DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2023 Páx. 52291

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/027-4).

Expediente: IN407A 2022/027-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e substitución CTI A Parrocha por CTC.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 21 de xaneiro de 2022 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e substitución CTI A Parrocha por CTC.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun centro de transformación de 400 kVA e unha liña de media tensión subterránea para dar subministración eléctrica a unha vivenda unifamiliar, mediante as seguintes actuacións no camiño Castiñeira-Bembrive 7, na parroquia de Bembrive, no concello de Vigo:

Desmontaxe do centro de transformación intemperie (CTI) A Parrocha (36A561), de 250 kVA, situado nos dous apoios de tipo HV-630-12 (A0BF8JP8//7-1-CTA).

Desmontaxe do van de derivación ao CTI A Parrocha do tramo SDM7052283 de condutor LA-28 (113 metros) e dos XS 36HC77.

Instalación na parcela con referencia catastral 5838105NG2753N0001SG dun centro de transformación de manobra exterior 2L1P TC TG de 400 kVA/15 kV en envolvente prefabricada de formigón conectado ao tramo SDM703.

Instalación de 18 metros de liña de media tensión subterránea entre a subestación de Sárdoma e o CT Mercedes 36CCA3.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Vigo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido.

Terceiro. Mediante escrito do 16 de febreiro de 2022, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 16 de febreiro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 10 de marzo de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 9 de marzo de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. O 6 de abril e o 12 de maio de 2022 Ceferino González Pérez achegou as seguintes alegacións:

Corrección de erro material do seu nome xa que o correcto é «Ceferino» no canto de «Seferino».

Falta de xustificación da inadecuación ou insuficiencia das instalacións existentes para dar subministración á vivenda citada no proxecto, polo que considera que se carece das condicións para declarar a utilidade pública e/ou interese social.

Non se xustifica que o centro de transformación proxectado non poida ser instalado en terreos públicos do Concello de Vigo. Suxire que o centro de transformación pode ser instalado na praza A Parrocha.

Destaca que el e a súa esposa son usufrutuarios da parcela afectada e os propietarios son os seus fillos e fillas.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

A localización do centro de transformación foi prevista tendo en consideración a lexislación vixente e os condicionados técnicos, polo que a elixida é a máis adecuada para conseguir os obxectivos do proxecto.

O proxecto cumpre cos requisitos que deben concorrer para a declaración de utilidade pública: a xustificación da necesidade da instalación e a determinación da relación de bens e dereitos.

Aínda que é necesario aumentar a potencia para proporcionar subministración eléctrica a unha vivenda unifamiliar que demanda unha potencia de 5,75 kW, a ampliación de potencia do centro de transformación está proxectada para dar resposta non só a esa vivenda, senón ás futuras demandas de enerxía na zona.

Con relación á proposta de instalar o centro noutros terreos, destaca que non cumpre co establecido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Ademais, esta modificación afectaría terceiros alleos ao expediente e non se cumpriría coas exixencias do PXOU do Concello de Vigo. Tamén destaca que a praza da Parrocha non dispón de suficiente espazo para instalar o centro de transformación.

Presenta unha nova relación de bens e dereitos afectados en que inclúe as persoas citadas por Ceferino.

Sétimo. Mediante escrito do 28 de xuño de 2022, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica aos fillos e fillas de Ceferino como titulares da parcela afectada.

Oitavo. O 3 de agosto de 2022, Fernando Salgueiro Pérez achegou unhas alegacións que aclaran que os seus fillos son copropietarios da parcela conxuntamente cos irmáns da súa esposa. Ademais, manifesta que as obras obxecto deste proxecto non son necesarias xa que a subministración se encontra garantida.

Noveno. Como resposta ás alegacións presentadas por Fernando, UFD actualizou a relación de bens e dereitos afectados incluíndo os seus fillos como herdeiros da súa esposa.

Décimo. Á raíz da actualización da relación de bens e dereitos afectados, esta xefatura, mediante escrito do 15 de setembro de 2022, notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola nova relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Décimo primeiro. Como non foi posible efectuar a notificación da solicitude de declaración de utilidade pública da instalación eléctrica a todas as persoas que figuran afectadas, esta xefatura publicou o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 5 de novembro de 2022, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Décimo segundo. Beatriz González Bernárdez e Ceferino David González Bernárdez tamén presentaron alegacións. As súas alegacións coinciden coas presentadas por Ceferino González Pérez, que xa foron recollidas no punto quinto dos feitos e contestadas por UFD no punto sétimo.

Décimo terceiro. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe. Concluíron que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basean esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

Respecto á declaración de utilidade pública, no sistema regulador do sector eléctrico a declaración de utilidade pública require basicamente dous requisitos: a xustificación da necesidade da instalación de que se trate, o que leva implícita a súa utilidade pública, e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación afecta. A propia distribuidora xunta unha relación de bens e dereitos afectados e pon de manifesto que na zona hai que mellorar a calidade de subministración. A calidade do servizo é unha obriga das empresas distribuidoras.

Respecto ao cambio de situación das instalacións proxectadas, non se presentan propostas que xustifiquen o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Substitución do centro de transformación intemperie A Parrocha por un centro de transformación compacto de 400 kVA, RT 15 kV/400 V e instalación dunha liña de media tensión subterránea, con condutor RHZ1, de 18 metros de lonxitude, con orixe e final no tramo SDM7030073, unha vez entre e saia do centro de transformación compacto proxectado, situado no lugar da Parrocha, Bembrive, Vigo (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Con respecto aos cambios e modificacións alegados para a corrección da relación de bens e dereitos afectados, UFD tivo en consideración todas as modificacións propostas e presentou actualizacións da relación de bens e dereitos afectados.

En relación coa declaración de utilidade pública e a urxente ocupación que leva implícita, sinálase que os artigos 54 da Lei 24/2013 e 140 do Real decreto 1955/2000 establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e exercicio da servidume de paso. Esta declaración de utilidade pública expídese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais.

O artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000 recolle ademais que para o recoñecemento en concreto da utilidade pública destas instalacións será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Os interesados non definen ningún trazado alternativo para poder ser valorado, simplemente citan a posibilidade de que as instalacións discorran por terreos públicos.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e substitución CTI A Parrocha por CTC (expediente IN407A 2022/027-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 18 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra