DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2023 Páx. 48196

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 3 de agosto de 2023 pola que se modifica a Orde do 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT211B).

O día 3 de febreiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT211B).

No artigo 22.1 da dita orde establecíase que que as entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 31 de outubro de 2023. Con data do 15 de xuño de 2023 publicase no DOG a Resolución do 7 de xuño de 2023 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 12 de xaneiro de 2023 pola que establecen as bases reguladoras para a concesión.

Debe terse en conta que tras as eleccións do 28 de maio de 2023 as corporacións locais dalgúns concellos non se constituirán ata a segunda quincena de xullo que impediu iniciar os expedientes de contratación xunto as dificultades no período estival de os levar a cabo e á complexidade da execución dos proxectos, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación considerase necesario ampliar o prazo de xustificación.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en que se indica que a ampliación poderá acordarse, de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.

A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de xaneiro de 2023

Modifícase o artigo 22.1 da Orde de 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT211B), que quedaría redactado como segue:

Artigo 22. Xustificación

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 30 de novembro de 2023; sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá á entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente para os efectos previstos da xustificación das subvencións.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación de prazo son os establecidos no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable, de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude, e polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades