DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 30 de agosto de 2023 Páx. 51058

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Curtis (expediente IN407A 2023/026-1).

Expediente: IN407A 2023/026-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: renovación da LMTS CES704 entre os CT 15CVT6 e 15CXZ9.

Concello: Curtis.

Feitos:

1. O día 25 de xaneiro de 2023 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade de subministración, así como de incrementar a capacidade de transporte da liña de distribución de media tensión existente LMT CES704 Curtis 4, procedente da subestación Cesuras, nos treitos soterrados da contorna das rúas Pena Cuca, Emilio Martínez Sánchez, Mestre Eduardo Fariña e Pilar Pena, na parroquia Santa María de Lurdes, concello de Curtis. Proxéctase deixar fóra de servizo os ditos treitos e a instalación dun novo treito soterrado en nova canalización paralela á existente.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado renovación da LMTS CES704 entre os CT 15CVT6 e 15CXZ9, asinado o 2 de decembro de 2022 por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número colexial LE-1010.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación poida prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo ao Servizo do Patrimonio Cultural, Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña; á Deputación Provincial da Coruña e ao Concello de Curtis. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polos organismos afectados, é dicir, Patrimonio Cultural e o Concello.

4. O 28.7.2023 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

a) Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Características técnicas:

• LMTS a 15 kV de 197 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, coa orixe no CT 15CVT6 existente sito na rúa Pena Cuca e remate no CT 15CXZ9 existente na rúa Pilar Pena. A nova liña proxectada tenderase en nova canalización e discorrerá paralela á existente polas rúas Pena Cuca, Emilio Martínez Sánchez, Mestre Eduardo Fariña e Pilar Pena; esta será canalizada no interior de tubaxe de polipropileno de 160 mm de diámetro en gabia de dimensións de 0,40 metros de ancho e de entre 0,80 e 1,00 metros de profundidade (dependendo de se discorre por beirarrúa ou calzada), e instalaranse dúas tubaxes de idénticas características. A lonxitude da canalización proxectada será de 197 metros.

• Posta fóra de servizo dos treitos soterrados da LMT CES704 Curtis 4, procedente da subestación Cesuras, seguintes:

– CES7043258, con condutor RHV 12/20 kV 1×150 KAL+H16.

– CES7043259 (expediente IN407A 99/85-1), con condutor RHZ1-OL 12/20 kV 1×240 kAL+H16.

– CES7043269 (expediente IN407A 04/322), con condutor RHZ1-OL 12/20 kV 1×240 kAL+H16.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 4 de agosto de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña