DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 15 de setembro de 2023 Páx. 52866

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nas comarcas do Condado, Deza, Pontevedra, Tabeirós-Terra de Montes e Vigo.

As afeccións ocasionadas polas poboacións de xabaril veñen experimentando nos últimos anos un incremento no conxunto do territorio de Galicia, que obedece en gran medida aos cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie.

Tense constatado que a especie provoca múltiples danos na agricultura e accidentes de tráfico, e é un problema adicional a presenza cada vez máis habitual de xabarís nas zonas periurbanas.

Así mesmo, unha elevada poboación de xabarís favorecería o risco de dispersión de certas enfermidades, como a peste porcina africana, e dificultaría a súa erradicación nun momento dado, de ser necesaria.

Tanto a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, como a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establecen as excepcións relativas ás prohibicións establecidas nesta normativa para garantir a conservación de especies autóctonas silvestres, e recollen que a Comunidade Autónoma poderá autorizar a captura e/ou morte de especies silvestres en caso de efectos prexudiciais para a saúde e seguridade das persoas e para previr prexuízos importantes aos cultivos, o gando, os bosques, a pesca e a calidade das augas, e para protexer a flora e a fauna silvestres e os hábitats naturais, entre outros supostos, de non existir outra solución satisfactoria e sen que isto supoña causar un prexuízo ao mantemento nun estado de conservación favorable das especies ou as poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural.

Por outra banda, o artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, establece que poderán quedar sen efecto as prohibicións previstas no seu capítulo III, Protección das pezas de caza e autorizacións especiais, despois da autorización da dirección xeral competente en materia de caza, cando da súa aplicación deriven efectos prexudiciais para a saúde, a seguridade das persoas e as especie protexidas, así como para previr prexuízos importantes aos cultivos, o gando, os bosques, a propia caza, a pesca ou a calidade das augas, e para protexer a flora e fauna silvestres e os hábitats naturais.

Nesta liña, a Resolución do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2023/24, establece no seu artigo 13, relativo ao control de danos, que co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán acordar medidas de control.

No marco desta problemática, adoptáronse determinadas medidas de control danos, co fin de minorar na medida do posible os efectos desta especie sobre os ecosistemas, as producións agrarias e o propio medio urbano.

Non obstante, a disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, prevé que cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza, a xefatura territorial competente en materia de caza, de oficio ou por instancia de parte, e logo das consultas e comprobacións que considere oportunas, poderá declarar a dita comarca de emerxencia cinexética temporal e determinar as épocas e medidas conducentes a eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie en cuestión.

Nos concellos pertencentes ás comarcas relacionadas no anexo I desta resolución detectouse o incremento nos últimos exercicios e de xeito exponencial das afeccións ocasionadas por esta especie, principalmente aos cultivos, e nalgúns casos concorreu, así mesmo, un aumento na accidentalidade do tráfico.

A situación actual nestas comarcas é, pois, indicativa da existencia dunhas circunstancias especiais, polo que se considera prioritario incidir na adopción de medidas que permitan axilizar os mecanismos instaurados para o control desta especie cinexética, conducentes a reducir as súas densidades e poboacións.

As actuacións que se van desenvolver nas áreas de emerxencia cinexética temporal dirixiranse ao control das poboacións de xabarís que estean en liberdade no medio natural, que constitúen un risco real para o ecosistema, a gandaría, a agricultura e as persoas, ademais de reducir o perigo de accidentes de tráfico e os posibles riscos sanitarios, e deberá establecerse a natureza e duración das medidas conducentes a reducir o número de exemplares considerados prexudiciais e os controis que se deben exercer.

Por conseguinte, dadas as especiais circunstancias que as poboacións de xabarís están a ocasionar, considérase necesaria a adopción de medidas especiais de control conducentes a reducir as súas densidades e poboacións nos concellos das comarcas indicadas no anexo I desta resolución.

Tendo en conta o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal nas comarcas sinaladas no anexo I desta resolución nas cales se inclúen os tecores e zonas libres indicados no anexo II, debido ás circunstancias especiais derivadas dos danos á agricultura, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal estenderase desde a entrada en vigor da presente resolución ata o 25.2.2024, abranguendo o período hábil de caza establecido para o xabaril no artigo 16.2 da Resolución do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal, nas comarcas incluídas no anexo I poderanse adoptar as medidas que se relacionan a seguir para o control da poboación de xabaril, e permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades. Nestas zonas permitirase, así mesmo, abater crías e femias seguidas de crías, logo de autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro.

a) En terreos cinexéticos:

As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán efectuarse durante todos os días da semana, salvo o especificado a seguir para as zonas libres de caza, con comunicación previa á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atendendo aos seguintes condicionantes:

• Nos terreos en réxime cinexético especial: as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente Plan anual de aproveitamento da tempada 2023/24 deberán ser comunicadas previamente á correspondente xefatura territorial competente en materia de caza (procedemento MT720C).

• Nas zonas libres de caza as cazarías estarán suxeitas a autorización: deberán solicitarse á correspondente xefatura territorial competente en materia de caza cunha antelación mínima de dez días naturais (procedementos MT720K e MT720L). No período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2024 poderanse autorizar cazarías ao xabaril os luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos. Desde o 7 de xaneiro ao 25 de febreiro de 2024, ambos incluídos, poderanse autorizar cazarías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

Na modalidade de espera, poderán agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, e deberá indicarse expresamente por motivos de seguridade a localización aproximada, mediante coordenadas UTM, dos diversos postos fixos que poidan ocuparse.

Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderáselles autorizar aos propietarios dos terreos afectados que realicen, persoalmente ou mediante terceiros, esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Neste caso as persoas cazadoras deberán portar durante a acción de caza unha autorización por parte do titular cinexético, que será nominativa, persoal e intransferible para cada xornada, e deberán cumprir, así mesmo e en todo caso, cos requisitos exixidos no artigo 58 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

Co fin de aumentar a eficacia e optimizar o aproveitamento cinexético nesta modalidade, facilitar a identificación dos exemplares e garantir a seguridade das persoas, poderase utilizar con carácter excepcional:

– Un visor convencional/óptico de aumentos durante a práctica da modalidade de espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos.

– Dispositivos electrónicos, tales como detectores ou controladores de hora de paso ou presenza, para a posterior realización de esperas nocturnas ao xabaril.

– Nos cultivos con destino á colleita nos cales se teñan iniciado os danos poderase dispor de cebadeiros de gran ou froitos co obxecto de asegurar a eficacia no momento concreto dos controis.

Nestes terreos permitirase, así mesmo, a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e será necesario dispor dunha autorización expresa.

Na solicitude deberá indicarse expresamente a súa localización mediante a achega dun plano a escala suficiente e os datos do persoal responsable da súa execución (nome, apelidos e DNI).

b) En terreos non cinexéticos:

Nos terreos non cinexéticos para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispor dunha autorización expresa.

Permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Cando a aplicación de capturadeiros non reporte os resultados desexados, poderá permitirse a práctica da modalidade de espera diúrna e nocturna, logo de solicitude do interesado, na cal se indicará a localización aproximada dos postos fixos, mediante coordenadas UTM por motivos de seguridade, e adoptaranse as medidas ou precaucións necesarias para garantir a seguridade das persoas. Será preceptiva neste caso a acreditación da existencia dos danos mediante informe da Xefatura Territorial.

Nesta clase de terreos, as medidas ou medios de captura permitidos deberánselle solicitar á xefatura territorial con polo menos 15 días de antelación á data de realización. O prazo para resolver e notificar será dun mes e o silencio administrativo será desestimatorio.

Cuarto. Os exemplares capturados como consecuencia da aplicación das medidas adoptadas na área de emerxencia cinexética temporal deben identificarse mediante precintos e comunicarse debidamente á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo de 15 días naturais, segundo o seguinte procedemento:

a) En terreos de réxime cinexético especial: a comunicación das capturas realizadas en xornadas non planificadas no Plan anual de aproveitamento aprobado para a tempada 2023/24 realizarase utilizando o procedemento MT720P, procedemento xenérico de caza, mentres que os resultados das cazarías planificadas no Plan anual de aproveitamento se comunicarán utilizando o procedemento MT720D.

b) En terreos de réxime cinexético común e terreos non cinexéticos: a comunicación das capturas poderá realizarse utilizando o procedemento MT720P, procedemento xenérico de caza, ou ben no caso de tratarse dun suxeito non obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, poderá presentar os resultados en papel no Rexistro da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinto. A presente resolución permanecerá vixente ata a finalización do período hábil de caza do xabaril para a tempada 2023/24. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación incluído no punto primeiro, logo de resolución, no momento en que se constate que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración.

Sexto. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Pontevedra, 6 de setembro de 2023

José Manuel González González
Xefe territorial de Pontevedra

ANEXO I

Listaxe de comarcas de emerxencia cinexética e concellos comprendidos

Comarca de emerxencia cinexética

Concellos

Deza

Agolada

Dozón

Lalín

Rodeiro

Silleda

Vila de Cruces

Tabeirós-Terra de Montes

Estrada, A

Forcarei

O Condado

Mondariz

Mondariz-Balneario

Neves, As

Ponteareas

Salvaterra de Miño

Pontevedra

Barro

Campo Lameiro

Cerdedo-Cotobade

Lama, A

Poio

Ponte Caldelas

Pontevedra

Vilaboa

Vigo

Baiona

Fornelos de Montes

Gondomar

Mos

Nigrán

Pazos de Borbén

Porriño, O

Redondela

Salceda de Caselas

Soutomaior

Vigo

ANEXO II

Datos de tecores e zonas libres comprendidos na declaración
de emerxencia cinexética

Matrícula

Nome

Réxime cinexético

Comarca de emerxencia

PO-10118

Dozón

Especial

Deza

PO-10128

Bertaña

Especial

PO-10129

Pena Cuntín

Especial

PO-10077

O Farelo

Especial

PO-10115

Río Grande

Especial

PO-10182

Lalín

Especial

PO-10084

Camba-Rodeiro

Especial

PO-10120

Silleda

Especial

PO-10122

Vila de Cruces

Especial

PO-10175

Fontao

Especial

PO-10042

Forcarei

Especial

Tabeirós-Terra de Montes e

O Carballiño

PO-10063

Río Ulla

Especial

Tabeirós-Terra de Montes

PO-10065

Cuntis

Especial

PO-10076

A Rocha

Especial

PO-10082

San Huberto

Especial

PO-10132

Coto do Castro

Especial

PO-10029

Caselas

Especial

O Condado e Vigo

PO-10190

Traspielas-Gargamala

Especial

PO-10016

A Fornelense

Especial

PO-10136

Santa María de Xinzo

Especial

O Condado

PO-10179

Ribadetea-Padróns

Especial

PO-10069

Pestica

Especial

PO-10141

A Mondarizana

Especial

PO-10135

A Covelense

Especial

PO-10093

A Cañiza

Especial

PO-10174

Coto do Santo

Especial

PO-10047

Santa Bárbara

Especial

PO-10177

A Laxe-Verducido

Especial

Pontevedra e Vigo

PO-10041

Pontevila

Especial

Pontevedra

PO-10061

Marín

Especial

PO-10147

Verdeseixo

Especial

PO-10160

A Lama

Especial

PO-10168

San Bartolomé de Xesta

Especial

PO-10180

Monte Seixo

Especial

PO-10195

O Coirego

Especial

PO-10055

Cerdedo

Especial

PO-10117

Refuxio Conla

Especial

PO-10183

Moraña

Especial

PO-10144

O Campo

Especial

PO-10146

Pontillón do Castro

Especial

PO-10033

Barro

Especial

PO-10116

San Xoán de Poio

Especial

PO-10027

A Peneda

Especial

Vigo

PO-10003

Pazos de Borbén

Especial

PO-10161

Serra do Galiñeiro

Especial

PO-10004

San Cipriano

Especial

PO-10014

A Amistade

Especial

PO-10080

Tui-Gondomar

Especial

PO-10071

As Tres BBB

Especial

Zonas libres de caza

Código

identificador

Concellos

Réxime cinexético

Comarca de emerxencia

PO-22

Cerdedo-Cotobade

Común

Tabeirós-Terra de Montes

PO-23

A Estrada

Común

PO-24

A Estrada

Común

PO-29

Forcarei

Común

PO-02

Ponteareas, Salvaterra de Miño e As Neves

Común

O Condado

PO-11

Vilaboa e Pontevedra

Común

Pontevedra

PO-14

Ponte Caldelas

Común

PO-15

Vilaboa, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade

Común

PO-16

Cerdedo-Cotobade

Común

PO-17

Cerdedo-Cotobade

Común

PO-18

Cerdedo-Cotobade

Común

PO-19

Cerdedo-Cotobade

Común

PO-20

Barro

Común

PO-21

Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro

Común

PO-10

Baiona, Gondomar, Mos

Nigrán, Pazos de Borbén, Redondela,

Soutomaior, Vigo e O Porriño

Común

Vigo

PO-11

Redondela e Soutomaior

Común

PO-06

Salceda de Caselas

Común

PO-07

Salceda de Caselas e O Porriño

Común