DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2023 Páx. 48770

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Redondela (expediente IN407A 2022/423-4).

Expediente: IN407A 2022/423-4.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMT e CT A Veiga.

Concello: Redondela.

Feitos:

Primeiro. O 14 de outubro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMT e CT A Veiga.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun centro de transformación de 250 kVA e dunha liña de media tensión subterránea de 748 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación. As actuacións están previstas no lugar de Tuimil, no concello de Redondela (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela, ADIF, Augas de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por ADIF.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Como non foi posible efectuar a notificación da solicitude de declaración de utilidade pública da instalación eléctrica a todas as persoas que figuran afectadas na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora, esta xefatura publicou os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro de 2022 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 15 de decembro de 2022, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 18 de novembro de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 15 de decembro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 30 de novembro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Redondela desde o 22 de novembro de 2022 ata o 4 de xaneiro de 2023, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. O 3 de decembro de 2022, a Comunicade de Montes en Man Común (CMVMC) do Viso reclamou a titularidade da única parcela afectada, achegando documentación acreditativa que foi trasladada á UFD.

Sexto. O 2 de xaneiro de 2023, UFD presentou unha nova relación de bens e dereitos afectados, recoñecendo a titularidade da parcela con referencia catastral 36045A006006270000WR a favor da CMVMC do Viso.

Sétimo. O 19 de xaneiro de 2023, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia (COEIG) presentou unha alegación solicitando que se inadmita ou, de ser o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública. En síntese, alega que o proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade o que impide apreciar a competencia do enxeñeiro, xa que nas atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

Oitavo. Déuselle traslado desta alegación á empresa promotora. Esta destaca que os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade, e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Estas limitacións noutras especialidades industriais son: industriais ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas cuxa potencia non exceda de 250 CV, a tensión de 15.000 V e o seu persoal de cen persoas. O límite de tensión será de 66.000 V cando as instalacións se refiran ás liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica. No presente proxecto non é necesario que o enxeñeiro técnico industrial especifique a súa especialidade, pois as instalacións eléctricas proxectadas (liñas de distribución e a súa tensión) non superan os 66.000 V.

Noveno. O 27 de abril de 2023, UFD comunicou que acadou un acordo coa CMVMC do Viso e como consecuencia non será máis necesaria a declaración de utilidade pública.

UFD tamén achegou a documentación acreditativa dos acordos acadados.

Décimo. O 15 de xuño de 2023, en cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deuse traslado do proxecto e das alegacións da CMVMC do Viso ao Servizo de Montes para que emitisen informe, de ser o caso, sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do aproveitamento afectado.

Décimo primeiro. O 5 de xullo de 2023, o Servizo de Montes emitiu informe indicando que «(...) a mencionada parcela non consta como monte clasificado como monte veciñal en man común, polo que ao non ter a condición de utilidade pública desde este Servizo de Montes non se pode emitir o informe de compatibilidade-incompatibilidade solicitado con base no artigo 53 da Lei 9/2021 (...)».

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 748 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio existente A4SP99ML e final na cela de liña do centro de transformación proxectado.

– Centro de transformación a 250 kVA, con RT 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36045A006006270000WR.

– A instalación está situada en Tuimil, no concello de Redondela (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, considérase que se xustifica a competencia profesional ao non se sobrepasar a limitación cuantitativa de 66 kV de tensión, referida a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica, establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, do Tribunal Supremo, ditada no ámbito do recurso de casación núm. 7785/1994, que se sustenta na idea de que «na asignación de atribucións dos antigos peritos, que a favor dos enxeñeiros técnicos fai o artigo 2.4 da Lei 12/1986, non hai ningunha limitación por razón de especialidade, e que isto fai que esas atribucións teñan que considerarse xenéricas», polo que os enxeñeiros técnicos «son organizados segundo especialidades e, dentro de cada unha destas, élles recoñecida a plenitude de atribucións e facultades profesionais, pero subsisten as antigas facultades xenéricas con límites cuantitativos», que o Real decreto lei de 1977 atribúe aos antigos peritos.

Consonte o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. a autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT e CT A Veiga (expediente IN407A 2022/423-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 18 de xullo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra