Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
– Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
– Domicilio social: rúa A Batundeira, 2, Velle (Ourense).
– Denominación: adecuación LMTS PAL807 entre CT 27C124 e CT 27C125 (Monterroso).
– Situación: concello de Monterroso.
– Características técnicas principais:
• LMTS PAL807 en canalización existente e proxectada, na cal se substitúe o condutor existente por un condutor novo con orixe nunha cela de liña do CT 27C124 Monterroso III, entra e sae no CT 27CV43 e remata nun empalme que se realizará sobre a liña PAL807, que continúa cara ao CT 27CS85 Álvaro Cunqueiro 9 en arqueta existente, cunha lonxitude de 383 metros de condutor tipo RHZ1-2OL-240 mm, en substitución dos condutores existentes tipo RHZ1-95 mm e RHZ1-240 mm.
– Finalidade da instalación: mellora da instalación.
– Orzamento: 35.515,87 euros.
– Documentación que se xunta:
• Separata para a Consellería de Cultura.
• Separata para a Deputación Provincial de Lugo.
• Separata para o Concello de Monterroso.
Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, o Decreto 49/2023, do 19 de maio, polo que se modifica o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 29 de xuño de 2023
Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo