DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2023 Páx. 52276

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2023/161-4).

Expediente: IN407A 2023/161-4.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: subestación Vilalonga 66/20 kV blindaxe 66 kV a DB e nova posición de liña 66 kV.

Situación: concello de Sanxenxo.

Feitos:

Primeiro. O 8 de marzo de 2023 UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica subestación Vilalonga 66/20 kV blindaxe 66 kV a DB e nova posición de liña 66 kV.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a reforma e ampliación da subestación eléctrica de Vilalonga 66/20 kV a través da blindaxe e paso á configuración en dobre barra do parque de 66 kV, con celas de tipo GIS, ademais da ampliación dunha nova posición de liña de 66 kV denominada L/Barro (posición 606).

Retírase o parque de intemperie de 66 kV, excepto os transformadores de potencia T-I e T-II 66/20 kV. Sotérranse as dúas liñas entrantes en aéreo, o que leva á retirada do apoio metálico de celosía no interior da parcela. Tamén se desmontan os apoios de telecontrol de media tensión.

As pontes de cable entre a GIS e os transformadores de potencia realizaranse con cable seco illado soterrado.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Sanxenxo e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Sanxenxo.

Augas de Galicia non emitiu o condicionado técnico, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Blindaxe e paso á configuración en dobre barra do parque de 66 kV, con celas tipo GIS aloxadas no interior dun edificio de nova construción.

– Instalación dunha nova posición de liña de 66 kV denominada L/Barro (posición 606).

– Soterramento das dúas liñas, actualmente entrantes en aéreo.

– A instalación está situada na avenida do Cruceiro, 34, Vilalonga, concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle a UFD Distribución Electricidad, S.A. a autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Vilalonga 66/20 kV blindaxe 66 kV a DB e nova posición de liña 66 kV, expediente IN407A 2023/161-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 17 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra