DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2023 Páx. 53735

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda incoar o procedemento para incluír o hórreo situado no lugar de Guntín, na parroquia de Santa María de Oroso, no concello da Cañiza, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante LPCG.

A LPCG, no seu artigo 1.1, establece que o seu obxecto é «a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras».

Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polos bens inmobles que, polo seu valor etnolóxico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

No artigo 8.3 da LPCG establécese que «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu notable valor cultural, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».

O artigo 10.1.a) da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como monumento «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O artigo 25.1 da LPCG ditamina que «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión lle corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural».

Os hórreos galegos teñen unha especial consideración na LPCG e, como consecuencia, entre os seus obxectivos xerais está a súa protección. Así se recolle no seu capítulo III do título VII, referido aos bens que integran o patrimonio etnolóxico, e especialmente nos ditados do artigo 91.1 «Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidos por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia». Segundo o artigo 91.3, «Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación, presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens, sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade». Os hórreos relaciónanse na letra a) deste artigo.

Ben que no artigo 92.1 a LPCG indica que serán bens de interese cultural os hórreos dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901, no artigo 92.2 dispón que «Os hórreos [...] cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico».

O 20 de setembro de 2021 entra no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha solicitude de declaración de ben de interese cultural dun hórreo situado no lugar de Guntín, na parroquia de Santa María de Oroso, no termo municipal da Cañiza. No escrito de solicitude a interesada indica que é un hórreo de pedra «que supomos é anterior a 1901».

Tras serlle requirida a xustificación da antigüidade, presenta nova documentación e afirma que o piorno é anterior a esta data. Porén, coa documentación achegada, non acredita tal información.

Segundo se conclúe dos informes elaborados pola arquitecta do Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o hórreo situado no lugar da Guntín, da parroquia de Santa María de Oroso, no termo municipal da Cañiza (Pontevedra), axústase á tipoloxía tradicional dos hórreos galegos, conserva de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, polo que se lle recoñece un notable valor cultural como ben etnolóxico, que xustifica a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Unha vez vista a información que se xunta co expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais como ben etnolóxico, cómpre incoar o procedemento de catalogación do hórreo do lugar de Guntín, no exercicio da competencia que lle atribúe á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoación do procedemento

Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o hórreo situado no lugar de Guntín, na parroquia de Santa María de Oroso, no termo municipal da Cañiza, consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación detallada no anexo II.

Segundo. Prazo de resolución e caducidade

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Transcorrido este prazo sen que se emita resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Anotación preventiva e réxime de protección

Ordenar a anotación preventiva do ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar de forma provisional o réxime de protección previsto para os bens catalogados.

Cuarto. Publicación

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Notificación

Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas no procedemento e ao Concello da Cañiza.

Sexto. Información pública

Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. O escrito de alegacións ou de achega de información dirixirase ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o cal poderá empregarse o procedemento PR004A da sede electrónica da Xunta de Galicia, dispoñible no seguinte enderezo web: www.sede.xunta.gal

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

María Carmen Martínez Insua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

Hórreo no lugar de Guntín.

2. Localización:

– Provincia: Pontevedra.

– Concello: A Cañiza.

– Parroquia: Oroso (Santa María).

– Lugar: Guntín.

– Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29), X: 563284.7, Y: 4674397.15.

– Referencia catastral: 36009B511090140000FA.

3. Descrición:

Hórreo mixto de dous claros de planta rectangular cuberto a dúas augas, construído con madeira e pedra granítica de boa calidade. O celeiro está sustentado por seis pés nos cales se apoian transversalmente tres lousas de cantaría que voan sobre os costais e os penais (as dúas dos extremos). Sobre estas lousas cargan dous linteis inferiores en cada unha das paredes costais e outros dous transversais enriba dos tornarratos dos penais. Estas últimas pezas de cantaría teñen forma de T e apoiando os extremos no rebaixe das vigas ou linteis lonxitudinais. A estrutura do forxado da cámara semella ser unha armazón de vigas e pontóns de madeira, que soporta o taboado do piso deste mesmo material.

A estrutura vertical é igualmente de pezas prismáticas de cantaría (3 columnas por costal), sobre as cales descargan os linteis ou soleiras que reciben a cuberta. Estas vigas teñan menor canto e lonxitude ao colocar sobre as columnas intermedias outra peza transversal ou tesoira de cantaría. No punto medio desta, e encaixada no rebaixe dos pinches, colócase unha viga lonxitudinal de madeira. Transversalmente, apegadas a cada un dos pinches, apoian outras dúas vigas a cada lado. Enriba desta estrutura colócanse lousas de granito como material de cubrición. As dos extremos voan sobre os costais ao igual que as sobrepenas, que voan ademais sobre cada un dos penais. A propiedade indica que algunhas destas lousas da cuberta están desprazadas.

Os claros eran de táboas verticais de madeira unidas por unha faixa horizontal. Destas só se conserva unha metade do primeiro claro e a porta situada nun dos penais, ambas en moi mal estado. Mantense unha táboa transversal no costal enfrontado ao anterior, encaixado a media altura dos piares de cantaría. O penal traseiro péchase con dúas pezas de cantaría de diferente dimensión apoiadas, ao igual que as columnas, no lintel inferior. No pinche deste lateral apréciase o rebaixe en que apoia a viga lonxitudinal do cumio da cuberta. No pinche colocado no penal de acceso á cámara hai unha cruz tallada enmarcada dentro doutro adorno con formas curvas.

Nos hórreos baixos, para a entrada á cámara desde o exterior non adoita haber unha escaleira fixa de acceso á porta; cando é necesario utilízase unha pequena escada de man, que se apoia directamente no limiar da porta ou na plataforma que o antecede. Outras veces diante da porta colócase unha peza de pedra que, servindo de chanzo, facilita o acceso, pero deixando sempre un desnivel para evitar a entrada dos ratos. Neste hórreo descoñécese cal era a solución para subir á cámara.

4. Usos:

O inmoble atópase na actualidade en desuso debido á falta de obras de conservación e mantemento. O uso tradicional estaba asociado ás necesidades domésticas da casa a que pertence, tanto de almacenamento como de conservación da colleita.

5. Estado de conservación:

O estado de conservación do hórreo é bo desde o punto de vista estrutural, por ser maioritariamente unha construción de pezas de cantaría de boa calidade. A pesar do paso do tempo, non presenta deformacións apreciables que poidan afectar a súa estabilidade. Pode que algunha das lousas que cobren o tellado podería terse desprazado.

Os taboados de madeira dos claros e a porta de entrada teñen que ser restituídos na súa totalidade. A estrutura de madeira, tanto da cuberta coma do forxado do piso, ao igual que este, é moi posible que tamén teñan que ser substituídos. En xeral, todos os elementos de madeira presentan un avanzado estado de deterioración por falta de mantemento.

Partindo da análise previa sobre o estado do hórreo, serán necesarias obras de rehabilitación urxente para evitar a súa ruína. Débense reconstruír os taboados dos claros e penal de entrada, así como repor o forxado da cámara e revisar as pezas de madeira da cuberta, que case con toda seguridade terán que ser substituídas. Así mesmo, deberanse limpar e recolocaranse as lousas desprazadas do tellado. En xeral, realizarase a limpeza de todas as pezas de cantaría por medios manuais.

Ademais do indicado, e baixo supervisión técnica, tras unha análise máis detallada do estado actual do hórreo, deben realizarse todas as obras necesarias para rehabilitar o ben e evitar a súa perda.

6. Natureza e categoría:

Natureza: ben inmoble.

Categoría: monumento.

Interese cultural: etnolóxico.

7. Nivel de protección:

Estrutural.

8. Réxime de protección:

O hórreo como elemento singular do patrimonio etnolóxico protexido rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e IV da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Atendendo ao disposto no punto terceiro desta resolución, a anotación preventiva do ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia implica a aplicación de forma provisional do réxime de protección establecido na LPCG. Neste senso, tendo en conta o descrito no número 5 do presente anexo sobre o seu estado de conservación, o seu propietario está obrigado a executar as obras que nel se describen e/ou aquelas que conforme unha análise máis detallada sexan necesarias para a conservación do ben.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlles o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. A utilización dos bens catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

– Nivel de protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

En aplicación dos criterios sinalados no artigo 38 da LPCG, proponse un contorno de protección do elemento etnolóxico que se detalla graficamente no plano adxunto (anexo II). Este represéntase sobre a cartografía da sede electrónica do Catastro a escala 1:1000.

A delimitación queda literalmente xeorreferenciada mediante a cita das parcelas catastrais. Estas quedarían dentro do ámbito do solo de núcleo rural tradicional sinalado no Plan xeral de ordenación municipal da Cañiza (plano nº 12), en diante PXOM. Porén, a planimetría do PXOM non se corresponde exactamente coa cartografía catastral nin tampouco coa situación actual do parcelario. O Catastro sitúa o hórreo na parcela dun camiño; porén, aquel semella estar vinculado a unha vivenda cuxa parcela limita directamente con outra lindeira polo sur e situada esta a unha cota inferior. De aí que o contorno que se define inclúa ambas as parcelas e parte da do camiño que a realidade non reflicte.

Ademais da referencia catastral, as ditas parcelas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela con que se corresponden (polígono/parcela).

O contorno de protección queda definido polo perímetro que une os puntos A-B-C-D-E.

Tramo A-B: parte do punto A, situado no extremo noroeste da parcela 36009B511052750000FK (511/5275), ata o punto B, que coincide co extremo nordeste desta mesma parcela catastral. A liña que une os puntos A e B discorre polo lindeiro norte dela.

Tramo B-C: desde o punto B continúa o contorno de protección polo límite leste cara ao sur seguindo o camiño ata o punto C. Este coincide coa esquina sueste da vivenda tradicional construída sobre a mesma parcela 36009B511052750000FK (511/5275). Na actualidade, o hórreo semella estar vinculado a este inmoble.

Tramo C-D: desde C trázase unha liña ficticia cara ao sur ata o punto D. Este coincide co extremo nordeste da parcela 36009B511009860000FQ (511/986). A dita liña que une ambos os puntos e delimita unha parte do contorno polo leste divide e inclúe parcialmente dentro da delimitación a parcela 36009B511090140000FA (511/9014). Segundo a sede electrónica do Catastro nesta parcela, descrita como vía de comunicación, localízase o hórreo catalogado.

Tramo D-E: a unión entre os puntos D a E discorre polo perímetro da parcela catastral 36009B511009860000FQ (511/986), bordeando o camiño. Esta queda incluída na súa totalidade dentro do contorno de protección do hórreo. A razón é que, tras a inspección efectuada polos servizos técnicos ao lugar de Guntín, a parcela está apegada á da casa a que se supón que pertence o hórreo (situada esta a unha cota superior). Ambas as dúas encóntranse separadas por un muro de peche de cachotes tradicional, complementado por unha rede de arame. Isto permite reiterar que parece haber un erro na cartografía catastral. O punto E colócase no extremo noroeste na intersección da antedita parcela (36009B511009860000FQ) coa do camiño público, a parcela 36009B511090140000FA (511/9014).

Tramo E-A: do punto E únese ao punto A inicial, seguindo en dirección cara ao norte a liña que delimita a parcela do camiño polo oeste (36009B511090140000FA).

Quedarán incluídas dentro do contorno de protección do elemento catalogado as dúas parcelas completas, 36009B511052750000FK e 36009B511009860000FQ, e parte da 36009B511090140000FA, definida como «vía de comunicación de dominio público».

missing image file