DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 20 de setembro de 2023 Páx. 53636

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 12 de setembro de 2023 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 5 a 8 e 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta vicepresidencia segunda e consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. Todos os trámites relacionados con este procedemento se efectuarán a través de medios electrónicos. As solicitudes dirixiranse ao Instituto de Estudos do Territorio e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, consonte o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas solicitantes deberán xuntarlle á petición o seu currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Quinto. Esta convocatoria será resolta pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A convocatoria resolverase no prazo máximo de dous meses contados desde a data da súa publicación. No caso de non resolverse no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución leva consigo o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Código do posto: MA.O31.00.000.15770.001.

Denominación: secretario/a do/da director/a.

Centro de destino: Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo.

Consellería: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo e/ou escala: xeral.

Grupo(s)/subgrupo(s): C1-C2.

Nivel: 18.

Complemento específico: 7.489,72 €.

Tipo de adscrición: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia.

missing image file