DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 8 de setembro de 2023 Páx. 52098

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 6 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, sobre declaración de depósitos en abandono.

O día 5 de setembro de 2023 ditouse o Acordo de inicio do expediente para a declaración de abandono e posterior incorporación ao Tesouro dos depósitos e garantías en efectivo constituídos nos servizos centrais da Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma, con máis de vinte anos de antigüidade e respecto dos cales os seus titulares non realizaron ningunha actuación no exercicio do seu dereito de propiedade, de acordo co disposto no artigo 91.bis do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

No dito acordo disponse que, durante o prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG), as persoas interesadas poderán presentar reclamación en que xustifiquen a interrupción do período de prescrición por causa imputable á Administración antes do seu vencemento (vinte anos, contados a partir do día seguinte ao da constitución de cada un dos depósitos), a través do procedemento PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar a reclamación presencialmente en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixida á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Unha vez transcorrido o prazo antes sinalado e se non se presenta ningunha reclamación, declararanse bens abandonados e ingresarase o seu importe no Tesouro Público.

A relación de depósitos abandonados que incorren en presunción de prescrición pode consultarse no seguinte enderezo da internet: https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/politica-financeira-e-tesouro/caixa-xeral-de-depositos/anuncios (Relación SSCC 1-2023).

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

David Cabañó Fernández
Director xeral de Política Financeira e Tesouro