DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2023 Páx. 51705

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilaboa (expediente IN407A 2022/006-4).

Expediente: IN407A 2022/006-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II-soterramento do tramo entre os apoios 37N e 41N.

Concello: Vilaboa.

Feitos:

Primeiro. O 18 de xaneiro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II-soterramento do tramo entre os apoios 37N e 41N.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o soterramento de aproximadamente 1.112 metros de liña de alta tensión de 66 kV Pontesampaio-Cangas II entre os apoios 37 (92011270) e 41 (92011274), no concello de Vilaboa (Pontevedra), debido a que o seu trazado actual sobrevoa varias edificacións e se detectou a necesidade de cambiar varios apoios que están deteriorados por óxido.

O soterramento enlázase coa liña aérea existente a través de dous apoios (37N e 41N) de tipo paso aero-subterráneo (PAS). Como consecuencia da instalación deses apoios adecúanse os vans contiguos.

O apoio 37N estará situado na parcela con referencia catastral 36058A066012390000LF e o apoio 41N estará situado na parcela 36058A067001320000LE.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilaboa, a Demarcación de Estradas do Estado, Augas de Galicia, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, o Servizo de Urbanismo de Pontevedra, R-Cable y Telecomunicaciones Galicia e Telefónica de España, S.A.U.

Terceiro. Mediante escrito do 3 de marzo de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 3 de marzo de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 25 de marzo de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 21 de marzo de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vilaboa desde o 4 de marzo ata o 4 de maio de 2022, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de Fernando Veras Alvariña. A seguir resúmese o seu contido:

– Alega que é o propietario da parcela 1 e a perda do seu valor a raíz da expropiación.

– Falta de xustificación da necesidade de cambio de localización dos apoios proxectados, cando xa existen os apoios 37 e 41.

– De declararse a utilidade pública, á cal se opón, suxire que se coloque o apoio 37N na parte da propiedade que cause menos prexuízo; neste caso, na parte máis estreita.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– Son necesarios dous novos apoios debido á instalación dos pasos aero-subterráneos que enlazan o tramo de liña aérea co tramo de liña subterránea.

– Retíranse os apoios 37, 38, 39, 39B1, 39B2, 39B3, 39B4, 40 e 41, así como o cablaxe aérea.

– O trazado alternativo proposto non é viable pois modifica o trazado aéreo existente, afectando novos propietarios e creando novas servidumes.

Sexto. O 31 de maio de 2022, UFD Distribución de Electricidad, S.A. achegou un proxecto modificado co obxectivo de evitar o máximo posible a afección á N-544 para cumprir as condicións necesarias para a autorización do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Demarcación de Estradas do Estado).

A modificación consiste basicamente nunha variación do trazado da liña con relación co proxecto inicial.

Sétimo. Debido ao modificado presentado, esta xefatura territorial volveu solicitar o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilaboa, a Demarcación de Estradas do Estado, Augas de Galicia, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, o Servizo de Urbanismo de Pontevedra, R-Cable y Telecomunicaciones Galicia e Telefónica de España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Demarcación de Estradas do Estado, por R-Cable y Telecomunicaciones e por Telefónica de España, S.A.U.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Oitavo. Mediante escrito do 2 de decembro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública do proxecto modificado ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Noveno. O proxecto modificado someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 2 de decembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 29 de decembro de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 21 de decembro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vilaboa.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o mencionado trámite, recibíronse novas alegacións de Fernando Veras Alvariña, que incide na falta de xustificación da necesidade de expropiación da súa parcela, na falta de perigo das instalacións eléctricas existentes, na innecesaria recolocación do apoio na súa parcela, pois pode permanecer no lugar actual que xa foi motivo de expropiación, na imposibilidade de soterrar a liña cruzando a estrada nacional e no incumprimento da imposición de servidumes sobre edificios, patios, currais, xardíns e hortos anexos a vivendas que xa existían. Ademais, afirma que a súa parcela está en zona de afección de Estradas do Estado e que é tecnicamente posible soterrar a liña máis aló da súa parcela ou situala onde está o transformador ou, mesmo, soterrala ata o apoio 36.

Décimo. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– Procede a modificación da relación de bens e dereitos afectados para que figure Fernando Veras Alvariña como titular da parcela 36058A066012390000LF.

– O proxecto foi elaborado tendo en conta a lexislación que lle é de aplicación e os condicionamentos técnicos que o afectan.

– O proxecto cumpre cos requisitos que deben concorrer para a declaración de utilidade pública: a xustificación da necesitade da instalación e a determinación da relación de bens e dereitos.

– O reclamante non concreta alternativa ningunha no seu escrito e, en todo caso, para aplicar o disposto no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, teñen que se cumprir todos os requisitos establecidos. As posibles variantes excederían o 10 % do orzado, afectarían a terceiros e incumpriríanse as distancias regulamentarias á estrada N-554.

Décimo primeiro. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, en que concluíron que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos relacionados cos trazados alternativos propostos:

– Non é posible manter o apoio 37 onde se encontra actualmente, nin colocalo ao lado do centro de transformación próximo, debido ás afeccións á estrada de Fomento N-554 e, no caso do soterramento total do tramo entre o apoio 36 e 37, o custo adicional supera o 10 % do custo do proxecto que se está a tramitar.

– O alegante non xustifica o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161, Limitacións á constitución de servidume de paso, do Real decreto 1955/2000.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de alta tensión subterránea, a 66 kV, con condutor AL 630+H165, de 1.162 metros de lonxitude, con orixe no paso aero-subterráneo (PAS) no apoio proxectado núm. 37N e final no PAS no apoio proxectado núm. 41N. Retensado dos vans aéreos comprendidos entre o apoio núm. 36 e núm. 37N (106,42 metros) e entre o apoio núm. 41N e núm. 43 (305,33 metros). A instalación está situada no municipio de Vilaboa (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

– Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o interesado será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

– De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que considere, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– En relación coa falta da suficiente xustificación da declaración de utilidade pública e a urxente ocupación que leva implícita, sinálase que os artigos 54 da Lei 24/2013 e 140 do Real decreto 1955/2000 establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e exercicio da servidume de paso. Esta declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando, por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais, sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais.

– O artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000, ademais, recolle que para o recoñecemento en concreto da utilidade pública destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

– Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro. O trazado proposto non cumpre co conxunto dos puntos do mencionado artigo. En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

– Por último, este proxecto ten entre os seus obxectivos o cambio de apoios por mal estado. Recórdase que é obrigación da empresa distribuidora o mantemento e a seguridade das instalacións eléctricas.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II-soterramento do tramo entre os apoios 37N e 41N (expediente IN407A 2022/006-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra