DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2023 Páx. 47822

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, nas aliñacións dos núcleos rurais de Quintela e A Barreira.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, nas aliñacións dos núcleos rurais de Quintela e A Barreira, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU), do 20 de xullo de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=1&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FShowProxectosByTipoloxia

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Resolución de aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, nas aliñacións dos núcleos rurais de Quintela e A Barreira

O Concello de Carballo remite a modificación puntual referida para os efectos da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Carballo conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente mediante a Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4 de febreiro de 2016, ao abeiro da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Esta DXOTU emitiu o 16 de decembro de 2020 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con observacións.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 1 de febreiro de 2021 (DOG do 17 de febreiro), no cal se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, cunha determinación sobre a información relativa á edificación tradicional afectada. No marco do proceso de consultas previas, contestou, ademais da DXOTU, o Instituto de Estudos do Territorio o 26 de xaneiro de 2021 e sinalou que a modificación non provocará un impacto paisaxístico significativo.

4. O arquitecto e o técnico-xurídico de Urbanismo municipais emitiron un informe o 15 de marzo de 2022 favorable á aprobación inicial da modificación.

5. O Concello Peno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 28 de marzo de 2022. Foi sometida a información pública durante o prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 14 de abril e Diario Oficial de Galicia do 13 de maio de 2022), sen que fosen presentadas alegacións.

6. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado do trámite o 14.10.2022:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Informe da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 3.5.2022, no cal se sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Informe do Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación do 1 de xuño de 2022 no cal se sinala que non existe no termo municipal ningún solo declarado como contaminado nin información inventariada no Rexistro da Calidade dos Solos de Galicia sobre afeccións á calidade dos solos no ámbito do proxecto.

• Informe da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia do 21 de xuño de 2022, no cal se estima que non procede a emisión de observacións.

• Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 7 de xullo de 2022, favorable.

• Informe do Instituto de Estudos do Territorio do 21.9.2022, sen obxeccións.

b) Déuselles audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica, Ponteceso e Tordoia, sen que presentasen ningunha alegación.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta o seguinte:

• Informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación de Servizos de Comunicación Audiovisual do 20 de maio de 2022, favorable.

• Informe da Dirección da Área de Fomento da Delegación do Goberno do 20 de xullo de 2022 en que se sinala que non se observa incidencia nas propiedades ou zonas afectas á defensa nacional, nin no Inventario de bens e dereitos do Estado nin no das entidades xestoras da Seguridade Social, nin existen infraestruturas xestionadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

• Informe da Subdirección Xeral de Planificación, Rede Transeuropea e Loxística do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do 3 de maio de 2022, sen obxeccións.

• Informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do 10 de maio de 2022, con observacións xerais sobre o cumprimento da normativa do sector eléctrico e onde se indica que no termo municipal de Carballo non discorre ningunha infraestrutura gasista ou petrolífera.

8. O arquitecto, a técnica-xurídica de Urbanismo e o secretario municipais emitiron un informe-proposta o 15 de decembro de 2022 favorable á aprobación provisional da modificación.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en Pleno con data do 26 de decembro de 2022.

10. O concello solicitou a aprobación definitiva o 17 de febreiro de 2023. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu a emenda das deficiencias documentais observadas o 15 de marzo de 2023. O Concello introduciu os cambios precisos no documento e aprobouno provisionalmente no Pleno do 27 de marzo de 2023.

11. O Concello presenta o 25 de abril de 2023 un documento con data de decembro de 2022 subscrito polos arquitectos Beatriz Aneiros Filgueira e Álvaro Fernández Carballada e dilixenciado de aprobación provisional do 27 de marzo de 2023, así como e un informe técnico-xurídico do 16 de marzo de 2023.

II. Obxecto e descrición do proxecto:

1. A modificación ten por obxectivo a mellora da funcionalidade do sistema viario. Para iso regulariza a rede viaria nestes ámbitos de solo de núcleo rural común da seguinte forma:

a) No núcleo de Quintela sitúase a aliñación das vías cun largo continuo de 8 m, respectando as edificacións existentes na contorna e evitando unha afección de maior magnitude na parcela. Deste xeito, os 78 m2 afectados pasan de ser sistema viario a solo de núcleo rural común de grao 1. Así mesmo, elimínase un estreitamento que se produce a continuación da edificación existente.

b) No núcleo da Barreira, en atención ao estado ruinoso da edificación que produce o estreitamento da vía, alóngase a vía ata os 12 m que se sinalan no seu contorno inmediato, pasando os 144 m2 afectados de solo de núcleo rural común de grao 1 a sistema viario, coa excepción de que se pretendan actuacións de rehabilitación ou recuperación da edificación tradicional, para o cal se mantén unha aliñación coincidente coa liña de edificación existente. A aliñación aplicable no caso de substitución da edificación é cunha sección viaria de 12 m e gráfase en liña descontinua coa designación de «aliñación regular», definida no artigo 9 da normativa do plan xeral, que se modifica para estender o seu ámbito de aplicación das estradas autonómicas a todas as vías.

III. Análise e consideracións:

1. Razóns de interese público da actuación.

A mellora da funcionalidade do sistema viario pode ter acollida como razón de interese público para fundamentar unha modificación de planeamento (artigo 83.1 da LSG e punto III.1 do informe da DXOTU do 16.12.2020).

2. Relación do Plan de ordenación do litoral.

Os ámbitos afectados pola modificación están fóra da área abranguida polo Plan de ordenación do litoral, aprobado polo Decreto 20/2011 (en diante, POL).

3. Ordenación proposta.

a) A modificación no núcleo da Barreira afecta unha edificación existente que se sinala que presenta un estado de ruína e non ten especial valor arquitectónico, histórico ou etnográfico, polo que non está prohibida a súa demolición conforme o artigo 26.1.g) da LSG e o artigo 40.1.g) do RLSG (punto III.4.a) do informe da DXOTU do 16 de decembro de 2020).

A modificación mantén a edificación, sen mellorar de forma completa a funcionalidade da rede viaria, e exixe o seu recuamento só no caso da substitución da edificación.

b) O plano de ordenación PORD_02ORD_1_dilix.pdf grafa o límite exterior da zona de afección de canles no ámbito do núcleo de Quintela, seguindo o trazado indicado no Plan básico autonómico, cumprindo o indicado no punto III.4.b) do informe da DXOTU do 16 de decembro de 2020.

c) Os planos de ordenación da modificación non inclúen os hórreos catalogados pola modificación número 5 do plan xeral (expediente PTU AC 20 001), aprobada definitivamente mediante a Orde da CMATV do 23 de maio de 2022, o que cómpre corrixir.

IV.  Resolución.

Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 7 do PXOM de Carballo, nas aliñacións dos núcleos rurais de Quintela e A Barreira, coa condición sinalada no punto III.c) anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.