidade colaboradora habilitará os mecanismos e as canles necesarias.

Cada bono terá o valor determinado na resolución de convocatoria do programa e irase reducindo en función do valor do gasto efectuado de acordo cos criterios establecidos na citada resolución.

O período de validez dos bonos será o establecido na resolución de convocatoria do programa.

O uso da aplicación e a descarga do bono polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informadas convenientemente.

Para estes efectos, por medio dunha declaración responsable, as persoas usuarias deberán manifestar, baixo a súa responsabilidade, que cumpren cos requisitos establecidos na resolución correspondente e que os datos indicados son certos. Así mesmo, deberán constar as autorizacións correspondentes en materia de protección de datos persoais nos termos que se establezan na resolución de convocatoria do programa e neste convenio.

– A Axencia de Turismo de Galicia, mediante convocatoria pública, establecerá o prazo para que os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes interesados en adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono, a través dos bonos turísticos, se dean de alta na aplicación tecnolóxica habilitada para tal efecto pola entidade colaboradora.

Na alta dos establecementos turísticos de aloxamento e das axencias de viaxes deberá quedar constancia da información que se estableza na resolución de convocatoria do programa e, en todo caso, a seguinte:

▪ Nome e apelidos/razón social.

▪ NIF/CIF.

▪ Nome, apelidos e DNI/NIE da persoa representante.

▪ Denominación do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

▪ Sinatura do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

▪ Enderezo do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

▪ Número de teléfono móbil.

▪ Correo electrónico.

▪ IBAN da conta bancaria.

▪ Páxina web do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

A alta e o uso da aplicación polos establecementos turísticos de aloxamento e axencias de viaxes suporá a aceptación das condicións e obrigas do programa e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informadas convenientemente.

Para estes efectos, as persoas titulares dos establecementos turísticos de aloxamento e das axencias de viaxes deberán asinar dixitalmente unha declaración responsable en que manifesten o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados.

O importe máximo de bonos que pode trocar cada establecemento ou axencia de viaxes establecerase, se é o caso, na resolución de convocatoria do programa.

A entidade colaboradora habilitará o sistema de funcionamento e troco dos bonos de tal forma que quede rexistrado o importe e o concepto do gasto efectuado, a identificación do bono e o importe descontado.

– A entidade colaboradora deberá entregar e distribuír aos establecementos turísticos de aloxamento e axencias de viaxes, na conta bancaria indicada para tal efecto, o importe dos bonos trocados.

Sexta. Depósito dos fondos públicos

Para dar cumprimento ao disposto no punto 1 da cláusula cuarta, a Axencia de Turismo de Galicia depositará os fondos públicos destinados ao programa #DescubreGaliciaenOutono na seguinte conta bancaria da entidade financeira colaboradora: xxxxxx. O depósito farase co concepto de «pagamento programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos».

Sétima. Compensación económica e constitución de garantías

A compensación económica a favor de xxxx polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do programa #DescubreGaliciaenOutono, a través dos bonos turísticos, é de 60.000,00 euros, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0 dos orzamentos da Axencia de Turismo de Galicia para o ano 2023.

O pagamento da compensación económica farase á entidade financeira colaboradora, unha vez finalizado o programa #DescubreGaliciaenOutono, a través dos bonos turísticos, na seguinte conta bancaria: ...

De acordo co establecido no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que a colaboración recolle a entrega ou distribución dos fondos, será necesario presentar aval polo importe total dos fondos públicos percibidos máis os xuros de demora correspondentes ata seis meses despois da finalización do prazo de xustificación da solicitude.

Oitava. Protección de datos

As partes asinantes virán obrigadas, en materia de protección de datos, a cumprir co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.

As partes deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lles sexan confiados para a formalización do programa ou que sexan elaborados con ocasión da súa execución, salvo que a comunicación derive dunha obriga legal ou mandato xudicial.

A entidade colaboradora, como encargada do tratamento dos datos, ten encomendado o labor de recollida, rexistro e almacenamento dos datos persoais necesarios para a tramitación dos bonos turísticos segundo as directrices establecidas pola Axencia de Turismo de Galicia, e garante expresamente, respecto dos datos de carácter persoal que se traten durante a xestión dos ditos bonos:

a) Que adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a súa conservación e seguridade e evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.

b) Que non os comunicará a terceiras persoas.

c) Que gardará o segredo profesional respecto destes.

d) Que os utilizará única e exclusivamente para os efectos previstos neste convenio.

As obrigas anteriormente citadas non exclúen nin contraveñen as obrigas que se citarán como condición de encargado do tratamento.

Novena. Encargado do tratamento

A Axencia de Turismo de Galicia ten a condición de responsable do tratamento de datos persoais e a entidade colaboradora ten a condición de encargado do tratamento, e a entidade colaboradora comprométese ás seguintes condicións:

1. Tratar por conta da Axencia de Turismo de Galicia os datos de carácter persoal necesarios para a xestión dos bonos turísticos. A tipoloxía de datos tratados e as categorías de interesados serán unicamente os recollidos na resolución de convocatoria. O tratamento poderá consistir na recollida, rexistro, conservación, consulta, supresión e destrución da información.

2. Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto desta encarga. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios e será considerado neste suposto como responsable do tratamento.

3. Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, informará inmediatamente o responsable.

4. Levar por escrito, cando proceda segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento efectuadas por conta do responsable, que inclúa o contido previsto no referido artigo.

5. Non comunicar os datos a terceiras persoas, salvo que conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.

6. Manter o deber de segredo respecto dos datos persoais a que teña acceso en virtude deste convenio, mesmo despois de que finalice o seu obxecto.

7. Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, do cal serán informados convenientemente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obriga.

8. Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

9. Asistir o responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que este poida cumprir coa súa obriga de responder ás ditas solicitudes das persoas interesadas nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitará ao responsable, por requirimento deste e o antes posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que as persoas afectadas solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraas a través de calquera medio fidedigno de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

10. No caso de que o obxecto da colaboración prevexa a recollida de datos directamente pola entidade, esta facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se vaian realizar no momento de recadar os datos. A redacción e o formato en que se facilitará a información deberase acordar co responsable e cumprirá, en todo caso, as exixencias previstas no RXPD e na LOPDGDD.

11. Notificar ao responsable do tratamento, de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo de que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia, de ser o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.

12. Dar apoio ao responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas á protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando cumpra.

13. Implantar, nos casos que proceda, as previsións recollidas no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

13.1. Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.

13.2. Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidencia física ou técnica.

13.3. Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.

13.4. Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se for necesario.

14. Pór á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigas, en particular certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, en caso de non existir, facilitando a realización das auditorías ou as inspeccións que realice o responsable ou outro auditor autorizado.

15. Designar un delegado de protección de datos, se corresponde segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicar a súa identidade e os datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

Para estes efectos, faise constar que a entidade financeira colaboradora conta cun/cunha delegado/a de protección de datos formalmente designado/a, ..., e co cal o responsable do tratamento se pode pór en contacto mediante o seguinte enderezo electrónico: ....

16. Devolver ao responsable, unha vez cumpridas as prestacións obxecto deste convenio, os datos persoais e, de ser o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipamentos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres poidan derivar responsabilidades da execución da prestación.

17. Non subcontratar ningunha das prestacións que formen parte do obxecto deste convenio que comporten o tratamento de datos persoais, fóra daqueles servizos auxiliares que resulten necesarios para o normal funcionamento dos servizos do encargado ou aqueles que resulten precisos para acadar o bo fin deste convenio. Neste caso, as entidades subcontratistas terán tamén a condición de encargado do tratamento e deberán cumprir igualmente as obrigas establecidas neste convenio para esta figura e as instrucións que dite o responsable do tratamento. Á entidade bancaria colaboradora corresponderalle regular a nova relación de forma que o novo encargado quede suxeito ás mesmas condicións (instrucións, obrigas, medidas de seguridade…), ao mesmo réxime de responsabilidade e cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial, no referente ao adecuado tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas.

Décima. Prazo de duración

Este convenio de colaboración entrará en vigor o día da súa sinatura e os seus efectos estenderanse ata o 31 de decembro de 2023.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Décimo primeira. Interpretación do convenio

As cuestións xurdidas verbo da interpretación, modificación ou efectos do convenio serán resoltas pola Axencia de Turismo de Galicia, e os seus acordos porán fin á vía administrativa.

Contra estes acordos cabe interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderá interporse directamente, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se o dito acto for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo segunda. Resolución do convenio

Son causas de resolución deste convenio:

1. O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen que se acordase a súa prórroga.

2. O acordo unánime das partes asinantes.

3. O incumprimento total ou parcial das estipulacións contidas nas cláusulas ou no articulado da resolución pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes de axudas en curso.

4. Calquera outra causa distinta das anteriores prevista na lexislación vixente.

Para os efectos do reintegro das subvencións, haberá que aterse ao disposto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo terceira. Xustificación e inspección

A Axencia de Turismo de Galicia, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa subvencional.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos turísticos de aloxamento ou das axencias de viaxes adheridos, a Axencia de Turismo de Galicia poderá cancelar a adhesión destes ao programa #DescubreGaliciaenOutono, e comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e pagamento dos bonos.

Os establecementos de aloxamento e as axencias de viaxes adheridos están obrigados a facilitar canta información sexa requirida pola Axencia de Turismo de Galicia e os restantes órganos de control no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Décimo cuarta. Natureza administrativa

Este convenio de colaboración ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da dita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar.

O convenio rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo.

As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e o cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo quinta. Réxime xurídico

Para todo o non previsto neste convenio de colaboración observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como nas restantes normas xerais de dereito administrativo.

E en proba da conformidade cos termos deste convenio de colaboración, as partes asínano e rubrícano no lugar e na data indicados no encabezamento.

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

xxxxxx

missing image file
missing image file