DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 12 de setembro de 2023 Páx. 52338

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2023 de cesamento de membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

O presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense comunicou o día 20.7.2023 a proposta de cesamento de dúas persoas membro do referido comité.

Antecedentes:

1. No Decreto 63/2013, do 11 de abril, regúlanse os comités de ética da investigación en Galicia como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal.

Co referido decreto creouse unha rede de comités de ética da investigación con diferentes funcións na avaliación dos estudos de investigación en referencia ao seu ámbito territorial, un deles é o de Pontevedra-Vigo-Ourense.

2. Mediante a Resolución do 11 de marzo de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23.3.2022, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que as persoas membro deste comité serán designadas e nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros.

2. O punto 6 do artigo 9 dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado, ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a.

3. Sobre a composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, o Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense conta con catorce membros e, coa referida proposta, a composición axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior, dado que se propón o cesamento de dúas persoas: María Elena Gallardo Martín e María Teresa López Monteagudo.

Logo de ver o que se expuxo e de acordo coa proposta do 7.8.2023 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento de María Elena Gallardo Martín e de María Teresa López Monteagudo como membros do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade