DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 1 de agosto de 2023 Páx. 46652

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Carballo (expediente IN407A 2021/031-1).

Expediente: IN407A 2021/031-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: modificado do proxecto para a ampliación de potencia do CT Cambrelle (15ACM9).

Concello: Carballo.

Feitos:

1. O día 4 de abril de 2023, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de dar resposta a unha petición de subministración de 5,75 kW para unha vivenda particular no lugar de Cambrelle, no concello de Carballo. Proxéctase o cambio de máquina do centro de transformación de intemperie CT Cambrelle (15ACM9, expediente 50.688) existente de 100 kVA de potencia, mantido pola liña de distribución de media tensión LMT LAR703, procedente da subestación Laracha, instalando un novo transformador de 160 kVA, así coma a substitución da aparellaxe de media e baixa tensión.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado Modificado do proxecto para a ampliación de potencia do CT Cambrelle (15ACM9), asinado con data 26 de xaneiro de 2023 por Rubén Fervenza Nicolás, enxeñeiro técnico industrial graduado en Enxeñería Eléctrica, con número colexial 4.684 de Vigo (COETIVIGO) e con número de visado 22300196 do 27 de xaneiro de 2023. Este proxecto substitúe o achegado anteriormente con data do 19 de xaneiro de 2021 e visado número 22100087 con data do 19 de xaneiro de 2021.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puider prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así mesmo, solicitóuselle o preceptivo informe ao Concello de Carballo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polo organismo afectado.

4. Con data do 4.7.2023 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro); o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15 de xuño); o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño), e ao abeiro do artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. A lexislación para aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

1º. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2º. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3º. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4º. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5º. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6º. Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. As características técnicas da instalación son as seguintes:

– Repotenciación do CTI Cambrelle (15ACM9, expediente 50.688) de intemperie de 100 kVA con relación de transformación de 15.000/400-230 V, instalado en apoio número 9XJQ1X8A//105-1-CT existente tipo HV-11/1000 da LMT LAR703, procedente da subestación Laracha. Novo trafo de 160 kVA e retirada do existente. Retensado do van anterior.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude, coa cal xuntará a seguinte documentación:

▪ As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 7 de xullo de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña