DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 28 de agosto de 2023 Páx. 50863

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Vigo e Mos (expediente IN407A 2023/054-4).

Expediente: IN407A 2023/054-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS MOS704 e ampliación de potencia do CT Ramón Veiga 36CV98.

Concellos: Vigo e Mos.

Feitos:

Primeiro. O 7 de febreiro de 2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS MOS704 e ampliación de potencia do CT Ramón Veiga 36CV98.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na ampliación de potencia do centro de transformación Ramón Veiga (36CV98) e a desmontaxe da liña que o alimenta, mediante as seguintes actuacións previstas na avenida de Madrid, no concello de Vigo, e no lugar do Rebullón, no concello de Mos:

• Substitución do transformador existente de 250 kVA por un transformador de 400 kVA que será instalado no centro de transformación (CT) Ramón Veiga de superficie nun edificio prefabricado de manobra interior.

• Retirada de 214 metros do tramo da liña de media tensión aérea (LMTA) MOS7040334 en condutor LA-56 e tres apoios (1QGGV4P de celosía, A1S0TUMQ de formigón e A1SOS294 de chapa metálica).

• No tramo MOS7040371 retíranse 106 metros de liña de media tensión subterránea (LMTS) e deixase sen servizo 333 metros de LMTS que discorren polo concello de Mos.

• Retirada do tramo MOS7040335 en condutor RHZ1 que discorre polo concello de Vigo.

• Instalación de 758 metros de LMTS para alimentar o CT Ramón Veiga.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, o Concello de Mos, Enagas, a Demarcación de Estrados do e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polos Concellos de Vigo e Mos.

Enagas manifestou no seu informe que o proxecto non afecta o gasoduto Villalba-Tui da súa titularidade.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 758 metros de lonxitude (2×379 metros), con orixe e final nos empalmes coa LMTS MOS7040331, nas arquetas existentes no cruce da avenida do Rebullón co camiño Eido de San Antonio no concello de Mos, facendo entrada e saída no centro de transformación Ramón Veiga (36SV98).

Ampliación de potencia do centro de transformación Ramón Veiga (36SV98) a 400 kVA, con RT 15 kV/400 V, situado na marxe dereita da avenida de Madrid, á altura do número 290, en Cabral, no concello de Vigo (Pontevedra).

Conforme ao indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS MOS704 e ampliación de potencia do CT Ramón Veiga 36CV98 (expediente IN407A 2023/054-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de xullo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra