DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 19 de setembro de 2023 Páx. 53443

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2023 pola que se convoca o curso Modelización e axuste estacional de series de alta frecuencia.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto,

RESOLVO:

Convocar o curso Modelización e axuste estacional de series económicas de alta frecuencia, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos e contidos

O obxectivo principal deste curso é ofrecer unha presentación detallada da metodoloxía e o software necesario para a modelización e o axuste estacional de series de moi alta frecuencia (diaria e semanal). Esta actividade formativa comprende tanto o desenvolvemento teórico da metodoloxía en dúas etapas, como un exercicio práctico detallado utilizando datos diarios da económica española e galega. Dentro das aplicacións, presentarase especial atención á súa implementación informática na linguaxe de programación R e a modelización de efectos anómalos, en particular os asociados co impacto da COVID-19.

De acordo con este obxectivo, neste curso abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• Modelización estrutural.

• Pre-procesamento.

• Modelización da serie diaria de tráfico de persoas en aeroportos.

• Modelización dunha serie diaria proposta polo IGE ou, na súa falta, a serie diaria de afiliación á Seguridade Social.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal que presta servizos no Instituto Galego de Estatística (IGE).

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, poderá acceder ás vacantes que resulten o persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional.

Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade; o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia, policía local e bombeiros; e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal, os/as empregados/as públicos/as da Escala de Saúde Pública e Administración Sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Datas: 26 e 27 de setembro e 3 e 4 de outubro de 2023.

Horario: de mañá.

Modalidade de impartición: telepresenza.

Horas lectivas: dez (10).

O acceso ás sesións do curso realizarase a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Computador de escritorio, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispoñen deles).

Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda con toda a información para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. A ligazón ao manual de telepresenza é o seguinte: https://egap.xunta.gal/ecloud/index.php/s/ZKijmeiZ5ypS3jd

Cuarta. Número de prazas

Prazas: 30.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a solicitude nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda e base sétima desta convocatoria respecto das persoas destinatarias e criterios de selección.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e seleccionar o nome do curso: curso Modelización e axuste estacional de series económicas de alta frecuencia.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 21 de setembro de 2023.

6. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

7. A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación das sesións.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través do número de teléfono 981 54 62 52, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

Sexta. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na antedita acción formativa serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións desta actividade formativa serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado da modalidade de telepresenza a posibilidade do seu visionado posterior, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. Estas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderán ser accesibles unicamente para o profesorado e alumnado a que van dirixidas e para o persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación de solicitudes ata completar o número de prazas. Terá preferencia o persoal do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar na actividade formativa, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, segundo o previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento e puntualidade:

a) É obrigatorio o seguimento das sesións telepresenciais desta actividade formativa con puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento e puntualidade.

c) O non seguimento na modalidade de telepresenza:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, o non seguimento deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de seguimento superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día de finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participen asiduamente e sempre que o seguimento sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas e que superen a proba final en liña. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración