DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 14 de agosto de 2023 Páx. 48409

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 124/2023, do 3 de agosto, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vila de Cruces, duns treitos do trazado actual e antigo das estradas EP-6303, EP-6403 e EP-6402.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 19 de maio de 2023, o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vila de Cruces, do treito final da EP-6306 Agolada-Cruces, do treito inicial da EP-6403 Cruces-Brocos e dun treito antigo da EP-6402 Portodemouros-Ponte de San Xusto.

O día 16 de novembro de 2021, a Deputación e o Concello asinaron o convenio de colaboración para levar a cabo a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-6306 Agolada-Cruces, do p.q. 16+450 ao p.q. 16+750. Este convenio ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia a prol do Concello dos seguintes treitos das estradas provinciais:

• Treito final de 345 metros de lonxitude da estrada provincial EP-6306 Agolada-Cruces, desde o p.q. 16+688 ata o p.q. 17+033.

• Treito inicial de 73 metros de lonxitude da estrada provincial EP-6403 Cruces-Brocos, desde o p.q. 0+000 ata o p.q 0+073.

• Treito antigo da antiga ponte de San Xusto, con inicio no p.q. 1+670 da EP-6402 Portodemouros-Ponte de San Xusto, de 298 metros de lonxitude.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que os treitos das estradas EP-6306, EP-6403 e EP-6402 cumpren co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de agosto de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vila de Cruces, dos seguintes treitos de trazado actual e antigo das estradas EP-6306, EP-6403 e EP-6402:

Estrada

Denominación da estrada

PQi

PQf

Lonx. (km)

EP-6306

Agolada-Cruces

16+688

17+033

0,345

EP-6403

Cruces-Brocos

0+000

0+073

0,073

Denominación

PQ

Lonx. (km)

Treito antigo da antiga ponte de San Xusto da estrada EP-6402 Portodemouros-Ponte de San Xusto

1+670 ME da EP-6402

0,298

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Vila de Cruces, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos transferidos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade