DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 8 de setembro de 2023 Páx. 51901

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 127/2023, do 31 de agosto, polo que se crea o Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos e se establecen a súa composición, funcións e réxime de funcionamento.

O artigo 174 do Tratado de funcionamento da Unión Europea establece que, co fin de reforzar a súa cohesión económica e social, a Unión se propón reducir as diferenzas entre os niveis de desenvolvemento das diversas rexións e o atraso das rexións menos favorecidas, incluídas as zonas rurais, as zonas afectadas por unha transición industrial e as rexións que padecen desvantaxes naturais ou demográficas graves. O artigo 175 do mencionado tratado establece que a consecución dese obxectivo estará apoiada polos fondos con finalidade estrutural e polos fondos de xestión directa existentes.

A crise provocada pola pandemia da COVID-19 permitiu flexibilizar o marco regulador das axudas de Estado ou os regulamentos dos fondos estruturais, de modo que os Estados membros puidesen dirixir recursos dos seus respectivos programas operativos do período 2014-2020 para financiar as medidas máis urxentes e facer fronte aos gastos sanitarios, sociais e de axuda ás empresas. Así, a Comisión Europea propuxo, o 26 de maio de 2020, un importante plan de recuperación co obxectivo múltiple de contribuír á reparación dos danos económicos e sociais provocados pola pandemia, iniciar a recuperación europea, preservar e crear emprego e apoiar o investimento nas transicións ecolóxicas e dixitais, o cal foi acordado polo Consello Europeo o 21 de xullo de 2020.

Para acadar o resultado desexado e ser sustentable, o esforzo de recuperación deberá estar vencellado co marco financeiro plurianual (MFP), que define as políticas orzamentarias da Unión Europea e ofrece unha perspectiva a longo prazo.

Pola súa parte, o instrumento financeiro temporal NextGeneration-EU proporcionará á Unión Europea os medios necesarios para facer fronte aos desafíos expostos pola pandemia. De conformidade co Acordo, a Comisión poderá proporcionar subvencións e préstamos para apoiar reformas e investimentos nos Estados membros da Unión Europea, cuns recursos financeiros por importe máximo de 750.000 millóns de euros, dos que parte se constituirán como transferencias non reembolsables e outra parte se destinará a proporcionar préstamos aos Estados membros en condicións favorables, que serán reembolsados por eles.

Dentro do MFP, os principais fondos recibidos por Galicia son: o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o Fondo Social Europeo plus (FSE+) e o Fondo de Transición Xusta (FTX), como fondos de carácter estrutural que contribuirán a reforzar a cohesión económica, social e territorial da Unión Europea, e os instrumentos de axuda ao desenvolvemento rural, isto é, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, (Feader), e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), relativo á axuda ao desenvolvemento pesqueiro.

Respecto aos fondos da política de cohesión 2021-2027, a Galicia correspóndelle unha asignación financeira similar á do período anterior 2014-2020, o que permitirá seguir a desenvolver medidas que contribúan á converxencia coas rexións máis avanzadas de Europa.

A programación de todos estes recursos debe garantir a coordinación dos fondos entre si e cos demais instrumentos financeiros existentes. Como instrumento para garantir esta coordinación resulta precisa a creación do Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos, que actuará como órgano de carácter consultivo para a coordinación dos fondos da política de cohesión, dos fondos sectoriais, dos programas de xestión directa e dos instrumentos financeiros europeos.

O Decreto 184/2007, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, modificado polo Decreto 132/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 184/2007, do 13 de setembro, creou a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios como un instrumento para asegurar a coordinación dos fondos e procurar a complementariedade e a eficiencia no logro do obxectivo da converxencia. Esta comisión foi regulada polo Decreto 139/2012, do 29 de xuño, polo que se regula a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, co fin de incorporar as modificacións introducidas polo Decreto 132/2010, do 1 de xullo, reflectir a distribución de competencias e potenciar un maior grao de eficiencia da dita comisión.

En definitiva, o uso eficaz e eficiente destes recursos europeos e a súa orientación a resultados serán clave para acadar os obxectivos que permitan mellorar as condicións de vida da cidadanía, tanto en Galicia como en España e no conxunto da Unión Europea.

Na liña marcada polo Decreto 139/2012, do 29 de xuño, polo que se regula a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, o presente decreto avanza na vía de asegurar, a través do Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos que substitúe a anterior Comisión de Coordinación, a coherencia e a coordinación dos fondos da política de cohesión, dos fondos sectoriais e dos programas de xestión directa con aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, e destes cos fondos extraordinarios de recuperación, a través dun órgano técnico de coordinación creado para a óptima xestión dos fondos e recursos europeos, co fin de acadar o máximo aproveitamento de cada un dos instrumentos e, fundamentalmente, para impulsar a recuperación e abordar unha modernización da economía galega que permita retomar a senda de progreso e prosperidade durante as vindeiras décadas.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre os que cabe destacar a emisión dos informes preceptivos.

O presente decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia, que se recollen no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

De conformidade co principio de necesidade que debe rexer en toda iniciativa normativa, a partir do Decreto 139/2012, do 29 de xuño, que regulaba a creación da Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, e do funcionamento da propia Comisión, identificáronse aspectos susceptibles de mellora, que se incorporan ao presente decreto, permitindo impulsar e mellorar de forma efectiva a coordinación e o seguimento en Galicia dos fondos europeos.

Para estes efectos, cómpre crear un órgano colexiado consultivo de carácter máis técnico, máis activo e participativo, que reforce a coordinación, a coherencia e a implicación de toda a estrutura administrativa e técnica nesta materia.

Por tal motivo, a Consellería de Facenda e Administración Pública promove a aprobación desta norma para a creación dun órgano colexiado técnico e participativo, o Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos, así como a regulación da súa composición, funcións e réxime de funcionamento.

Polo propio contido do texto regulamentario e os antecedentes expostos, enténdense cumpridos os principios de necesidade e eficacia.

En virtude do principio de proporcionalidade, establecido no artigo 129.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a iniciativa que se propoña conterá a regulación imprescindible para atender a necesidade que se pretende cubrir coa norma, tras constatar que non existen outras medidas menos restritivas de dereitos ou que impoñan menos obrigas ás persoas destinatarias. Neste caso, a valoración deste principio non se considera procedente, xa que o regulamento é meramente organizativo e non impón ningún tipo de medidas restritivas de dereitos ou obrigas.

No referente ao principio de seguridade xurídica, a iniciativa normativa exercerase de modo coherente co resto do ordenamento xurídico, xerando un marco normativo estable e predicible, que favorece a participación, a transparencia e a accesibilidade á información.

A norma resulta coherente co resto do ordenamento xurídico nacional e europeo. Non hai incoherencias nin contradicións no seu réxime xurídico aplicable.

O artigo 129.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, dispón que, en aplicación do principio de transparencia, as administracións públicas posibilitarán o acceso sinxelo, universal e actualizado á normativa en vigor e os documentos propios do seu proceso de elaboración.

A norma non se someteu ao trámite de consulta pública previa, regulado no artigo 41.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, posto que se inclúe nos casos en que se pode prescindir de tal trámite ao ser unha proposta normativa de carácter organizativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, e debido ao carácter organizativo interno da norma, que non afecta os dereitos e intereses lexítimos da cidadanía, enténdese que non son necesarios os trámites de información pública e audiencia, nos termos establecidos no artigo 133.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 42.6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Porén, o proxecto publicouse no Portal de transparencia, consonte o disposto no artigo 9.c) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, dándose cumprimento a este principio.

En aplicación do principio de eficiencia, a norma non impón cargas que supoñan a introdución de restricións inxustificadas ou desproporcionadas.

O principio de eficiencia respéctase por canto a regulación non supón cargas administrativas para os administrados na regulación da estrutura do órgano colexiado baseada na racionalización, circunstancias que deben considerarse ao tratarse dunha norma organizativa.

Finalmente, en relación cos principios de simplicidade e de accesibilidade, o contido deles considérase dentro do xa exposto para os principios de seguridade xurídica e de transparencia, respectivamente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de agosto de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación do Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos e a regulación da súa composición, funcións e réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e adscrición

1. O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos é o órgano colexiado de carácter técnico encargado de asegurar a coherencia, a coordinación e a complementariedade dos fondos da política de cohesión, dos fondos sectoriais e dos programas de xestión directa con aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, e destes cos fondos extraordinarios de recuperación, de conformidade cos programas e as disposicións comunitarias que sexan de aplicación, coa finalidade de poder mellorar a capacidade de xestión das distintas unidades administrativas que tramitan e xestionan fondos europeos.

2. O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos estará adscrito á consellería con competencia en materia de fondos europeos.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos rexerase polo disposto neste decreto.

2. En todo o non previsto por este decreto será de aplicación o disposto para os órganos colexiados na sección 3ª do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.

Artigo 4. Ámbito de actuación

O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos terá como ámbito de actuación o territorio galego.

Artigo 5. Composición

1. O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de fondos europeos.

b) Vogais:

– Unha persoa representante de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia.

– Unha persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de programación e coordinación de fondos europeos.

– Unha persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de xestión do Feder.

– Unha persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de xestión do FSE.

– Unha persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de inspección e control de fondos europeos.

– Unha persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de coordinación e seguimento dos fondos NextGeneration.

– Unha persoa representante do órgano de dirección con competencias na coordinación do programa Feader.

– Unha persoa representante do órgano de dirección con competencias na coordinación do programa FEMPA.

– Unha persoa representante do órgano de dirección con competencias na coordinación do programa POCTEP.

– Unha persoa representante do órgano de dirección con competencias na coordinación do programa Interreg.

– Unha persoa representante do órgano de dirección con competencias na coordinación dos programas europeos de xestión directa.

– Unha persoa representante da dirección xeral con competencias en materia de orzamentos.

– Unha persoa representante da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Unha persoa representante da dirección xeral con competencias en materia de relacións exteriores coa Unión Europea.

– Unha persoa representante da Axencia Galega de Innovación (Gain).

– Unha persoa representante da dirección xeral con competencias en materia de simplificación administrativa.

– Unha persoa representante do órgano superior con competencias en materia de igualdade.

– Unha persoa representante da autoridade ambiental de Galicia.

Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade ou calquera causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, os membros do Comité serán substituídos pola persoa suplente en quen deleguen para cada reunión que se celebre.

2. A Secretaría do Comité corresponderá a quen designe a persoa titular da dirección xeral competente en materia de fondos europeos, con rango mínimo de xefe/a de servizo, que asistirá con voz, pero sen voto.

Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade ou calquera causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Secretaría será substituída por unha persoa funcionaria, con rango mínimo de xefe/a de servizo, designada pola persoa titular da Presidencia.

Artigo 6. Funcións

1. O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos terá as seguintes funcións:

a) Coordinación e seguimento da execución dos programas rexionais e dos programas xestionados por outras administracións no ámbito xeográfico de Galicia, detección de incidencias e, se é o caso, proposta de adopción de medidas correctoras.

b) Seguimento da execución dos programas plurirrexionais en Galicia.

c) Complementariedade e coordinación das operacións dos fondos da política de cohesión [Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), Fondo Social Europeo plus (FSE+), Fondo de Transición Xusta (FTX), dos fondos sectoriais [Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA)], e das actuacións dos fondos asociados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, cando financien actuacións no mesmo ámbito de intervención, tanto temática como territorial, co fin de garantir a coherencia e complementariedade dos diferentes instrumentos comunitarios.

d) Adecuación das actuacións recollidas nos programas, de conformidade coa política sectorial establecida no ámbito de competencia de cada departamento.

e) Elevación e proposta á persoa titular da consellería con competencias en materia de facenda dos procedementos para a efectiva coordinación entre a política de cohesión autonómica e as correspondentes políticas sectoriais reflectidas nos plans estratéxicos das consellerías afectadas.

f) Coordinación das eventuais modificacións que se realicen nos diferentes programas dos fondos europeos.

g) Seguimento das conclusións derivadas dos controis financeiros efectuados polos distintos órganos de control, así como das medidas adoptadas polos órganos xestores para corrixir as eventuais irregularidades detectadas.

h) Coordinación e cumprimento das actuacións en materia de información e publicidade das operacións financiadas con fondos da política de cohesión, fondos sectoriais e programas de xestión directa, de acordo co establecido nos regulamentos comunitarios.

i) Impulso do diálogo social e dos mecanismos de participación dos axentes socioeconómicos, das administracións locais e provinciais e doutras autoridades públicas, co obxectivo de orientar os recursos financiados con fondos europeos ao progreso económico e social de Galicia, en liña coas necesidades estratéxicas da Comunidade Autónoma.

j) Seguimento dos proxectos executados polos centros xestores no ámbito de convocatorias efectuadas pola Comisión Europea, respecto aos programas europeos de xestión directa.

k) Análise e impulso das boas prácticas na xestión dos fondos europeos.

l) Análise das necesidades de formación das persoas xestoras de fondos europeos e da mellora da súa capacidade administrativa, así como elaboración de propostas formativas.

m) Seguimento das novidades en materia normativa, así como das iniciativas en materia de fondos europeos no ámbito da Comisión Europea.

n) Aqueloutras funcións que lle encomende a consellería con competencias en materia de facenda para a xestión eficaz dos fondos comunitarios durante o período de programación 2021-2027.

O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos velará pola aplicación efectiva do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e integrará a perspectiva de xénero en todas as súas funcións.

2. As persoas designadas por cada consellería como membros do Comité serán as coordinadoras dentro dese departamento, sendo as figuras que concentren a comunicación coa consellería, dinamizando as persoas xestoras dos fondos europeos, dando traslado da información, da documentación e das decisións que se tomen, e recompilarán a información e documentación que se lles requira.

Artigo 7. Funcións da Presidencia

Son funcións da Presidencia:

a) Dirixir e promover a actuación do Comité.

b) Desempeñar a representación institucional do Comité.

c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día das sesións.

d) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano.

e) Presidir as sesións do Comité, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

f) Solicitar en nome do Comité a colaboración que considere necesaria a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como invitar a participar a persoas expertas de recoñecida competencia, nos asuntos de que se trate.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do Comité.

Artigo 8. Funcións da Secretaría

Son funcións da Secretaría:

a) Asistir ás sesións do Comité con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria de sesións por orde da Presidencia, así como as citacións ás persoas que a compoñen.

c) Recibir os actos de comunicación entre o Comité e as persoas que o compoñen, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que este deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas e acordos adoptados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición da Secretaría.

Artigo 9. Funcionamento

1. O Comité reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, dúas veces ao ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocada pola Presidencia, por iniciativa propia ou por petición da maioría simple dos seus membros. A convocatoria deberá ir acompañada da correspondente orde do día.

2. O Comité poderá requirir aos diversos órganos e entidades representados no Comité os antecedentes, a información e a documentación que precise para o desenvolvemento das súas funcións, que se lle deberá remitir no prazo de dez días hábiles.

3. O Comité poderá invitar ás súas reunións as persoas representantes doutros órganos competentes en materias non representadas no Comité, así como de entidades públicas ou privadas ou organizacións ou asociacións sectoriais cuxa presenza e opinión sexan consideradas oportunas por razón da materia.

4. O Comité poderá constituír grupos de traballo para cuestións específicas relacionadas con cada un dos fondos xestionados no ámbito autonómico ou con calquera outra materia de interese para unha mellor implementación dos programas e proxectos que se vaian financiar con fondos europeos.

5. O Comité elaborará periodicamente unha memoria en que informará das actuacións desenvolvidas relacionadas coas súas funcións, poñendo de manifesto as principais conclusións obtidas nas reunións ordinarias e extraordinarias que, de ser o caso, teñan lugar, e os acordos adoptados nelas. Ademais, poderá realizar os estudos, informes e análises que considere oportunos para a adecuada execución dos fondos europeos.

Artigo 10. Representación equilibrada

Na composición do Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos procurarase que exista unha representación equilibrada entre mulleres e homes; será de aplicación o establecido no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 11. Réxime económico

Os membros do Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos non percibirán remuneración económica pola súa participación nel.

Disposición adicional única

A constitución e posta en funcionamento do Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería con competencias en materia de facenda.

Disposición derrogatoria única

Derróganse o Decreto 139/2012, do 29 de xuño, polo que se regula a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, así como o Decreto 184/2007, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública

A letra d) do número 3 do artigo 2 do Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, queda modificada como segue:

«d) O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos, regulado polo Decreto 127/2023, do 31 de agosto».

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de facenda para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de agosto de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública