DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 1 de agosto de 2023 Páx. 46656

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Fene (expediente IN407A 2023/033-1).

Expediente: IN407A 2023/033-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: renovación da LMTS ASN705 entre os CTS 15CHCL e 15CML2 Fene.

Concello: Fene.

Feitos:

1. O día 1 de febreiro de 2023, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade da subministración na zona, así coma incrementar a capacidade de transporte da liña existente. No proxecto sinálase que se ten que substituír o actual treito de liña ao considerarse o seu illamento de moi alto risco.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado Renovación da LMTS ASN705 entre os CTS 15CHCL e 15CML2 Fene, asinado o 16 de decembro do 2022 por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico e co número colexial LE-1010.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe a Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; ao Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)-Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Coruña e ao Concello de Fene. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados, a saber, AXI e o concello.

4. O 4 de xullo de 2023 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15 de xuño), e o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño), e ao abeiro do artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que a seguir se relaciona:

1) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6) A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña eléctrica de media tensión soterrada a 15 kV cunha lonxitude de 60 metros, coa orixe en empalme entre o treito ASN7050409 e o treito ASN7050434, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 AL, e remate en empalme entre o treito ASN7050434 e o treito ASN7050420.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 7 de xullo de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña