DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2023 Páx. 48351

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello do Pereiro de Aguiar (expediente IN407A 2023/018-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: LMT, CTC e RBTS Parada.

Situación: lugar Parada, concello do Pereiro de Aguiar.

Orzamento: 112.862,94 €.

Características principais do proxecto que foi asinado o 17.1.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado nº 2233 do Coeticor:

• Substitución do apoio existente núm. 138-3 na LMTA PRS806, do tipo HV, por un novo apoio proxectado de celosía metálica, do tipo C-16/2000, en que se instala un interruptor-seccionador TC e se retensan os condutores existentes sobre o apoio proxectado.

• LMTS, a 20 kV, de 355 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×150 Al), con orixe no paso A/S que se realiza no apoio proxectado anterior, núm. 138-3 da LMTA PRS806, e final no centro de transformación proxectado.

• Centro de transformación proxectado, de tipo prefabricado rural con manobra exterior, de 100 kVA de potencia e r/t de 20.000/400 V.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 17.2.2023, que foi inserido no DOG do 15.3.2023 e no xornal La Región de Ourense do 10.3.2023. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no Portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario.

Dentro do prazo establecido para iso, foron presentadas alegacións por Inés Gómez Gómez. Nelas oponse á declaración da utilidade pública das instalacións emprazadas no seu predio. Argumenta que o solo ten a condición de «solar urbanizable» e que serve de único acceso a outro terreo estremeiro, tamén da súa propiedade. Ademais, pide que se valoren outras alternativas para instalación, como as parcelas anexas á súa. Así mesmo, achegou unha certificación urbanística do Concello do Pereiro de Aguiar en que se cualifica a parcela como «Solo de núcleo rural. Ordenanza 4». Indícase que o seu uso principal é de vivenda e que tamén é compatible con outros usos. Nesta mesma certificación tamén se establece, entre outras condicións urbanísticas, que o recuamento das edificacións a estremeiros será de 2 metros.

UFD amosou inicialmente a súa oposición a estas alegacións co argumento de que o proxecto técnico das instalacións cumpre con todos os requisitos formais e de carácter técnico e legais exixidos pola lexislación vixente na materia, e non incorre en ningunha das prohibicións e limitacións á constitución da servidume de paso establecidas na lexislación e, en particular, nos artigos 58 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

No que respecta á condición urbanística do solo, UFD indicou que na consulta descritiva e gráfica da parcela extraída da sede electrónica do Catastro figura «cultivo prados ou pradeiras».

Sobre a manifestación da reclamante de que a expropiación lle produciría «un prexuízo irreparable aos bens afectados», UFD recolleu que non concreta en que consistirían os ditos prexuízos e as razóns de que os ditos prexuízos sexan irreparables.

Sobre a pretensión da alegante de que «se valore outras alternativas para a instalación como as parcelas anexas 32059A0570047900000OK e 32059A057004780000OO ou outras», UFD salientou que a reclamante nin acredita cales poden ser as alternativas posibles nin que estas cumpran o preceptuado no citado artigo 161.2, e non ten en conta que en todo caso se afectaría a terceiros alleos a este procedemento.

Posteriormente, o 4.7.2023, UFD presentou un novo escrito de contestación ás alegacións en que se propón a colocación das instalacións na parcela mencionada pero cunha localización diferente á pretendida inicialmente. En lugar de colocar o CT no centro da entrada da parcela, propón unha nova situación cun recuamento ao estremeiro reducido a 2 metros, tal como establecen as normas urbanísticas do Concello do Pereiro de Aguiar.

Esta xefatura territorial entende que a nova localización ten en conta parcialmente as manifestacións da alegante, no senso de permitir o acceso ao outro terreo estremeiro da súa propiedade, que, coa situación proxectada inicialmente, efectivamente quedaba comprometido.

Con respecto á oposición da reclamante á declaración da utilidade pública das instalacións localizadas no seu predio, esta xefatura territorial non constata ningunha das limitacións ou prohibicións á constitución da servidume de paso establecidas na lexislación e, en particular, nos artigos 58 da Lei 24/2013 e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Todo isto con independencia de que na fase expropiatoria a alegante poida aducir todas as circunstancias que xulgue oportunas de cara a determinar o valor da propiedade expropiada.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 7 de xullo de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense