DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 22 de setembro de 2023 Páx. 53979

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 19 de setembro de 2023 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos (código de procedemento TU985E).

BDNS (Identif.): 717500.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades colaboradoras

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.

– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.

A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregando e distribuíndo os fondos públicos aos establecementos turísticos de aloxamento e ás axencias de viaxes adheridos ao programa.

Segundo. Obxecto

O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos.

Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia segundo o modelo que figura como anexo I da resolución.

Terceiro. Criterios de selección da entidade colaboradora

Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:

– Proposta técnica que describa coa amplitude e o detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada: ata 70 puntos.

– Experiencia no desenvolvemento de programas similares, tendo especialmente en conta o alcance e a amplitude do programa en función do número da poboación: ata 30 puntos.

Cuarto. Bases reguladoras

As bases reguladoras para a concesión de axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos publicaranse conxuntamente coa convocatoria do programa.

Quinto. Compensación económica

A compensación económica a favor da entidade colaboradora polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do programa #DescubreGaliciaenOutono, a través dos bonos turísticos, é de 60.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0 dos orzamentos da Axencia de Turismo de Galicia para o ano 2023.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo máximo de presentación de solicitudes será de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia