DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2023 Páx. 47669

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se acorda a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Carlos Llamosas Fernández.

Carlos Llamosas Fernández, con DNI 14.556.763V, nado en Barakaldo (Biscaia) o 10 de xaneiro de 1957, faleceu o 21 de marzo de 2017, con derradeiro domicilio na rúa Orzán da cidade da Coruña, segundo consta no padrón municipal de habitantes. Visto o contido da Sentenza da Sección 5ª da Audiencia Provincial da Coruña do 5 de xullo de 2022, considérase procedente a apertura de procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato do causante, pola presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica, de conformidade co disposto na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio nos artigos 4 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, 4 e 7 do Decreto 113/2022 polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, e de acordo co artigo 20.bis da Lei 33/2003 de patrimonio das administracións públicas,

RESOLVO:

1º. Incoar procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Carlos Llamosas Fernández.

2º. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, Área Temática de Patrimonio, Anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

3º. Remitir copia desta resolución aos concellos de Barakaldo e A Coruña, así como a calquera outro en que durante a instrución deste procedemento se detecten bens da persoa causante, para a súa exposición pública no seu taboleiro de anuncios, por prazo non inferior a un mes.

O prazo máximo ordinario para resolver este procedemento é dun ano contado desde a data de adopción desta resolución.

Con anterioridade á resolución do procedemento, calquera interesado poderá presentar alegacións ou achegar os documentos e outros elementos de xuízo que considere oportunos, que se dirixirán á Consellería de Facenda e Administración Pública, Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código expediente ABI/2018/0023, Edificio Administrativo San Caetano, bloque nº 3, 15781 Santiago de Compostela.

Conforme o previsto no artigo 112.1, parágrafo segundo, da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra esta resolución non se poderá interpor recurso administrativo, sen prexuízo de que as alegacións de oposición a este acto de trámite que se presenten durante o procedemento sexan obxecto de consideración, se procede, na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública