DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Xoves, 31 de agosto de 2023 Páx. 51123

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 24 de agosto de 2023 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula nos seus artigos 48 e 55 os estudos superiores de música e as ensinanzas de arte dramática, respectivamente.

No ámbito das ensinanzas elementais e profesionais de música, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou o Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e o Decreto 203/2007, do 27 de setembro, en que se establece o currículo das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas. Ademais, publicou o Decreto 223/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o Regulamento orgánico dos conservatorios elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia. A autonomía conferida aos conservatorios no título terceiro do citado Decreto 223/2010, do 30 de decembro, permite aos ditos centros levar a cabo proxectos educativos contextualizados que estimulen o traballo en equipo e o desenvolvemento das propias potencialidades daqueles. A proxección internacional formativa e profesional que ten cabida neste tipo de ensinanzas xustifica a impartición de materia/s en lingua/s estranxeira/s que faciliten ao alumnado dos conservatorios a posterior integración en centros de estudos e de traballo estranxeiros.

O plan de estudos das ensinanzas superiores de arte dramática está regulado no Decreto 179/2015, do 29 de outubro (DOG do 7 de decembro). No anexo II deste decreto establécense as competencias, os perfís profesionais e os criterios de avaliación para cada ámbito, e entre as distintas competencias transversais figura a de comprender e utilizar, polo menos, unha lingua estranxeira no ámbito do seu desenvolvemento profesional.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, establece, no seu artigo 22, que se desenvolverán as habilidades de comunicación oral e escrita en lingua/s estranxeira/s de maneira progresiva e gradual, na formación profesional específica e nas ensinanzas artísticas e deportivas. Igualmente, no seu artigo 23 establece que a consellería competente en materia de educación aprobará un plan de fomento das linguas estranxeiras no cal se determinarán as liñas de actuación, dirixidas ao profesorado, ao alumnado e aos centros. Finalmente, na súa disposición adicional primeira indica que a impartición de materias non lingüísticas en lingua/s estranxeira/s se regulará mediante orde aprobada pola consellería competente en materia de educación.

A Orde do 12 de maio de 2011, pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario, enmarca a necesidade de formación competencial en linguas estranxeiras do alumnado en materias non lingüísticas. Non obstante, na citada orde non se inclúen as ensinanzas de réxime especial.

Neste contexto, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, na cal xa foi autorizada unha sección bilingüe de lingua inglesa pola Orde do 29 de agosto de 2017, solicita a implantación dunha sección bilingüe de lingua portuguesa. Pola súa parte, o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra solicita a implantación dunha sección bilingüe de lingua inglesa e dunha sección bilingüe de lingua alemá. En todos os casos, trátase de proxectos experimentais con carácter voluntario para o seu alumnado. Tendo en conta o carácter innovador destes proxectos educativos e considerando as necesidades deste tipo de alumnado en materia lingüística, de cara a unha maior proxección internacional formativa e profesional, procede considerar a posta en marcha, con carácter experimental, das seccións bilingües solicitadas nos citados centros de ensinanzas artísticas.

En consecuencia, e de acordo co establecido polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto da presente orde é autorizar, con carácter experimental, a creación dunha sección bilingüe de lingua inglesa e dunha sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, e dunha sección bilingüe de lingua portuguesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a partir do curso académico 2023/24, coa finalidade de favorecer a práctica de idiomas entre o alumnado deses centros.

Artigo 2. Marco legal

A experiencia educativa que se autoriza estará encadrada dentro das ensinanzas dispostas nos decretos 198/2007 e 203/2007, do 27 de setembro, polos que se establecen os currículos das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas ensinanzas, e no Decreto 179/2015, do 29 de outubro (DOG do 7 de decembro), para o ámbito das ensinanzas superiores de arte dramática.

Artigo 3. Destinatarios/as

Os presentes proxectos van dirixidos ao alumnado que curse ensinanzas no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga e na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, respectivamente, e a participación neles terá carácter optativo nas materias que se oferten en cada centro.

Artigo 4. Requisitos

O número de alumnado mínimo para desenvolver a sección bilingüe será o mesmo que o establecido para a súa impartición na lingua cooficial, regulado polo Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.

Artigo 5. Organización académica

1. O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas, ante a dirección do centro e coa autorización desta.

2. Ao final de cada curso académico, o alumnado que obteña cualificación positiva na materia obxecto de sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nunha sección bilingüe, que deberá quedar reflectida no seu expediente académico.

3. Ao comezo de cada curso escolar, antes do 15 de outubro, a dirección do centro deberá informar a Dirección Xeral de Formación Profesional do número de alumnos/as matriculados/as en cada un dos cursos con seccións bilingües autorizadas, co visto e prace da inspección educativa.

Artigo 6. Profesorado

1. O profesorado implicado no proxecto de sección bilingüe deberá ser especialista da materia, ter destino no centro e acreditar a súa competencia na lingua estranxeira co certificado B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

2. A coordinación da sección bilingüe corresponderá a un/unha docente participante no proxecto.

Serán funcións do/da coordinador/a:

– Realizar o seguimento semanal e a coordinación do equipo de profesores/as que forman parte do programa de seccións bilingües e elaborar unha acta dos temas tratados e dos acordos adoptados.

– Coordinar a elaboración do proxecto lingüístico no marco do proxecto educativo do centro.

– Participar nas actividades formativas do profesorado e propoñer novas actividades.

– Participar na elaboración de materiais específicos, revisar e trasladar ao equipo directivo as programacións iniciais e memorias finais.

– De ser o caso, titorizar a persoa nativa de apoio ao programa.

3. O profesorado participante na sección bilingüe poderá ter, en función da súa dispoñibilidade horaria, ata un máximo de dúas horas lectivas semanais destinadas ás actividades de coordinación, avaliación e atención ao programa. Terá as seguintes funcións:

– Elaborar a programación específica ao inicio de cada curso escolar.

– Elaborar unha memoria final.

– Participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Elaborar materiais curriculares específicos.

– Aqueloutras que sexan necesarias para o desenvolvemento adecuado do proxecto.

4. No relativo á formación do profesorado participante neste programa, haberá que aterse ao disposto no artigo 6 da Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Artigo 7. Memoria final de curso

Antes do 5 de xullo, o profesorado de cada materia non lingüística implicado no programa de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa, que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria será remitida pola dirección do centro á correspondente xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que a tramitará á Dirección Xeral Formación Profesional, acompañada dun informe da inspección educativa.

Artigo 8. Asesoramento e avaliación

1. As estruturas de formación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración do proxecto como na do seu desenvolvemento.

2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral Formación Profesional, a través dos servizos de inspección educativa, levará a cabo o seguimento e a posterior avaliación do proxecto co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 9. Duración do proxecto

O proxecto terá unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do servizo de inspección educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades