DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 8 de setembro de 2023 Páx. 52100

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2023/119-4).

Expediente: IN407A 2023/119-4.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: subestación Vilagarcía 66/20 kV: blindaxe 66 kV a DB e repotenciación T-I e T-II.

Situación: concello de Vilagarcía de Arousa.

Feitos:

Primeiro. O 23 de febreiro de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica subestación Vilagarcía 66/20 kV: blindaxe 66 kV a DB e repotenciación T-I e T-II.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a reforma e ampliación da subestación Vilagarcía mediante a blindaxe e paso á configuración en dobre barra do parque de 66 kV, con celas tipo GIS, e substitución e repotenciación de dous dos transformadores que se encontran na subestación (T-I e T-II), que pasarán de 20 a 25 MVA.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilagarcía de Arousa e ADIF.

ADIF informou que as obras proxectadas non estarían afectadas pola zonas de afección do ferrocarril.

O Concello de Vilagarcía de Arousa informou que considera o proxecto viable desde o punto de vista do cumprimento da normativa municipal.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Blindaxe e paso á configuración en dobre barra do parque de 66 kV, con celas tipo GIS aloxadas no interior dun edificio de nova construción.

– Substitución e repotenciación de dous dos transformadores, T-I e T-II, que pasarán de 20 a 25 MVA.

– Recuamento das liñas de 66 kV á súa nova posición, que se fai dentro da subestación, recuperando cable e sen necesidade de realizar empalmes.

– A instalación está situada no parque empresarial Trabanca-Badiña, no concello de Villagarcía de Arousa (Pontevedra).

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. a autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Vilagarcía 66/20 kV: blindaxe 66 kV a DB e repotenciación T-I e T-II, expediente IN407A 2023/119-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 17 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra