DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2023 Páx. 52264

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello do Grove (expediente IN407A 2023/179-4).

Expediente: IN407A 2023/179-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMT, CT Meloxo.

Concello: O Grove.

Feitos:

Primeiro. O 20 de marzo de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMT, CT Meloxo.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no lugar de Meloxo, no concello do Grove (Pontevedra):

Desmontaxe do centro de transformación Meloxo de Arriba (36AE25), de 250 kVA.

Instalación dun novo centro de transformación compacto 2L+1P de 400 kVA na parcela con referencia catastral 36022A019006380000EL.

Desmontaxe de 10 apoios e 731 metros da liña de media tensión aérea LMTA VLG806 entre os apoios 9OA3MGBW//20 e 9NTQH9QP//28.

Desmontaxe de 21 metros da derivada ao centro de transformación Meloxo de Arriba.

Instalación dun novo apoio tipo celosía C-2000/12 e retensando do van existente entre o apoio proxectado e o apoio 9OAVBT8T//19 existente.

Instalación de tres tramos dunha liña de media tensión subterránea. O primeiro de 193 metros desde o paso aéreo-subterráneo (PAS) proxectado ata o centro de transformación (CT) proxectado. O segundo tramo, para anelar a liña, é de 117 metros desde o CT proxectado ata a LMTS existente. O último tramo é de 621 metros desde a LMTS existente ata o CT O Con (36CYF6).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Grove, Augas de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos. En consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, en tres actuacións:

1. 193 metros con orixe no apoio proxectado C-2000/12, mediante un paso aéreo-subterráneo (PAS) e final no centro de transformación proxectado.

2. 117 metros con orixe no centro de transformación proxectado e final no empalme proxectado coa LMTS VLG806.

3. 621 metros con orixe no empalme proxectado coa LMTS VLG806 e final no centro de transformación O Con 36CYF6.

Centro de transformación a 400 kVA con RT 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36022A019006380000EL, no lugar de Meloxo.

Retensado do van contiguo ao apoio proxectado.

A instalación está situada en Meloxo, no concello do Grove (Pontevedra).

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT, CT Meloxo, expediente IN407A 2023/179-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 17 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra