DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 14 de agosto de 2023 Páx. 48380

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 123/2023, do 27 de xullo, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro.

O Decreto 26/2013, do 7 de febreiro, polo que se aproba a constitución do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro (DOG núm. 34, do 18 de febreiro), formalizou a creación deste consorcio coa participación dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, coa finalidade de prestar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración existentes no territorio dos concellos que o integran.

Con esta modificación adáptanse os estatutos do Consorcio ao establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, concretamente aos seus artigos 120 a 122. Deste xeito, a modificación dos estatutos prevé a adscrición formal do Consorcio ao Concello do Porriño, conforme os criterios establecidos no artigo 120 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A tramitación da modificación dos estatutos do Consorcio realizouse conforme o establecido no artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que fai referencia ás normas contidas no artigo 151 da dita lei, que ao tempo remite ao procedemento de modificación para as mancomunidades de municipios recollido no artigo 143 da dita lei galega.

En cumprimento do disposto no dito artigo 143, a Presidencia do Consorcio remitiulle á Dirección Xeral de Administración Local a documentación relativa á modificación dos seus estatutos.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación deste consorcio observáronse, entre outros, os seguintes trámites:

• O Comité Directivo do Consorcio aprobou inicialmente a modificación dos estatutos, por proposta da súa Presidencia, na sesión extraordinaria con data do 29 de agosto de 2022.

• A modificación dos estatutos someteuse ao trámite de información pública, mediante publicación de anuncio no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 19 de setembro de 2022, e a informe da Deputación Provincial de Pontevedra e da Dirección Xeral de Administración Local, que foi emitido unicamente por esta última no prazo outorgado.

• O acordo de modificación dos estatutos do Consorcio foi ratificado polos plenos de cada unha das entidades locais integrantes do Consorcio co quórum de maioría absoluta exixido polo artigo 143 da Lei 5/1977, do 22 de xullo.

• O Consorcio remitiulle a esta dirección xeral a certificación dos acordos adoptados polos plenos dos concellos de ratificación da modificación estatutaria, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

• A Dirección do ente público empresarial Augas de Galicia mostrou a súa conformidade coa modificación dos estatutos para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia por medio de escrito con data do 17 de abril de 2023.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto nos artigos 196, 151 e 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único

Apróbase a modificación dos estatutos da entidade local Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro, cuxo texto se recolle como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e tres

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Constitución e natureza

1. O Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro constitúese entre os concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, coa finalidade de prestar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración existentes no territorio dos concellos que o integran.

2. Cando, por razóns administrativas, técnicas ou económicas, sexa aconsellable, poderá autorizarse a incorporación de novos concellos co carácter de membros de pleno dereito, sempre que estes o soliciten, para o cal haberá que aterse ao procedemento e requisitos establecidos nos presentes estatutos.

3. O consorcio regulado nestes estatutos constitúe unha entidade de dereito público de carácter asociativo, sometida ao dereito administrativo, dotada de personalidade xurídica independente da dos seus membros, patrimonio e tesouraría propios, administración autónoma e tan ampla capacidade xurídica como requira a realización dos seus fins. Todas as actuacións do Consorcio, en consecuencia, estarán determinadas conforme a normativa en vigor da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Denominación e sede

O consorcio local constituído denominarase Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro e terá a súa sede principal na EDAR de Guillarei, sita no camiño da Veiga, s/n, Tui (Pontevedra).

Artigo 3. Personalidade e capacidade xurídica

O Consorcio é unha entidade pública de carácter voluntario e asociativo, dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade para crear e xestionar servizos e actividades de interese común, sen máis limitacións que as establecidas nas leis.

O Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro adscríbese ao Concello de Porriño, de acordo cos criterios establecidos no artigo 120 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Con todo, quedará adscrito, en cada exercicio orzamentario e por todo este período, á Administración pública que corresponda conforme os criterios establecidos no artigo 120 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, o que levará consigo a modificación dos estatutos nun prazo non superior a seis meses, contados desde o inicio do exercicio orzamentario seguinte a aquel en que se produciu o cambio de adscrición.

Artigo 4. Potestades administrativas

O Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro goza das atribucións inherentes a esta condición, que exerce no marco do establecido nestes estatutos e nas normas legais que lle son de aplicación. O Consorcio ten, en particular, as seguintes potestades administrativas:

a) A potestade regulamentaria e de autoorganización.

b) A potestade financeira e tributaria, excluíndose neste último suposto a facultade de establecer tributos que teñan o carácter de impostos. O Consorcio asumirá as facultades de xestión, liquidación, inspección e recadación das tarifas dos correspondentes servizos.

Comprende tamén esta potestade a exacción de contraprestacións patrimoniais de carácter público pola explotación de obras públicas ou a prestación de servizos públicos, nos termos recollidos na disposición adicional cuadraxésimo terceira da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. Igualmente, incluirase a recadación dos dereitos xerados, ben sexa directamente ou a través de convenios cos organismos que presten eses servizos ás administracións locais.

c) Contratar o persoal, as obras, os servizos e as subministracións que sexan necesarios.

d) Levar a cabo a actividade financeira, concretar operacións de crédito, o endebedamento e emitir obrigas con aval ou sen el.

e) Adquirir, posuír, dispor, arrendar e administrar todo tipo de bens mobles e inmobles, así como gravar, hipotecar ou adquirir outras garantías sobre os bens mobles e inmobles da súa propiedade.

f) Aceptar legados, herdanzas, doazóns, subvencións e axudas, tanto se proveñen de entidades ou persoas públicas como privadas.

g) Exercer as accións xudiciais e administrativas que sexan necesarias en defensa dos seus intereses e dereitos.

h) Participar legalmente noutras entidades públicas ou privadas, incluso en sociedades mercantís, sempre que a súa actividade se dirixa a finalidades análogas ás do Consorcio.

i) A potestade de programación ou planificación.

j) A presunción de lexitimidade e a executividade dos seus actos.

k) A potestade sancionadora.

Artigo 5. Vixencia do Consorcio

A duración do Consorcio é indefinida, dado o carácter permanente dos fins que motivan a súa constitución, sen prexuízo da súa eventual disolución, que se levará a cabo de acordo co establecido no capítulo VI dos presentes estatutos.

CAPÍTULO II

Fins e competencias do Consorcio

Artigo 6. Fins xerais

O Consorcio ten como finalidade a prestación dos servizos públicos relacionados co uso da auga no ámbito territorial dos concellos que o compoñen.

Para o cumprimento dos seus fins o Consorcio poderá facer uso, así mesmo, das facultades recoñecidas na normativa vixente sobre réxime local ou en disposicións de carácter sectorial como a Lei de augas de Galicia e, en xeral, de cantas facultades municipais requira a prestación do servizo.

Artigo 7. Desenvolvemento do cumprimento dos seus fins

1. A prestación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, e a xestión dos abonados correspondentes serán realizadas polo Consorcio de forma inmediata en todos os concellos consorciados.

2. A xestión polo Consorcio do servizo sinalado levará implícita a percepción dos ingresos derivados deste e a asunción das potestades regulamentarias e de organización que leva a súa prestación.

Artigo 8. Competencias

Para o cumprimento dos seus fins o Consorcio exercerá, en todo caso, as seguintes competencias específicas:

1. A explotación, mantemento e conservación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración dos concellos consorciados.

2. O estudo das necesidades relativas ao abastecemento, saneamento e depuración dos concellos consorciados, e a elaboración de cantos plans e proxectos se consideren oportunos para satisfacer as ditas necesidades.

3. O outorgamento dos permisos de vertedura nas redes de saneamento da súa competencia.

4. A solicitude das concesións e autorizacións necesarias para o abastecemento, saneamento, depuración e vertedura de augas residuais.

5. A execución de obras e instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración, así como a súa conservación e explotación.

6. A regulación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración no seu ámbito territorial.

7. O establecemento e a fixación da contía das achegas de cada un dos integrantes do Consorcio ou, se é o caso, o réxime tarifario que se aplicará na forma que se determine.

8. O seguimento, control e inspección das verteduras de augas residuais tanto á rede primaria de saneamento como á rede de sumidoiros, así como a facultade sancionadora polas infraccións que se produzan, incluída a clausura, se é o caso, de verteduras abusivas, ou a declaración de nulidade do contrato de subministración de auga correspondente.

9. A prestación de servizos de asesoramento e asistencia, a realización, execución e explotación de instalacións, así como a redacción de informes ou actuacións de similar natureza, en materia de abastecemento, saneamento e depuración ou calquera outro servizo público, por petición de calquera entidade pública ou privada e nas condicións que sinale o Comité Directivo.

Artigo 9. Licenzas municipais

Tanto os actos de uso do solo e subsolo como a realización de edificacións e instalacións por parte do Consorcio no cumprimento dos seus obxectivos terán a mesma natureza e condición que se fosen realizados polas propias corporacións locais; en consecuencia, non estarán suxeitos nin á obtención de licenza municipal nin ao pagamento de ningunha exacción.

As obras de abastecemento, saneamento e depuración que execute o Consorcio deberán contar coa aprobación do proxecto, anteproxecto ou documento técnico apropiado por parte do órgano competente daqueles concellos cuxos termos municipais resulten afectados polas citadas actuacións, de acordo co previsto no artigo 147 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Artigo 10. Execución de obras polas entidades consorciadas

De acordo coas competencias locais nesta materia e ao abeiro dos principios de colaboración e coordinación entre administracións, as entidades locais integradas no Consorcio poderán promover e executar, dentro dos seus termos municipais, obras para o abastecemento, saneamento e depuración, ou para a conservación e explotación destas, que deberán contar coa aprobación previa do proxecto, anteproxecto ou documento técnico apropiado por parte do órgano competente do Consorcio.

Artigo 11. Formas de xestión

Para a prestación dos servizos encomendados, o Consorcio poderá utilizar calquera das formas de xestión dos servizos públicos locais legalmente establecidas.

CAPÍTULO III

Réxime orgánico e funcional

Artigo 12. Órganos de goberno

A organización do Consorcio corresponderalle aos seguintes órganos de goberno:

1. O Comité Directivo ou Pleno.

2. O Consello Reitor.

3. A Xerencia.

4. A Presidencia e Vicepresidencia.

Os cargos dos órganos de goberno e de administración do Consorcio serán voluntarios e non retribuídos, salvo para a Xerencia, e sen prexuízo da percepción das indemnizacións que poidan fixarse en concepto de axudas de custo, asistencias ou gastos de desprazamento.

Poderanse crear órganos complementarios de acordo co establecido na lexislación de réxime local.

Artigo 13. Comité Directivo ou Pleno

1. É o órgano superior de goberno do Consorcio e estará integrado por cinco membros, que ocuparán a presidencia, a vicepresidencia e tres vogalías, en representación, catro deles, dos concellos consorciados, a razón de un por concello e un da Xunta de Galicia, e terán voz e voto nas sesións que se realicen. En todo caso, o Comité Directivo contará cunha persoa que exercerá as funcións de secretaría.

Así mesmo, poderá asistir ás reunións que se realicen un representante da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), con voz pero sen voto.

2. Os representantes dos concellos consorciados serán nomeados por un período de catro (4) anos e o seu nomeamento pode ser derrogado en calquera momento polo mesmo órgano que os designou.

3. A perda da condición de membro da corporación municipal implicará o cesamento na representación, salvo nos casos de renovación das corporacións, en cuxo suposto continuarán as súas funcións no Consorcio soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos novos representantes, sen que poidan adoptar acordos para os que legalmente se requira una maioría cualificada.

4. No suposto de que se produza a adhesión ao Consorcio doutros concellos, logo de seguimento dos trámites establecidos nestes estatutos e na normativa reguladora do réxime local, modificarase a composición do Comité Directivo, cuxa representación se axustará á razón de un representante da Xunta de Galicia por cada dous concellos novos adheridos.

5. A vogalía do Comité Directivo que represente a Xunta de Galicia será designada polo Consello da Xunta de entre os membros integrantes dos órganos de goberno e administración da Administración hidráulica de Galicia. Toda modificación desta designación deberá ser notificada nos dez (10) días seguintes a aquel en que esta se efectúe.

Artigo 14. Constitución do Comité Directivo ou Pleno

1. Tras a renovación das corporacións locais, o Comité Directivo quedará constituído dentro dos 30 días seguintes á finalización do prazo establecido para a realización do pleno de organización previsto no artigo 38 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

2. Para os efectos anteriores, os concellos consorciados deberán remitirlle ao Consorcio, nos dez (10) días seguintes ao de realización da sesión a que se refire o punto anterior, certificado acreditativo da designación dos seus representantes no Consorcio.

Artigo 15. Consello Reitor

Estará integrado pola Presidencia do Consorcio, a Xerencia e quen exerza o cargo de secretaría no Consorcio. Todos os membros do Consello Reitor terán voz e voto nas sesións que se realicen, salvo o secretario, que só terá voz.

No Consello Reitor cada un dos seus membros terá dereito a 1 voto. A presidencia contará co voto de calidade no caso de empate.

Artigo 16. Presidencia

A presidencia do Consorcio recaerá en quen exerza o dito cargo na entidade a que se encontre adscrito.

Artigo 17. Vicepresidencia

A vicepresidencia do Consorcio será tamén a do Comité Directivo. O Comité designará a persoa titular da vogalía que corresponda de entre os seus membros, e será rotatoria cada dous anos, tras a elección da presidencia.

Artigo 18. Xerente

O xerente é un órgano unipersoal designado polo Comité Directivo por proposta da presidencia entre profesionais de acreditada cualificación, a quen lle corresponde a dirección dos servizos do Consorcio, baixo a superior autoridade do Comité Directivo e do presidente. O dito posto de traballo terá que ser desempeñado por unha persoa con formación e titulación axeitada que a capacite para realizar as funcións propias do posto. Para acceder ao posto deberán cumprirse os criterios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

Artigo 19. Competencias do Comité Directivo

Correspóndenlle ao Comité Directivo as seguintes competencias:

1. Fixar directrices e criterios xerais, así como os obxectivos e as prioridades de actuación do Consorcio e aprobar a súa planificación e programación.

2. Exercer o control superior da actuación do Consorcio e dos seus órganos, ordenando as medidas correctoras ou de mellora necesarias, e aprobar as contratacións e convenios de colaboración ou cooperación entre o Consorcio e calquera outra entidade, institución ou persoa, de acordo coa normativa vixente.

3. Aprobar anualmente o orzamento do Consorcio e as súas bases de execución, a conta xeral e a concertación das operacións de crédito.

4. Aprobar o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do Consorcio, fixar a contía das retribucións complementarias fixas e periódicas do persoal e determinar o número e réxime de persoal eventual.

5. Aprobar ordenanzas e regulamentos.

6. Aprobar os pregos de cláusulas administrativas particulares e os pregos de prescricións técnicas relativos á contratación de obras, servizos e subministracións para o Consorcio no que sexa da súa competencia. As competencias como órgano de contratación respecto dos contratos de obras, de subministración, de servizos, os contratos de concesión de obras, os contratos de concesión de servizos e os contratos administrativos especiais, cando o seu valor estimado non supere o 10 por cento dos recursos ordinarios do orzamento nin, en calquera caso, a contía de seis millóns de euros, incluídos os de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, eventuais prórrogas incluídas sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

7. Aprobar, se é o caso, a execución e os proxectos, anteproxectos ou documentos técnicos similares das obras para o abastecemento, saneamento e depuración que promovan as entidades locais integradas no Consorcio dentro dos seus termos municipais.

8. Aprobar a forma de xestión dos servizos que preste o Consorcio.

9. Establecer e fixar os prezos, tarifas e exaccións dos servizos xestionados.

10. Adquirir e allear bens e dereitos, así como a transacción sobre estes.

11. Efectuar o nomeamento e o cesamento da Xerencia do Consorcio.

12. Propoñer a modificación dos estatutos, así como a disolución do Consorcio.

13. Aprobar a incorporación de novas entidades ao Consorcio e a separación de membros do Consorcio, de conformidade cos trámites legalmente establecidos.

14. Acordar a xestión de servizos públicos de concellos non consorciados que así o soliciten nas condicións que sinale o Comité Directivo.

15. Delegar as súas competencias na Presidencia, na Xerencia ou no Consello Reitor e nos supostos permitidos pola normativa vixente.

16. Exercer calquera outra función non atribuída expresamente pola normativa vixente ou por estes estatutos a outros órganos do Consorcio.

Artigo 20. Competencias do Consello Reitor

Correspóndenlle ao Consello Reitor as seguintes competencias:

1. Solicitar as autorizacións de vertedura e concesións necesarias para o abastecemento e saneamento.

2. Outorgar os permisos de vertedura nas redes de saneamento da súa competencia.

3. Aprobar os proxectos, anteproxectos ou documentos técnicos similares de obras e a aprobación da adscrición de instalacións executadas polos concellos consorciados ou outras administracións.

4. Deliberar e preparar os asuntos que formen parte da orde do día dos órganos colexiados.

Artigo 21. Competencias da Presidencia

A Presidencia exercerá as seguintes competencias:

1. Ter a representación do Consorcio en toda clase de negocios xurídicos ante calquera organismo público ou privado.

2. Convocar e presidir as sesións de todos os órganos colexiados, e decidirá os empates co voto de calidade.

3. Dispor e ordenar pagamentos e gastos dentro dos límites que se establezan nas bases de execución do orzamento.

4. Resolver expedientes sancionadores e materias de competencia do Consorcio.

5. Poderá delegar o exercicio das súas competencias na Vicepresidencia, na Xerencia e no Consello Reitor, salvo a sinalada no número 2.

Artigo 22. Competencias da Vicepresidencia

A persoa titular da Vicepresidencia substituirá a persoa titular da Presidencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 23. Competencias da Xerencia

A Xerencia asumirá as seguintes funcións:

1. A dirección dos servizos do Consorcio exercendo a súa xefatura.

2. Proporlles ao Comité Directivo e á Presidencia cantas medidas considere convenientes para o funcionamento do Consorcio e o adecuado cumprimento dos seus fins.

3. Asumir as funcións que, nos supostos permitidos pola lei, poidan delegarlle os distintos órganos do Consorcio.

4. Preparar, recoller ou ordenar todos os asuntos e documentos que deban ser sometidos a estudo, coñecemento, despacho e aprobación dos órganos de Goberno.

5. Exercer a dirección do persoal ao seu cargo baixo a dependencia da Presidencia, así como propoñer as reformas que supoñan unha mellora do funcionamento das dependencias e servizos.

6. Asistir con voz, pero sen voto, ás sesións e reunións dos órganos do Comité Directivo.

7. Elevar ao Comité Directivo, ao terminar cada exercicio, a memoria comprensiva do desenvolvemento da xestión do Consorcio.

8. Aqueloutras funcións que expresamente se lle encomenden.

Artigo 24. Lugar de realización das sesións

As sesións do Comité Directivo, tanto ordinarias como extraordinarias, terán lugar na sede do Consorcio ou no lugar que a súa presidencia designe. En todo caso, o cambio de sede na realización das sesións deberá circunscribirse ao ámbito territorial dos concellos consorciados.

Artigo 25. Periodicidade das sesións

O Comité Directivo realizará sesión ordinaria cada seis meses e extraordinaria cando así o decida a presidencia ou o soliciten, polo menos, tres dos membros do propio Comité Directivo. Neste último suposto, a sesión deberá ter lugar no prazo de quince días hábiles, contados desde o seguinte a aquel en que fose solicitada.

Artigo 26. Convocatorias

1. As sesións do Comité Directivo convocaranse, polo menos, con dous días hábiles de antelación á data sinalada para a súa realización, salvo as extraordinarias que o sexan con carácter urxente. O carácter de urxencia da convocatoria deberá ser ratificado polo Comité Directivo como primeiro asunto da orde do día.

2. O anuncio da convocatoria deberá indicar a data da reunión, o lugar, a hora e todos os asuntos que se vaian tratar. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

3. A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día que deba servir de base ao debate e, se é o caso, votación, deberá estar á disposición dos representantes das entidades consorciadas, desde o mesmo día da convocatoria, na Secretaría do Consorcio.

Artigo 27. Constitución

1. O Comité Directivo constitúese validamente coa asistencia da persoa titular da Presidencia, da Secretaría ou de quen legalmente as substitúa e a metade, polo menos, dos seus membros con dereito a voto.

2. Non poderá ter lugar a sesión sen a presenza da persoa titular da Presidencia e da Secretaría ou de quen, se é o caso, legalmente as substitúa.

Artigo 28. Adopción de acordos

1. Os acordos adoptaranse pola maioría de votos de cada un dos membros do Consorcio. A cada entidade consorciada corresponderalle o mesmo número de votos, salvo ao Concello do Porriño, en atención á súa maior participación no financiamento do Consorcio e por ter asumido a adscrición deste ente instrumental desde o ano 2015. A repartición de votos será o seguinte:

Entidade consorciada

Votos

Mos

1

O Porriño

3

Salceda de Caselas

1

Tui

1

Augas de Galicia

1

Total de votos

7

No suposto de producirse un empate, repetirase a votación e, se este persistise, decidirá o voto de calidade da Presidencia.

2. Será necesario o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros do Comité Directivo para adoptar acordos nas materias seguintes:

a) Sinalamento e modificación das achegas dos concellos consorciados.

b) Integración de novas entidades no Consorcio.

c) Aprobación da liquidación derivada da separación de concellos consorciados e as condicións desta.

d) Modificación dos estatutos e disolución do Consorcio.

e) Aprobación de acordos en que se exixa esta maioría cualificada segundo a normativa vixente.

3. O réxime xurídico das actas das sesións será o fixado na normativa de réxime local e normas administrativas que resulten de aplicación.

Artigo 29. Patrimonio

1. O patrimonio do Consorcio estará constituído polo conxunto de bens, dereitos e accións que lle pertenzan.

2. Este patrimonio poderá ser incrementado polos bens e dereitos que poidan ser adquiridos polas entidades consorciadas, afectados aos fins do Consorcio, e polos adquiridos polo propio Consorcio de calquera outra persoa ou entidade pública ou privada.

3. Quedarán adscritos aos fins do Consorcio os bens que designen as administracións e entidades consorciadas conforme o previsto no Convenio fundacional e posteriormente os que designen os novos membros no momento da súa adhesión, así como calquera outro que poida poñerse ao dispor do Consorcio con posterioridade.

Artigo 30. Instalacións

O Consorcio, para o cumprimento dos seus fins, terá ao seu cargo as instalacións locais e supramunicipais correspondentes.

As instalacións municipais quedarán adscritas ao Consorcio no momento en que este se faga cargo efectivamente da prestación dos respectivos servizos nos correspondentes termos municipais, e conservarán tales instalacións a súa cualificación xurídica orixinaria; o Consorcio non adquirirá a propiedade de tales instalacións e utilizaraas exclusivamente para o cumprimento dos seus fins.

As instalacións locais novas que execute o Consorcio observarán o mesmo réxime de utilización, pero quedarán da propiedade do concello para o servizo do cal se executasen. Para tal efecto, o importe dos investimentos que destine o Consorcio en cada concello deberá ser proporcional á participación de cada un deles no financiamento do Consorcio, de acordo co indicado no artigo 32. Esta porcentaxe de participación será actualizada anualmente polo Comité Directivo.

En calquera caso, as instalacións executadas polo Consorcio que, dalgún xeito, beneficien máis dun concello terán a consideración de supramunicipais.

As instalacións supramunicipais executadas e financiadas polo Consorcio cos seus recursos económicos quedarán da súa propia titularidade dominical. Aqueloutras instalacións supramunicipais nas cales non concorran as condicións expostas observarán o réxime dominical que resulte dos respectivos títulos xurídicos.

CAPÍTULO IV

Réxime económico e orzamentario

Artigo 31. Recursos económicos

O Consorcio será financiado na súa maioría, preferentemente, con recursos e medios propios, sen prexuízo de que, se excepcionalmente chegase a estar participado maioritariamente polo sector público da Comunidade Autónoma de Galicia o seu réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control, deberá adaptarse ao establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando a regulación que resulte aplicable ás demais entidades que participan no Consorcio, de conformidade co disposto na disposición adicional oitava da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Para o cumprimento do seus fins, o Consorcio dispoñerá dos seguintes recursos:

1. Os rendementos de calquera clase derivados da explotación do servizo de abastecemento, saneamento e depuración, e calquera outro ingreso que legalmente poida obterse.

2. As rendas e produtos do seu patrimonio.

3. As subvencións, auxilios, legados e doazóns que recibise do Estado, da Comunidade Autónoma ou de calquera outro ente público e privado.

4. As contribucións especiais reguladas na normativa vixente para financiar as obras, instalacións ou servizos realizados polo Consorcio.

5. O produto de multas e sancións no ámbito das competencias do Consorcio.

6. Os ingresos procedentes de operacións de crédito e outros análogos que acorden os órganos competentes.

7. As achegas da Xunta de Galicia que, de ser necesario ou en caso de acordo, serán fixadas anualmente.

8. As achegas dos concellos que, de ser necesario ou en caso de acordo, serán fixadas anualmente.

9. As achegas económicas obtidas como contraprestación das xestións ou servizos realizados polo Consorcio en materia da súa competencia, encomendadas polo Estado, Comunidade Autónoma ou calquera outra entidade pública ou privada.

10. As participacións nos tributos concertados e non concertados que se establezan ao seu favor.

Artigo 32. Aboamento das achegas

As achegas económicas das entidades integradas no Consorcio realizaranse na forma e prazos que determine anualmente o Comité Directivo. Tales achegas terán para todos os efectos a consideración de pagamentos obrigatorios.

A participación nos ingresos do consorcio, en función dos padróns aprobados en 2021, é a seguinte:

Concello

Total de taxas

Porcentaxe

Mos

496.920,86

11,7 %

O Porriño

2.299.782,85

54,2 %

Salceda de Caselas

384.133,06

9,1 %

Tui

1.062.692,89

25,0 %

Augas de Galicia

0,00

0,0 %

Total

4.243.529,66

100,0 %

Artigo 33. Recuperación de custos pola prestación dos servizos

A xestión dos servizos que se lle encomenden será asumida polo Consorcio, o cal percibirá a totalidade dos ingresos derivados da facturación aos usuarios.

A xestión por parte do Consorcio dos servizos sinalados no punto anterior deste artigo levará implícita a percepción dos ingresos derivados destes e a asunción das potestades regulamentarias e de organización que comporta a súa prestación (aprobación de ordenanzas para a regulación da prestación dos servizos que asuma o Consorcio, a fixación de prezos e tarifas pola súa prestación e a recadación).

Artigo 34. Réxime de tarifas

1. O Consorcio establecerá e fixará o importe das tarifas dos servizos de abastecemento en rede primaria, abastecemento en rede secundaria, saneamento e depuración das augas residuais.

As tarifas polos servizos diferenciables citados deberán ser uniformes en todo o ámbito xeográfico dos concellos consorciados, e poderán refundirse dúas ou máis tarifas nunha soa cando os servizos correspondentes se presten ou se definan como un único servizo integrado. Os recibos de pagamento pola prestación dos servizos deberán incluír e especificar a desagregación dos distintos conceptos que están a aboar os usuarios.

2. A estrutura e o nivel tarifario basearanse nos principios de uniformidade territorial, igualdade, equidade e suficiencia.

3. As tarifas deberán cubrir os custos de explotación dos servizos e, se é o caso, os de renovación das instalacións correspondentes.

As tarifas a usuarios en rede secundaria incluirán a totalidade dos custos do servizo, é dicir, engadirán ás tarifas do servizo en rede primaria os custos específicos da rede secundaria.

4. O Comité Directivo poderá acordar no seu momento unha tarifa unificada polo servizo integrado de abastecemento e saneamento da auga.

Artigo 35. Garantías crediticias

Cando, ao efectuarse unha operación de crédito, se exixa como garantía complementaria o aval dos concellos integrados no Consorcio, estes deberán prestalo en proporción aos servizos prestados polo Consorcio a cada un dos concellos consorciados.

Artigo 36. Aprobación do orzamento e rendición de contas

Tanto o orzamento como as súas bases de execución serán aprobadas anualmente polo Comité Directivo, nos prazos e cos requisitos que a lexislación de réxime local establece.

O Consorcio aprobará anualmente un orzamento único, comprensivo das obrigas que, como máximo, poderá recoñecer durante o correspondente exercicio económico, e dos dereitos que se prevexa liquidar no mesmo período.

O devandito orzamento axustarase, no seu contido, estrutura, tramitación e aprobación ao establecido pola Lei de facendas locais e disposicións que a desenvolven, así como ao especificamente recollido nos presentes estatutos.

Unha vez aprobado polo Comité Directivo do Consorcio, remitiráselle ao concello a que estea adscrito, no prazo dos 20 días anteriores á data legalmente establecida para a aprobación do dito documento por parte do concello de adscrición.

O Consorcio, coas peculiaridades derivadas da súa finalidade e estrutura orgánica, elaborará e renderá as contas anuais nos termos sinalados pola lexislación de facendas locais, así como segundo o especificamente recollido nos presentes estatutos. Unha vez aprobado polo Comité Directivo do Consorcio, remitiráselle ao concello a que estea adscrito, no prazo dos 20 días anteriores á data legalmente establecida para a aprobación do dito documento por parte do Concello de adscrición e a súa posterior remisión ao órgano de control externo.

Artigo 37. Réxime contable

O Consorcio someterase ao Plan xeral de contabilidade pública.

CAPÍTULO V

Réxime do persoal

Artigo 38. Réxime xurídico

1. O persoal do Consorcio será funcionario ou laboral procedente exclusivamente da reasignación de postos de traballo das administracións participantes. O seu réxime xurídico será o da Administración pública de adscrición e as súas retribucións en ningún caso poderán superar as establecidas para postos equivalentes naquela.

2. Excepcionalmente, cando non resulte posible contar con persoal procedente das administracións participantes no Consorcio en atención á singularidade das funcións que haxa que desempeñar, o órgano competente da Administración a que se adscriba o Consorcio poderá autorizar a contratación de persoal por parte do Consorcio para o exercicio das ditas funcións.

Artigo 39. Tipoloxía de persoal

a) O persoal do Consorcio, que pode ser propio ou adscrito, será funcionario ou laboral.

b) O persoal adscrito estará formado polos funcionarios/as das administracións consorciadas que presten os seus servizos no Consorcio.

Artigo 40. Funcionarios con habilitación de carácter nacional

1. No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do Consorcio fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, que serán exercidas a través destes funcionarios/as, de acordo co sistema de provisión previsto no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, así como no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. Así mesmo, e ao abeiro do previsto no artigo 7.2 do Decreto 49/2009, o Consorcio local poderá ser eximido pola consellería competente en materia de réxime local, por proposta del, logo de informe da Deputación, da obriga de manter postos propios reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal cando o volume de servizos xestionados ou recursos dispoñibles, segundo o último orzamento aprobado, sexa insuficiente manifestamente para o mantemento dos postos, e poderá entón empregarse con carácter preferente o sistema de acumulación previsto no artigo 44 do Decreto 49/2009, e excepcionalmente serán desempeñados polo persoal funcionario con habilitación de carácter nacional das entidades locais que o compoñen ou, na súa falta, polo servizo de asistencia da deputación provincial correspondente. No expediente de exención deberá concretarse o sistema elixido.

3. Os postos reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional poderán declararse para extinguir ou reclasificarse en postos de colaboración da entidade local a que se adscriban.

CAPÍTULO VI

Modificación dos estatutos e disolución do Consorcio

Artigo 41. Modificación dos estatutos e disolución do Consorcio

Para a modificación dos estatutos, así como para a disolución do consorcio, seguiranse as mesmas regras e os mesmos procedementos que o establecido na lexislación estatal e autonómica.

Artigo 42. Adhesión de novos membros

1. A adhesión ao Consorcio de novos membros deberá facerse mediante solicitude, que terá que ser aprobada por todas e cada unha das entidades consorciadas, coa conseguinte modificación dos estatutos, cuxas disposicións serán de obrigatorio cumprimento para os membros incorporados.

2. Calquera que sexa o momento en que se adopte o acordo de adhesión ao Consorcio dunha nova entidade local, esta non producirá efectos ata a entrada en vigor do orzamento do seguinte exercicio económico, agás que sexa disposta outra cousa polo Comité Directivo.

Artigo 43. Separación de membros do Consorcio

1. A separación voluntaria dunha entidade do Consorcio precisará os seguintes requisitos:

a) Aviso previo dun ano.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas e compromisos anteriores respecto do Consorcio e garantir o cumprimento e liquidación daquelas e estes.

2. A separación producirá efectos ao finalizar o exercicio económico en que se adoptase o correspondente acordo.

3. O Comité Directivo, no suposto de incumprimento de obrigas ou compromisos por algunha das entidades consorciadas, con forma motivada, poderá acordar a súa separación.

4. A separación comportará necesariamente a modificación dos estatutos.

5. Os membros dun consorcio ao cal lle resulte de aplicación o previsto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, poderán separarse del en calquera momento.

6. Cando un municipio deixe de prestar un servizo, de acordo co previsto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e ese servizo sexa un dos prestados polo Consorcio a que pertence, o municipio poderá separarse del.

Artigo 44. Efectos do exercicio do dereito de separación dun consorcio

1. O exercicio do dereito de separación produce a disolución do Consorcio, salvo que o resto dos seus membros, de conformidade co previsto nos seus estatutos, acorden a súa continuidade e sigan permanecendo no Consorcio, polo menos, dúas administracións, ou dúas entidades ou organismos públicos vinculados ou dependentes de máis dunha Administración.

2. Cando o exercicio do dereito de separación non leve consigo a disolución do Consorcio aplicaranse as seguintes regras:

a) Calcularase a cota de separación que lle corresponda a quen exerza o seu dereito de separación, segundo os criterios de repartición establecidos nestes estatutos.

O Consorcio acordará a forma e condicións en que terá lugar o pagamento da cota de separación, no suposto en que esta resulte positiva, así como a forma e condicións do pagamento da débeda que corresponda a quen exerce o dereito de separación se a cota é negativa.

A efectiva separación do Consorcio producirase unha vez determinada a cantidade resultante da cota de separación, no suposto de que esta resulte positiva, ou unha vez pagada a débeda, se a cota é negativa.

Na cota de separación terase en conta o valor dos investimentos executados a cargo do Consorcio que queden da propiedade do concello que se separa en proporción á participación dese concello no financiamento do Consorcio, de acordo co contido do artigo 30 destes estatutos.

b) Se o consorcio estivese adscrito, de acordo co previsto na lei, á Administración que exerceu o dereito de separación, terá que acordar o consorcio a quen, das restantes administracións ou entidades ou organismos públicos vinculados ou dependentes dunha Administración que permanecen nel, se adscribe, en aplicación dos criterios establecidos na lei e nos presentes estatutos.

Artigo 45. Disolución do Consorcio

1. O Consorcio poderá disolverse por algunha das causas seguintes:

a) Pola transformación do Consorcio noutra entidade, unha vez seguido o procedemento establecido, mediante acordo do Comité directivo, co quórum establecido nestes estatutos ratificado pola totalidade das entidades locais consorciadas.

b) Polo cumprimento da súa finalidade.

c) Polo incumprimento do seu obxecto.

d) Pola imposibilidade de continuar o seu funcionamento.

e) Pola separación dalgún dos seus membros se con iso devén inoperante.

f) Por mutuo acordo das entidades consorciadas.

2. No caso de disolución, manterá a súa personalidade xurídica mentres non sexa adoptado polo Comité Directivo o acordo de liquidación e distribución do seu patrimonio, que será publicado no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia. Tal acordo determinará a forma mediante a cal se efectuará a liquidación dos bens do Consorcio e a reversión ás entidades consorciadas das obras, instalacións e, en xeral, dos bens propios e dos que o Consorcio administrase en réxime de cesión de uso, cuxa titularidade correspondese a outras entidades ou administracións públicas.

3. O coeficiente de participación en relación coas achegas recollido nestes estatutos, no suposto de disolucións, servirá para a distribución do patrimonio neto.

Artigo 46. Liquidación do Consorcio

1. A disolución do Consorcio produce a súa liquidación e extinción. En todo caso, será causa de disolución que os fins estatutarios do Consorcio fosen cumpridos.

2. O máximo órgano de goberno do Consorcio, ao adoptar o acordo de disolución, nomeará un liquidador. Na falta de acordo, o liquidador será o administrador do Consorcio.

3. O liquidador calculará a cota de liquidación que corresponda a cada membro do Consorcio, de acordo coa participación que lle corresponda segundo os criterios destes estatutos.

4. Acordará o Consorcio a forma e as condicións en que terá lugar o pagamento da cota de liquidación no suposto en que esta resulte positiva.

5. As entidades consorciadas poderán acordar, coa maioría que se estableza nos estatutos ou, na falta de previsión estatutaria, por unanimidade, a cesión global de activos e pasivos a outra entidade xuridicamente adecuada coa finalidade de manter a continuidade da actividade e alcanzar os obxectivos do Consorcio que se liquida.

CAPÍTULO VII

Responsabilidade

Artigo 47. Responsabilidade

As entidades consorciadas responderán subsidiariamente dos actos e acordos do Consorcio nas proporcións ás súas achegas a el.

CAPÍTULO VIII

Da transparencia institucional

Artigo 48. Información sobre actuacións e acordos do Consorcio

a) Os membros da corporación de calquera grupo político poderán asistir ás mesas de contratación nos mesmos casos que os licitadores do expediente de contratación.

b) O Consorcio utilizará todos os medios ao seu alcance co fin de transmitir información da actividade corporativa e facilitará a súa máis ampla difusión.

c) Para a información xeral, as convocatorias e a orde do día das sesións do Comité Directivo faranse públicas fundamentalmente a través do taboleiro de anuncios e, en todo caso, no Portal de transparencia do Consorcio.

d) Sen prexuízo do disposto pola normativa vixente sobre notificación e publicación de actos e acordos, o Consorcio dará publicidade dos acordos do Comité Directivo a través dos medios que considere oportunos, como o Portal de transparencia e o taboleiro de anuncios. O consorcio establecerá os mecanismos de seguridade pertinentes para permitir o visionamento das sesións plenarias.

e) O comportamento dos membros da corporación será socialmente responsable e no seu traballo diario teranse sempre en conta os efectos das súas políticas no longo prazo, tanto na contorna ambiental como social do Consorcio.

Artigo 49. Información que deberá conter o Portal de transparencia do Consorcio para favorecer a transparencia da institución

O Consorcio desenvolverá un portal da transparencia, dependente da Presidencia, que facilitará o acceso da cidadanía a toda a información a que se refire a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e especificamente conterá:

a) Unha ligazón á declaración completa de bens e actividades dos membros do Consorcio que debe constar no Portal de transparencia de cada Administración que o conforme, sen prexuízo da privacidade garantida pola protección de datos.

b) A relación nominativa actualizada das retribucións, tanto salariais como indemnizacións por asistencias, que perciban os membros do Consorcio.

c) A publicación dos currículos e a actividade desenvolvida pola Presidencia e Vicepresidencia, que se actualizará periodicamente.

d) Unha ligazón onde os cidadáns e as cidadás poidan visionar, coa maior prontitude, as sesións do Comité Directivo da corporación.

e) O Portal de transparencia adecuarase aos indicadores de transparencia recoñecidos e que lle sexan de aplicación. Establecerase, polo menos, a publicación das ordes do día previas do Pleno do Comité Directivo, as contas anuais íntegras, informes periódicos de execución dos orzamentos, modificacións orzamentarias, grao de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, período medio de pagamento, período medio de cobramento, endebedamento, contratacións e referencia ao inventario dos bens.

Disposición adicional primeira

O custo do persoal adscrito polas entidades consorciadas poderá ser deducido das contribucións económicas ordinarias que lle corresponda aboar á entidade de orixe, na forma que se determine no acordo de adscrición.

Disposición adicional segunda

Para o cumprimento dos seus fins, o Consorcio poderá solicitar colaboración dos servizos administrativos e técnicos de calquera das entidades locais consorciadas.

Disposición adicional terceira

As prestacións de servizos e as actividades proxectadas non poderán supoñer a existencia de duplicidades pola execución simultánea dos mesmos servizos ou actividades por outra Administración pública.

Disposición adicional cuarta

O persoal existente na data de aprobación da modificación destes estatutos e ao servizo do Consorcio que presta servizos mínimos, aos cales se refire o artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, poderá integrarse por quen non sexa persoal funcionario ou laboral procedente dunha reasignación de postos de traballo das administracións participantes no Consorcio, de acordo co establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

Disposición adicional quinta

En virtude da estipulación quinta e) do Convenio de colaboración entre a CHMS e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) para a formalización da cesión de uso e de encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación da EDAR de Guillarei e demais instalacións de saneamento da bacía do río Louro, asinada o 8 de febreiro de 2010, o Consorcio asumiu a posición de cesionaria da EPOSH e, por tanto, subrógase nos dereitos e obrigas derivados do documento de cesión de uso e encomenda de xestión.

Disposición adicional sexta

O exercicio das competencias será asumido en concordancia coa Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición transitoria primeira

Mentres non se acorde o nomeamento das persoas que vaian estar á fronte da Secretaría e da Intervención, continuarán nas súas funcións as que estivesen desempeñándoas na actualidade co mesmo réxime.

Ata o 1 de xaneiro de 2024 o Consorcio manterá o réxime de control interno que se recolle nos estatutos anteriores.

Disposición transitoria segunda

Considérase persoal propio do Consorcio o que estivese contratado por este en 31 de decembro de 2014.

Este persoal propio do Consorcio rexerase pola lexislación laboral vixente.

Disposición transitoria terceira

Aqueles procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor dos presentes estatutos, relativos a contratación, patrimonio, orzamentos, contas anuais, convenios, plans de actuación e demais actos xurídicos, continuarán a súa tramitación e desenvolvemento de acordo coa normativa local ata a súa finalización e en canto non se adopten actos expresos para a súa modificación.

De igual xeito, o Consorcio continuará desenvolvendo o seu sistema de información contable acorde coa normativa local en canto non se adopten, de ser o caso, acordos expresos para a modificación.

Disposición derradeira única

A entrada en vigor destes estatutos producirase, unha vez aprobados definitivamente polas entidades consorciadas, o día seguinte ao da publicación do seu texto íntegro no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da que se realice no Boletín Oficial da provincia.