DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 12 de setembro de 2023 Páx. 52340

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 5 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D).

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, establece que lle corresponden á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica, entre outras funcións «as de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

No Diario Oficial de Galicia do 27 de xaneiro de 2023 publicouse a Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D).

No artigo 2 da antedita resolución, que leva por título Financiamento, establécese que para a concesión destas axudas se destina un crédito por importe total de 734.628 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 11.20.313D.760.0 (código do proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023.

Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas da antedita axuda e que non poden ser atendidas co crédito asignado e para os efectos de perfilar melloras para toda a Rede de centros de información á muller (CIM) e de realizar unha eficaz e equilibrada distribución das melloras neles, por todo o territorio da Comunidade Autónoma, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a esta axuda.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Incremento da dotación orzamentaria

Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión da axuda establecida na Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D), na contía de 27.456,33 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.313D.760.0, código de proxecto 2018 00112.

Artigo 2. Prazo de solicitude

Esta ampliación non afecta os prazos establecidos na Resolución do 5 de xaneiro de 2023 para a presentación de solicitudes.

Disposición adicional única. Requisitos das entidades beneficiarias

Os requisitos das entidades locais son os recollidos no artigo 3 das bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade