BDNS (Identif.): 713881.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:
a) Ter en funcionamento unha ou varias escolas infantís 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que dispoña de permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.
b) Que a escola infantil 0-3 ou punto de atención á infancia pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, de acordo co establecido no artigo 48 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a escola infantil para a que se solicitan as axudas estea aplicando un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.
2. A entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
3. A entidade local deberá estar ao día no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Segundo. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos e puntos de atención á infancia de titularidade municipal (código de procedemento BS420D).
Estas axudas van dirixidas ao sostemento dos referidos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e constan de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento, e a liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.
O período subvencionable na liña 1 é o comprendido entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024.
O período subvencionable na liña 2 é o comprendido entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024, pola totalidade do alumnado, para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.
2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia na escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extras á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.
3. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 10 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2023/24, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420D).
Cuarto. Financiamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 7.713.400,00 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.460.01, coa seguinte desagregación:
Aplicación |
Código de proxecto |
Ano 2023 |
Ano 2024 |
Total |
13.02.312B.460.01 |
2017.00127 |
1.127.272,00 € |
1.972.728,00 € |
3.100.000,00 € |
13.02.312B.460.01 |
2020.00052 |
1.677.600,00 € |
2.935.800,00 € |
4.613.400,00 € |
Total |
2.804.872,00 € |
4.908.528,00 € |
7.713.400,00 € |
2. De conformidade co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Quinto. Tipos de axuda e contía
1. A convocatoria comprende unha liña 1, destinada a axudas para gastos de mantemento, e unha liña 2, destinada á compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa.
2. A liña 1, referida a axudas para gastos de mantemento, ten como finalidade contribuír a compensar gastos que se produzan e/ou se aboen desde o 1 de setembro de 2023 ao 31 de agosto de 2024 en gastos de persoal, alimentación e outros gastos xerais do centro.
A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3/punto de atención á infancia autorizadas que estean en funcionamento na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, segundo os seguintes módulos:
Axuda anual segundo o número de unidades en funcionamento da escola ou escolas infantís |
||||
Puntos de atención á infancia |
De 2 a 6 unidades |
De 7 a 14 unidades |
De máis de 14 unidades |
|
Contía total por unidade en funcionamento |
9.212 € |
7.000 € |
6.000 € |
4.600 € |
No caso de aumentar ou diminuír o número de unidades en funcionamento no curso 2023/24, o importe da axuda regularizarase no momento da xustificación.
De non estaren en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo en que non se prestou o servizo.
3. As escolas infantís e puntos de atención á infancia ofertarán o servizo de atención educativa durante un mínimo de 8 horas diarias.
4. No caso de escolas infantís cun horario de apertura de 14 horas ou superior, a axuda por módulo incrementarase nun 25 %.
5. A liña 2 está destinada a compensar estes centros pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e da matrícula, de ser o caso, dos nenos/as que asisten á escola infantil.
As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa estableceranse en función do número de prazas efectivamente ocupadas e terán unha contía equivalente á do prezo mensual que lle correspondería aboar á familia nunha praza pública, segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, e durante un máximo de 11 mensualidades.
As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da matrícula consistirán no equivalente ao recollido na correspondente ordenanza fiscal aplicable para o curso 2022/23, sen que en ningún caso poida superar os 100 euros.
6. A inasistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 15 días sen xustificar dará lugar á baixa do neno ou da nena usuario/a para a inclusión no programa da gratuidade na obtención da bonificación da liña 2.
7. No caso de traslados de centro unha vez comezado o mes, a axuda correspondente aboaráselle ao centro en que se cause baixa.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será do 1 ao 30 de setembro. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro dia hábil seguinte. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e, rematará, en todo caso, o 30 de novembro de 2023.
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude