DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 18 de setembro de 2023 Páx. 53301

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou no Diario Oficial de Galicia do día 4 de novembro de 2022 a Resolución do 20 de outubro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E).

O artigo 4.7 das bases reguladoras establece que nestas subvencións se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño de 2023, e o artigo 6.1 das bases reguladoras establece que son gastos subvencionables os que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e fosen realizados e pagados desde o 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2023, ambos incluídos, polo que o período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2023, ambos incluídos.

O artigo 24.1 das bases reguladoras establece que para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto, antes do 31 de xullo de 2023.

A través da Resolución do 29 de novembro do 2022, publicada no DOG núm. 230, do venres 2 de decembro do 2022, amplíanse os prazos de solicitude, de remate do período subvencionable e de xustificación. Deste xeito, o punto segundo desta resolución determina «Modificar a data de remate do período subvencionable e a data límite de xustificación establecida nos artigos 4.7, 6.1 e 24.1, respectivamente, da Resolución do 20 de outubro de 2022, ampliando ambos os prazos ao 20 de setembro de 2023».

Esta liña de axudas está financiada a través dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que exixe que as administracións públicas beneficiarias dela teñan que validar a operación obxecto da subvención a través das plataformas habilitadas para o efecto, concretamente Coffee e Minerva, tal e como se constata na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática de risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Este trámite non estaba incluído na convocatoria inicial porque esta orde do Ministerio de Facenda e Función Pública é posterior no tempo.

O procedemento de validación en árbore establecido nestas aplicacións implica a diferentes axentes da Administración autonómica e estatal. Esta circunstancia provoca demoras na execución dos proxectos subvencionados, o que orixina un prexuízo para as persoas beneficiarias, sobre todo as administracións públicas.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, relativo á ampliación de prazos, establece que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

En consecuencia, tendo en conta que é de interese xeral maximizar a eficacia e eficiencia dos recursos públicos e acadar os obxectivos determinados na convocatoria destas axudas, e que a ampliación que se propón non prexudica a concorrencia nin os dereitos de terceiros,

RESOLVO:

Modificar a Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E), nos artigos que se relacionan a continuación:

1. Modificar o artigo 4.7, que queda redactado como segue: «Nestas subvencións admitiranse aqueles gastos que fosen comprometidos entre o 1 de xaneiro e o 20 de setembro de 2023, ambos incluídos».

2. Modificar o artigo 6.1, que queda redactado somo segue: «Serán gastos subvencionables de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable, que se realicen nos espazos escénicos e musicais situados en Galicia, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e fosen comprometidos desde o 1 de xaneiro ao 20 de setembro do 2023, ambos incluídos».

3. Modificar o artigo 24.1, que queda redactado como segue: «Para ter dereito ao pagamento da axuda, deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto, antes do 20 de outubro de 2023».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais