DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 28 de agosto de 2023 Páx. 50848

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Tomiño (expediente IN407A 2023/072-4).

Expediente: IN407A 2023/072-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CT Paredes-Estás e CT Vidancelle-Estás.

Concello: Tomiño.

Feitos:

Primeiro. O 10 de febreiro de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS, CT Paredes-Estás e CT Vidancelle-Estás.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste no recuamento da liña de media tensión aérea (LMTA) e o centro de transformación intemperie (CTI) Estás (36AN20), mediante as seguintes actuacións previstas nos lugares de Paredes e Vidancelle, na parroquia de Estás, no concello de Tomiño (Pontevedra):

• Desmontaxe do CTI Estás 36AN20 de 160 kVA e a instalación de dous centros de transformación: un de 250 kVA (CT Paredes-Estás) baixo envolvente prefabricada, manobra exterior, con dúas celas de liña e unha de protección, telecontrolado e telexestionado; outro de 160 kVA (CT Vidancelle-Estás) baixo envolvente prefabricada, de tipo rural fin de liña, manobra exterior, telecontrolado e telexestionado.

• Desmantelamento de 638 metros de liña de media tensión aérea (LMTA) desde o apoio substituído ata o centro de transformación Estás.

• Substitución do apoio de formigón 9UU07LP4//130-1 da LMTA ROS806 Tui 6 por un apoio C-1000-12 que estará provisto dun reconectador-seccionador telecontrolado e un paso aéreo subterráneo do cal partirá a liña de media tensión subterránea de 1134 metros proxectada.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Tomiño, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Tomiño e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O Servizo do Patrimonio Cultural non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, consonte o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Substitución do apoio 9UU07LP4//130-1 da LMTA ROS806, Tui 6, por un C-1000/12, no cal se instala un reconectador e un paso aéreo subterráneo.

• LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1, en dúas actuacións. A primeira é de 306 metros, con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio C-1000/12 e final no centro de transformación proxectado Paredes-Estás. A segunda é de 828 metros, con orixe no centro de transformación proxectado Paredes-Estás e final no centro de transformación proxectado Vidancelle-Estás.

• Centro de transformación Paredes-Estás, a 250 kVA con RT 20 kV/400, situado na parcela con referencia catastral 36054A101000540000SZA, en Paredes.

• Centro de transformación Vidancelle-Estás, a 160 kVA con RT 20 kV/400, situado na parcela con referencia catastral 36054C504006400000DF en Vidancelle.

• Retirada do centro de transformación intemperie Estás 36AN20.

A instalación está situada nos lugares Paredes e Vidancelle, na parroquia de Estás, no municipio de Tomiño (Pontevedra).

Consonte o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT Paredes-Estás e CT Vidancelle-Estás, expediente IN407A 2023/072-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de xullo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra