DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 30 de agosto de 2023 Páx. 51028

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 23 de agosto de 2023 pola que se modifica a Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento MR701E).

O 28 de febreiro de 2023 a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobou a Resolución para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 44, do 3 de marzo).

Unha vez resolto o procedemento de concesión das axudas, os concellos beneficiarios deben licitar as obras necesarias para executar os investimentos subvencionados de acordo cos procedementos de contratación que resultan da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE y 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014. Por outra banda, a escaseza de subministración dos materiais está a demorar, con carácter xeral, o ritmo de execución das obras. Tendo en conta estas circunstancias, cómpre regular a posibilidade e condicións para que os concellos que o necesiten poidan dispor dun prazo máis amplo do inicialmente previsto para executar e xustificar as obras correspondentes á anualidade 2023.

Por outra banda, cómpre prever a posibilidade de tramitar pagamentos anticipados no marco da citada anualidade, co fin de atender as necesidades financeiras dos concellos no marco da execución das actuacións subvencionadas.

Finalmente, co fin de harmonizar o tratamento de erros en materia de contratación pública e excluír do financiamento da Unión os gastos que se efectuarán incumprindo o dereito aplicable, cómpre referenciar entre a normativa comunitaria aplicable o anexo á Decisión da Comisión do 14.5.2019 pola que se establecen as directrices para a determinación das correccións financeiras que deben aplicarse aos gastos financiados pola Unión en caso de incumprimento das normas aplicables á contratación pública –C(2019) 3452 final–.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da axencia, do 13 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva nos seguintes termos:

Primeiro. O apartado 1 do artigo 15 do anexo I, que queda redactado da seguinte maneira:

Artigo 15. Xustificación dos investimentos

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2023 será o 16 de outubro de 2023.

Este prazo poderá ampliarse excepcionalmente ata o 11 de decembro de 2023 de acordo coas seguintes condicións:

– Que os concellos o soliciten de forma expresa, e xustifiquen de xeito motivado a necesidade desta ampliación, segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas https://appsagader.xunta.gal/caminos

– Que o concello teña solicitado a concesión dun pagamento anticipado antes do 12 de setembro de 2023, nos termos previstos no artigo 17 do anexo I deste plan.

Para a anualidade 2024, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 31 de maio de 2024. A esta xustificación poderán imputarse, igualmente, os gastos executados desde a finalización do prazo de xustificación correspondente á anualidade 2023.

Antes do remate do prazo de execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade 2024, os concellos poderán solicitar, excepcionalmente, unha ampliación do citado prazo nos termos previstos no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG en relación co artigo 32 da Lei 39/2015, e, en calquera caso, co cumprimento das seguintes condicións:

– Que a solicitude para a ampliación do referido prazo estea debidamente motivada.

– Que o concello acredite que as obras están adxudicadas segundo os procedementos previstos na LCSP.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento dos respectivos prazos de que se trate, no marco da regulación que establece o artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG en relación co artigo 32 da Lei 39/2015.

Segundo. O Artigo 17 do anexo I queda redactado como segue:

Artigo 17. Réxime de pagamentos

Con cargo á anualidade 2023 tramitarase un pagamento á conta, sen que exceda a anualidade prevista neste exercicio orzamentario.

Ao abeiro do artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de pagamentos á conta, os concellos beneficiarios das axudas están exentos da constitución de garantías.

Non obstante o anterior, logo da solicitude dos concellos beneficiarios, poderá tramitarse un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención.

A solicitude de pagamento do anticipo presentarase segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas https://appsagader.xunta.gal/caminos

A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 12 de setembro de 2023.

A tramitación e concesión do pagamento anticipado suxeitarase á regulación do artigo 31.6 da LSG, dos artigos 63 e seguintes do Decreto 11/2009 e á normativa aplicable sobre a tramitación de pagamentos con fondos comunitarios. De acordo con esta normativa, o pagamento anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, de ser o caso, exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

A concesión do pagamento anticipado supeditarase á constitución con carácter previo ao pagamento, dunha garantía escrita da autoridade competente, que deberá acadar o 100 % do importe anticipado. A dita garantía deberá recoller de xeito expreso o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado.

A garantía a que se refire o parágrafo anterior terá validez ata que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural autorice a súa cancelación, unha vez que o promotor acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

Na anualidade 2024 non se concederán pagamentos á conta, de xeito que se practicará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final.

Terceiro. Debe engadirse un parágrafo final na letra c) do artigo 22 do anexo I:

Anexo á Decisión da Comisión do 14.5.2019 pola que se establecen as directrices para a determinación das correccións financeiras que deben aplicarse aos gastos financiados pola Unión en caso de incumprimento das normas aplicables á contratación pública –C(2019) 3452 final–.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado de Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural