DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 12 de setembro de 2023 Páx. 52442

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/137-4).

Expediente: IN407A 2023/137-4.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e reforma CT SMA encoro (36C485).

Situación: concello de Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 1 de marzo de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMTS e reforma CT SMA encoro (36C485).

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a reforma do centro de transformación (CT) SMA encoro (36C485), substituíndo a aparellaxe existente por un bloque compacto rural, manobra exterior de 160 kVA/15 kV telexestionado, sen envolvente prefabricada de formigón. Proxéctase a instalación dunha liña de media tensión subterránea de 10 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación. Así mesmo, proxéctase o desmonte de 12 metros da liña de media tensión subterránea desde a arqueta na beirarrúa proxectada ata o paso aéreo subterráneo proxectado. As actuacións están previstas no lugar de Marcosende, na parroquia de Zamáns, no concello de Vigo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vigo.

Augas de Galicia non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, consonte o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 10 metros de lonxitude, con orixe na LMTS existente, no lugar de Currás, e final no centro de transformación SMA encoro 36C485.

– Reforma do centro de transformación (palomar) SMA encoro 36C485, situado na parcela con referencia catastral 54057A186090280000BM, consistente na substitución da aparellaxe actual por un bloque compacto rural, manobra exterior de 160 kVA/15 kV.

– A instalación está situada en Marcosende, na parroquia de Zamáns, no concello de Vigo (Pontevedra)

Consonte o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. a autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e reforma CT SMA encoro (36C485), expediente IN407A 2023/137-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 18 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra