DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2023 Páx. 53792

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de Camilo Torrón Boudón.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 30 de setembro de 2022 acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Camilo Torrón Boudón (ABI/2017/0011).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (Supl. N. nº 260, do 29.10.2022), no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 203, do 25.10.2022), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Lugo por un prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos cales se acredita o seu falecemento, o 10 de outubro de 2015 en Lugo, así como que non outorgou testamento rexistrado e que, aínda que se comprobou a existencia de herdeiros legais, todos eles repudiaron a herdanza do falecido. Figura igualmente incorporado ao procedemento certificado do seu empadroamento no Concello de Lugo, polo que queda xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.

Non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica.

Das consultas efectuadas perante o Catastro Inmobiliario, no Índice Xeral Informatizado de Predios e Dereitos do Rexistro da Propiedade e por outras fontes, determinouse, en principio, que polo menos forman parte dos bens hereditarios da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, e sen prexuízo da inclusión daqueloutros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións efectuadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos.

– Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia; artigo 267 e seguintes.

– Código civil; artigo 657 e seguintes.

– Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas; artigos 20.6, 20.bis e 20 ter.1.

– Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia; artigos 4 e 56.

– Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública; artigos 4 e 7.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Camilo Torrón Boudón, con DNI 33782132P, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicarlle á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

a) Bens inmobles:

– Piso primeiro, destinado a vivenda, do edificio nº 86 da rúa Lamas de Prado, da cidade de Lugo, que ten unha superficie construída segundo o Catastro inmobiliario de 123 m².

Referencia catastral: 6839438PH1663N0002YA.

Valor catastral: 25.668,95 €.

Inscrición rexistral: non consta.

b) Contratos e outros efectos bancarios:

– Banco Santander, S.A., conta de aforro: 0049 4135 6126 9409 9017.

– Tarxeta Mastercard: 5415 4177 3075 0704.

Terceiro. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por un prazo non inferior a un mes, no taboleiro de anuncios do Concello de Lugo.

Esta resolución poderá ser impugnada por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112.1, 114 e 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución poderán exercer as accións pertinentes ante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio