DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2023 Páx. 48327

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2023, do tribunal cualificador do proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría industrial, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 241, do 17 de decembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 14 de abril de 2023 (DOG núm. 78, do 24 de abril) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. Na sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2023, ao abeiro do previsto na base da convocatoria II.1.2.7, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 10 de xuño de 2023, e atendendo á correlación entre preguntas anuladas e preguntas de reserva prevista na base II.1.1.1:

– Confirmar a anulación da pregunta 130 do bloque correspondente á parte específica do programa, efectuada polo tribunal no momento da realización do exercicio, e substituír a pregunta anulada pola primeira de reserva dese bloque: 183.

– Estimar a impugnación presentada por un/unha dos/das aspirantes e anular a pregunta 71, e anular de oficio as preguntas 70, 87, 132 e 137 do bloque correspondente á parte específica do programa, ao se acreditaren erros na redacción das respostas. En consecuencia, acórdase substituír as devanditas preguntas polas seguintes preguntas correspondentes ao bloque de reserva da parte específica: 185, 186, 187 e 188. Exclúese a pregunta 184 de reserva por ter sido anulada polo tribunal no momento de realización do exercicio.

– Estimar a impugnación presentada por un/unha dos/das aspirantes e anular a pregunta 168, e anular de oficio as preguntas 163 e 172 do bloque correspondente ao cuestionario tipo test de contido práctico, ao se acreditaren erros na redacción das respostas. En consecuencia, acórdase substituír as devanditas preguntas polas seguintes preguntas correspondentes ao bloque de reserva do cuestionario tipo test de contido práctico: 189 e 190.

– Desestimar as demais reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria:

– Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

– De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 %, en cada unha das partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) ao número de prazas convocado nesta quenda.

– O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta e as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Así pois e de conformidade co disposto na citada base, por resolución deste tribunal acordada na sesión do 31 de maio de 2023, deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio nos seguintes termos:

«Dado que o criterio da nota de corte expresado na convocatoria consiste en multiplicar o número de prazas (2) por 4, o tribunal acorda que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar un total de 8 persoas, sempre e cando acaden en cada un dos bloques un mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo, en cada un dos bloques, do 40 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de 8 persoas.

O criterio expresado de obtención neste primeiro exercicio dunha porcentaxe mínima de acertos en cada bloque refírese respectivamente aos bloques ou partes teórica e práctica.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos».

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 20 de xuño de 2023, de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 2 aspirantes; fixouse en 71,600 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións, segundo o establecido na base II.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Acórdase publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023

José Manuel González González
Presidente do tribunal