DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2023 Páx. 47571

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Exposición de motivos

Todos os pobos conservan a súa identidade e fan visible a súa continuidade histórica a través de símbolos. Entre eles, os panteóns, como depositarios e custodios da memoria colectiva. Xunto con esta función primordial, os panteóns cumpren outras dúas misións de grande importancia: por un lado, son un instrumento de recoñecemento e gratitude colectiva cara ás persoas que neles son honradas por teren destacado polos seus méritos; e, por outro, a memoria das súas obras e feitos serve de estímulo ás xeracións presentes para que traten de emular e superar os logros dos seus máis destacados devanceiros.

En Galicia, estas ideas deron lugar, a finais do século XIX, con importante apoio institucional e un grande eco popular, á creación do Panteón de Galegos Ilustres. No ano 1891, por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudantes da Facultade de Dereito da Universidade, tomouse o acordo, co consentimento de Manuel Murguía e da familia de Rosalía de Castro, de trasladar os restos mortais da ilustre escritora desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, ata a igrexa conventual de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Así, o 25 de maio de 1891, con este traslado, e co apoio entusiasta das colectividades galegas en América, comezou a súa andaina histórica o lugar simbólico que, por influencia da prensa galega da época, foi denominado Panteón de Galegos Ilustres.

Posteriormente, co ánimo de consolidar o proxecto, no ano 1906 foi soterrado na mesma igrexa o líder rexionalista Alfredo Brañas, finado en 1900. En 1932, por iniciativa dun «feixe de galeguistas de Sant-Yago», comezou a celebrarse o día 24 de xullo «unha misa pol-as almas de Rosalía e de Brañas, na Eirexa onde as súas cinzas agardan a resurrección final», concibida como un acto de «xuntanza da relixiosidade e do patriotismo galego», segundo a crónica do acto publicada no número 104 da revista Nós. O golpe de Estado de 1936 e a Guerra Civil interromperon a celebración desta misa, ata que o Padroado da Fundación Rosalía de Castro, fundado en 1947, e que tiña entre os seus fins estatutarios o de «coidar do mausoleo de Rosalía na igrexa de San Domingos de Compostela», asumiu en 1949 a organización dunha misa «votiva» cada 25 de xullo, nun acto ao que despois seguiu unha ofrenda floral perante o monumento dedicado á poeta na Alameda compostelá ou no propio Panteón. E cómpre subliñar que a devandita celebración non correspondía nin coa data do nacemento nin coa do seu pasamento, senón coa que as Irmandades da Fala fixaran como Día Nacional de Galicia, o 25 de xullo.

Quedou así patente que, alén da súa dimensión relixiosa, este acto tiña un indubidable carácter de reivindicación da identidade galega, vencellada á figura de Rosalía de Castro. Deste xeito, San Domingos de Bonaval converteuse nun punto de encontro en que moitas persoas se xuntaban para daren, dentro dunha celebración relixiosa, testemuño de galeguismo, nunha práctica que tiña moito de resistencia e de loita por manter o facho da identidade galega durante a Ditadura.

Os sucesivos enterramentos consolidaron San Domingos de Bonaval como un verdadeiro Panteón de Galegos Ilustres: o escultor Francisco Asorei, finado en 1961 e soterrado ese mesmo ano; o poeta Ramón Cabanillas, finado en 1959 e soterrado en 1967; e o cartógrafo e matemático Domingo Fontán, finado en 1866 e soterrado en 1968. Unha consolidación como símbolo da identidade galega que foi posible grazas aos esforzos conxuntos e á xenerosidade de varias institucións, tanto públicas como privadas, que coidaron o recinto e os sartegos das persoas alí honradas: a Igrexa e o Concello de Santiago, a Fundación Rosalía de Castro, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Alfredo Brañas e a Fundación Castelao.

A pesar de que o primeiro presidente da Xunta elixido democraticamente, o presidente Fernández Albor, tomou posesión neste simbólico lugar, o Panteón non se desenvolveu nestas décadas de autogoberno, nin recibiu o recoñecemento do que, por xustiza, era merecente. Desde 1968 tan só foi soterrado no Panteón de Galegos Ilustres un dos máis senlleiros fillos de Galicia, Alfonso Rodríguez Castelao, finado en Bos Aires en 1950 e trasladado desde o cemiterio da Chacarita ao Panteón en 1984, por acordo do Parlamento de Galicia.

Diante desta situación, e co obxectivo de recoñecer o Panteón como un símbolo da identidade de Galicia e un lugar de referencia no devir da conciencia das novas xeracións, o Consello da Cultura Galega, de acordo cos padroados das fundacións que honran a memoria das ilustres persoas soterradas en San Domingos de Bonaval, elaborou e fixo chegar ao Parlamento, agromando do tallo do centenario do traslado dos restos mortais de Rosalía, unha proposta para a regulación do Panteón. Desde entón, avanzouse para conseguir un amplo acordo social e político dirixido a institucionalizar o Panteón de Galegos Ilustres, un acordo que abranguese tanto as forzas políticas con representación parlamentaria como os propietarios dos espazos onde asenta o Panteón, isto é, a Igrexa e o Concello; as institucións públicas e privadas que promoven a cultura de Galicia (Consello da Cultura, Real Academia Galega ou Museo do Pobo Galego, entre outras); e os padroados das mencionadas fundacións. Trátase dun acordo que ten como obxectivo que o Panteón desempeñe un papel vivo e activo como lugar de encontro, aprendizaxe e alento do sentir da comunidade dos galegos e galegas de dentro e de fóra do país.

Por estes motivos, o Parlamento de Galicia recoñece a través desta lei o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un elemento singular da nosa identidade, e procede a sentar os principios que regularán a súa xestión, o seu uso e a súa conservación.

A configuración do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un símbolo da identidade de Galicia (artigo 1), encargado de honrar persoas e feitos que representan a continuidade da nosa singular personalidade como pobo (artigo 2), fai necesaria a participación das institucións, tanto públicas como privadas, máis representativas do conxunto do país e da súa cultura. A forma escollida para institucionalizar o Panteón é a de fundación pública autonómica porque é a máis acaída para facilitar a cooperación entre todas as institucións públicas e privadas chamadas a cumprir cos obxectivos perseguidos; ao tempo que garante, polo seu carácter público e a vinculación ao Parlamento, a súa continuidade no tempo, a súa sustentabilidade económica e o seu carácter de símbolo compartido, á marxe de ningunha outra condición que a común pertenza ao pobo galego (artigo 3).

Para preservar o carácter institucional do Panteón, a lei predetermina no seu artigo 4 a composición do Padroado da Fundación, composta por oito membros que representan aos poderes lexislativo e executivo da Comunidade Autónoma e aos titulares demaniais e patrimoniais dos espazos que conformarán o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, todos eles presididos pola persoa titular da Presidencia do Parlamento de Galicia, institución representativa do conxunto do pobo galego.

Para garantir que se manteñan no tempo os consensos que inspiran e levan á aprobación desta lei, no seu artigo 6 establécense maiorías cualificadas no Padroado para a aprobación das normas esenciais de funcionamento en relación cos usos do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que en todo caso deberán ser respectuosos coa natureza e o significado do lugar; e en relación coas honras, protocolos e cerimoniais que se realicen no futuro.

Para facilitar a participación na Fundación e nas súas actividades de cantas institucións e persoas que, pola súa vinculación histórica ou presente ou pola súa capacidade de asesoramento, poidan contribuír a dar cumprimento aos obxectivos e fins do Panteón, o artigo 7 crea unha ampla comisión asesora, aberta a novas incorporacións temporais ou definitivas.

En definitiva, con esta lei recoñécese o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un elemento singular da identidade de Galicia, de maneira que, tal e como evocara Alfonso Castelao na súa Alba de Groria, pronunciada en Bos Aires o 25 de xullo de 1948, o Panteón, honrando «as nobres dinidades e os fortes caraiteres que deu Galiza no decorrer da súa Hestoria», sirva para que «co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro».

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Artigo 1. O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica, é o espazo físico destinado a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñan contribuído significativamente á afirmación da identidade de Galicia, ao coñecemento desa identidade e á súa defensa, así como ao desenvolvemento do progreso do pobo galego en particular e da humanidade en xeral.

Artigo 2. Obxecto e fins

No Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, dándolle continuidade ao Panteón de Galegos Ilustres sito na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela, honraranse as galegas e os galegos que se teñan distinguido durante a súa vida polos servizos prestados a Galicia, particularmente:

– Na defensa dos valores compartidos polo pobo galego, como o respecto á dignidade das persoas e aos seus dereitos, á liberdade ou á solidariedade.

– Na reivindicación da cultura, da lingua galega e da personalidade histórica de Galicia.

– Na contribución ao coñecemento científico e ao desenvolvemento das ciencias humanas, sociais, naturais, da saúde ou tecnolóxicas.

– Na creación artística e literaria galega.

Artigo 3. Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

1. Coa finalidade de interese xeral da conservación, xestión e promoción do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, así como a dos valores que representa, o Parlamento de Galicia promoverá a constitución dunha fundación pública coa denominación de Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que actuará baixo o seu control, dependencia ou tutela. A esta fundación seranlle aplicables as leis autonómicas que regulan as fundacións de interese galego e as fundacións do sector público autonómico, coas especialidades establecidas nesta lei.

2. A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres terá personalidade xurídica propia, contará co seu propio patrimonio e tesouraría e gozará de autonomía de xestión nos termos previstos na lexislación indicada neste artigo.

3. O Parlamento de Galicia, a través da Mesa conxuntamente coa Xunta de Portavoces, exercerá as funcións que a normativa que regula as fundacións do sector público autonómico atribúe ao Consello da Xunta. Para exercer estas funcións e as demais que lle correspondan, contará co asesoramento e a colaboración dos servizos da Cámara.

4. O Parlamento, alén da achega que efectúe á dotación inicial da Fundación, que en todo caso será maioritaria, incorporará anualmente aos orzamentos xerais da Xunta de Galicia, dentro da súa sección, recursos suficientes para dar cumprimento aos fins do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Así mesmo, os estatutos da Fundación preverán que o Padroado encargue o exercicio da xestión ordinaria ou administrativa das actividades da Fundación aos servizos da Cámara, que executarán os ingresos e os gastos previstos nos orzamentos anuais da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres de acordo coas normas previstas nas leis que regulan o réxime económico e financeiro das fundacións públicas autonómicas.

Artigo 4. Presidencia e Padroado

A escritura de constitución preverá que o Padroado da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres estea presidido pola persoa titular da Presidencia do Parlamento de Galicia, para o cal contará coa asistencia dos servizos do Parlamento. Ademais da persoa que asuma a Presidencia, formarán parte do Padroado as persoas integrantes da Mesa do Parlamento e mais as seguintes persoas en representación das correspondentes institucións:

– Pola Xunta de Galicia, o titular da Presidencia ou a persoa membro do Consello da Xunta en que delegue.

– Polo Concello de Santiago de Compostela, a persoa titular da Alcaldía ou a persoa membro da corporación municipal en que delegue.

– Pola Arquidiocese de Santiago de Compostela, o arcebispo de Santiago de Compostela ou a persoa en que delegue.

Artigo 5. Domicilio

A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres estará domiciliada na sede do Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria desta lei.

Artigo 6. Funcionamento

1. A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres actuará conforme o previsto na normativa indicada no artigo 3 e nos seus estatutos.

2. Os estatutos da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres recollerán, cando menos, as normas básicas para o establecemento das regulamentacións seguintes:

a) Un regulamento de usos do espazo do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres que garanta unha utilización respectuosa e decorosa apropiada ás súas finalidades, particularmente no contorno dos soterramentos físicos do actual Panteón de Galegos Ilustres.

b) Un regulamento de honras, protocolo e cerimonial que estableza os requisitos mínimos que xustifiquen a concesión de novas honras no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

3. Para as decisións que afecten o desenvolvemento dos regulamentos de usos e de honras, o Padroado procurará o acordo unánime dos seus membros, e en todo caso adoptará as súas decisións por unha maioría cualificada de tres cuartos das persoas integrantes.

4. Garantirase a apertura ao público do Panteón, difundindo e fomentando as visitas a este espazo emblemático, ben como a celebración de actos de recoñecemento e homenaxe ás personalidades que alí están soterradas por parte de organizacións sociais, culturais ou políticas, no marco do decoro e o respecto que debe presidir este lugar.

Artigo 7. Comisión asesora

1. Para o cumprimento dos seus fins, e particularmente para o asesoramento do Padroado da Fundación na aplicación dos regulamentos de uso e de honras, os estatutos da Fundación incluirán a creación dunha comisión asesora da que formarán parte, presididos pola persoa que asuma a Presidencia da Fundación ou polo membro do Padroado en quen delegue, un representante de cada unha das seguintes institucións: o Consello da Cultura Galega; a Real Academia Galega; a Real Academia Galega das Belas Artes; as tres universidades públicas de Galicia; as consellarías da Xunta que teñan atribuídas as funcións de cultura e patrimonio histórico e de facenda e orzamentos; o Concello de Santiago de Compostela; a Arquidiocese de Santiago de Compostela; o Museo do Pobo Galego; e, de estaren constituídos e en funcionamento, unha persoa representante da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e un representante de cada un dos padroados que honran a memoria das persoas soterradas no Panteón de Galegos Ilustres.

2. Á comisión asesora poderán incorporarse, con carácter permanente ou para asesoramentos específicos, aqueloutras representacións ou persoas que o Padroado considerar oportuno.

Disposición adicional primeira

Tendo en conta o carácter histórico do Panteón sito na igrexa de San Domingos de Bonaval, non se realizarán novos enterramentos nel, sen prexuízo do disposto no artigo 2.

Disposición adicional segunda

Por razóns de eficacia e economía de medios, a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e a consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de cultura poderán asinar un convenio de colaboración para que os servizos competentes do Museo do Pobo Galego asuman a xestión material ordinaria do espazo físico do Panteón en San Domingos de Bonaval, coa adecuada compensación financeira dos gastos adicionais en que incorra.

Disposición adicional terceira

A persoa que exerza a Presidencia do Parlamento informará de todas as actuacións e acordos conducentes á constitución da Fundación á Mesa do Parlamento, así como dos acordos que, unha vez constituída, foren adoptados no Padroado. En relación cos estatutos e cos regulamentos de usos e honras, será consultada a Mesa coa Xunta de Portavoces.

Disposición transitoria

1. A constitución da Fundación realizarase mediante escritura pública, de acordo co previsto no artigo 3. Actuarán como fundadores o Parlamento de Galicia, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela e a Arquidiocese de Santiago de Compostela, que determinarán de común acordo os estatutos da Fundación, ben como a súa dotación inicial.

2. En particular, co obxectivo de lle dar continuidade ao Panteón de Galegos Ilustres, faranse as xestións necesarias para que tanto a Arquidiocese compostelá como o Concello de Santiago de Compostela, no momento da constitución ou con posterioridade, cedan á Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres o uso, respectivamente, da Igrexa de San Domingos de Bonaval e da parte de terreo público municipal imprescindible, dada a súa vinculación física con el, que será delimitado polo Concello no convenio de cesión.

3. A Presidencia do Parlamento de Galicia promoverá, coa maior dilixencia desde a entrada en vigor desta lei, a realización de todas as xestións necesarias dirixidas a obter os acordos precisos para constituír e rexistrar a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, procurando, en particular, a cesión do uso dos espazos recollidos no número anterior polo Concello de Santiago de Compostela e a Arquidiocese de Santiago de Compostela polo máximo tempo posible. Así mesmo, unha vez constituída a Fundación, promoverá a formalización do convenio de colaboración previsto na disposición adicional segunda.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente