DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2023 Páx. 47190

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MR708A).

Mediante a Resolución do 29 de decembro de 2022 aprobáronse as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e convocáronse as correspondentes ao ano 2023 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro de 2023).

Mediante as resolucións do 9 e 29 de xuño de 2023, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolveu o procedemento para a concesión das axudas.

A escaseza de subministración de materiais e compoñentes está a demorar con carácter xeral os procesos de fabricación e subministración da maquinaria e equipamentos subvencionados, e afecta, igualmente, o ritmo de execución das obras no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, o que require prever prazos máis amplos dos inicialmente previstos para executar e xustificar os investimentos subvencionados na anualidade 2023.

As razóns expostas aconsellan ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade 2023 recollido no artigo 5 da Resolución do 29 de decembro de 2022 (15 de setembro de 2023), co fin de asegurar a execución dos investimentos subvencionados.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 11 de xullo de 2013, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase o artigo 5 da Resolución do 29 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023, que queda redactado como segue:

Artigo 5. Prazo para a execución dos investimentos

Para todas as tipoloxías de proxectos subvencionables, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2023 será o 6 de novembro de 2023.

No caso de proxectos de posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, o prazo para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2024 será o 1 de agosto de 2024. A esta xustificación poderán imputarse, igualmente, os gastos executados desde a finalización do prazo de xustificación correspondente á anualidade 2023.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural