DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 31 de xullo de 2023 Páx. 46421

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2023 pola que se publica a sexta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con datas do 15 de abril de 2019, do 28 de novembro de 2019, do 28 de maio de 2020, do 21 de outubro de 2020 e do 19 de decembro de 2022 asináronse, respectivamente, a primeira, a segunda, a terceira, a cuarta e a quinta addendas ao Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para establecer un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio asinouse o 9 de agosto de 2018 e publicouse no DOG núm. 156, do 17 de agosto.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Tendo en conta o exposto e en virtude das competencias conferidas,

RESOLVO:

Publicar a sexta addenda ao Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para establecer un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinada o 6 de xullo de 2023, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela,19 de xullo de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Sexta addenda ao Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia,
a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios
forestais para establecer un sistema público de xestión da biomasa
nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023.

REUNIDOS:

Pola Xunta de Galicia, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, que actúa por conta e en representación da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio), en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Maciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alberto Varela Paz, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1.b) dos seus estatutos.

Todas as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida.

EXPOÑEN:

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece no seu artigo 7.d) que lles corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, e de xeito máis concreto a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa, nos termos dos artigos 22 e 23 da citada lei. Contan para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 59 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de conformidade co establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O día 9 de agosto de 2018, a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga asinaron un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para establecer un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, publicado no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018, co obxecto de instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas da interface urbana e se garanta así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Como recorda a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é da interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abranguen o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. Neste contexto, e a través do citado convenio, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público, como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean cerca dos núcleos de poboación, e asegúrase a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas. Así mesmo, en caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegúrase a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Co obxecto de reforzar o apoio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na realización das accións que lles corresponden aos concellos, o convenio modificouse a través dunha primeira addenda asinada o 15 de abril de 2019 e publicada no DOG núm. 90, do 13 de maio.

O 28 de novembro de 2019 asinouse unha segunda addenda (publicada no DOG núm. 6, do 10 de xaneiro de 2020) para facilitar a aplicación de determinadas cláusulas do convenio, que supuxo, entre outras modificacións, o desenvolvemento dunha nova ferramenta en mobilidade, a inclusión da posibilidade de que os concellos adheridos poidan realizar execucións subsidiarias ata un máximo de 5 hectáreas con cargo ao convenio, a simplificación de trámites administrativos para a aplicación dos ingresos que se perciban da venta das especies arbóreas incluídas nas execucións subsidiarias e a incorporación dunha cláusula en materia de protección de datos.

O 28 de maio de 2020 asinouse unha terceira addenda (publicada no DOG núm. 114, do 12 de xuño) en que se modificaron varias cláusulas do convenio coa finalidade de incrementar as actuacións no territorio e de atender as necesidades derivadas da posta en marcha das iniciativas de mobilización de terras e das iniciativas estratéxicas.

O 21 de outubro de 2020 asinouse a cuarta addenda (publicada no DOG núm. 299, do 12 de novembro) en que se modificou a cláusula quinta relativa á colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal dos montes incluídos nos concellos adheridos ao presente convenio.

O 19 de decembro de 2022 asinouse unha quinta addenda (publicada no DOG núm. 30, do 13 de febreiro de 2023), en que modificaron varias cláusulas do convenio, polo que se amplía a súa vixencia, se actualiza o orzamento coas achegas da Consellería do Medio Rural para os anos 2022 e 2023 e se elimina a limitación de 10 héctareas por concello e ano nas actuacións subsidiarias daqueles concellos seleccionados pola Comisión de Seguimento como concellos piloto.

A través desta nova addenda articúlanse as modificacións necesarias no convenio para adaptalo aos cambios introducidos pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Segundo o establecido na cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Por todo iso, con base no exposto, as partes acordan asinar a presente addenda de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Modifícase o número 1 da cláusula terceira bis, que queda redactado como segue:

1. Sen prexuízo do establecido na cláusula novena para os proxectos piloto, para determinar os concellos adheridos en que se realizarán as actuacións anuais previstas na cláusula segunda, número 1.b), teranse en conta os seguintes criterios de prioridade:

a) Municipios afectados por grandes incendios forestais no ano 2017 e nos 10 anos anteriores.

b) Municipios en que se activase a situación operativa 2 do Peifoga nos últimos 10 anos.

c) Municipios con parroquia/s de alta actividade incendiaria.

d) Municipios incluídos en zonas de alto risco de incendio forestal.

e) Municipios costeiros da provincia da Coruña incluídos nas zonas de influencia do vento do nordés.

f) Municipios que conten con plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais en que se definan as faixas secundarias ou municipios que teñan realizadas as actuacións de determinación das faixas que sexan necesarias para permitir a aplicación directa das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

g) Municipios que subscribisen convenio para unha brigada municipal de prevención e extinción de incendios forestais coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os criterios de prioridade indicados serán desenvolvidos pola comisión de seguimento do convenio, que aprobará un baremo para decidir sobre as actuacións anuais que se desenvolverán.

Os municipios que dispoñan dun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios aprobado poderán delimitar, en función da presenza de factores obxectivos de risco, tales como o carácter recorrente da produción de incendios forestais, zonas de actuación prioritaria, nas cales se priorizarán as actuacións de comprobación de xestión de biomasa e, se é o caso, da execución subsidiaria. Da mesma forma, a Administración autonómica poderá priorizar a execución subsidiaria, no marco do sistema público de xestión da biomasa, de acordo cos factores obxectivos de risco de incendios forestais.

A valoración das actuacións que se realizarán anualmente e a determinación da súa preferencia, de acordo cos criterios de prioridade sinalados, efectuarase por proposta da Comisión de Seguimento deste convenio, tendo en conta en todo caso unicamente criterios técnicos derivados das necesidades da prevención e loita contra os incendios forestais. A Comisión de Seguimento adoptará a súa proposta e expresará para cada concello as parroquias e a superficie consideradas en cada caso. Esta proposta elevarase para a súa aprobación por parte da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

Segunda. Modifícase a letra a) da cláusula cuarta, que queda redactada como segue:

a) Aprobar o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais previsto no artigo 16 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Unha vez aprobado o plan polo concello, este deberá comunicar a súa aprobación á dirección xeral competente en materia de prevención de incendios forestais.

A dita aprobación deberá producirse no prazo de dezaoito meses desde a entrada en vigor da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Transcorrido este prazo sen que se aprobase o citado plan, o concello non poderá adherirse ao convenio e, de estar xa adherido, suspenderase a súa adhesión ata que se produza a dita aprobación.

Así mesmo, en canto non se aprobe o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e a consecuente definición das faixas secundarias, o concello deberá realizar as actuacións de determinación das faixas que sexan necesarias para permitir a directa aplicación das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

Terceira. Modifícase a letra b) do número 2 da cláusula sétima, que queda redactada como segue:

b) A colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden a estes de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas, regulada no artigo 22 da Lei 3/2007, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos idóneos para o seu desempeño.

– Preparación técnica das comunicacións que, conforme o artigo 22 da Lei de prevención de incendios, deben ser enviadas ás persoas responsables polos concellos. Nelas lembrarán a obriga de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas e advertirán da execución subsidiaria con repercusión de custos, no caso de que non se cumpran as ditas obrigas, así como, se é o caso, comiso das árbores.

– Elaboración técnica do anuncio para ser publicado no DOG e BOE, con indicación dos datos catastrais da parcela cando non se puidese determinar a identidade das persoas responsables ou resulte infrutuosa a dita comunicación.

– Elaboración técnica dos documentos base dos actos administrativos para iniciar o procedemento de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

– Elaboración técnica dos documentos base para dar traslado da resolución de execución subsidiaria ao órgano competente para incoar o procedemento sancionador para que se incoe o dito procedemento e se adopte a medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas.

– Preparación dos documentos necesarios para realizar a venda das ditas especies arbóreas comisadas.

– Elaboración dos documentos que permitan delimitar as zonas de actuación prioritaria e urxente en que o incumprimento das obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas habilite a Administración pública competente para proceder de modo inmediato á execución subsidiaria de tales obrigas, pola presenza de factores obxectivos de risco.

A realización das actuacións sinaladas será efectuada pola Administración autonómica sen contraprestación ou compensación de custos polos concellos, no marco dos principios de colaboración e cooperación entre administracións, tendo en conta a finalidade das partes de lograr os obxectivos que teñen en común e as consideracións de interese público que guían a actuación, sen prexuízo do disposto no número 4 desta cláusula.

Así mesmo, e sen prexuízo das competencias das entidades locais, poderase prever como fórmula de colaboración, entre outras actuacións, que a consellería competente en materia forestal asuma a competencia para efectuar as comunicacións, os apercibimentos, a imposición de multas coercitivas, as publicacións e o desenvolvemento das actuacións materiais de execución subsidiaria previstas no artigo 22 da Lei 3/2007.

Cuarta. Modifícase o segundo parágrafo do número 4 da cláusula sétima, que queda redactada como segue:

Así mesmo, Seaga, nestes casos de execución subsidiaria, percibirá o importe dos custos de xestión repercutidos á persoa responsable, que comprenderá todos os gastos ou custos en que se incorra como consecuencia desta. Para estes efectos, como garantía da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión da biomasa, os custos derivados da execución subsidiaria debidos pola persoa responsable terán a consideración de créditos de dereito público da Administración autonómica e a súa recadación executiva corresponderalle aos seus órganos competentes.

Nestes casos, a consellería competente en materia forestal será a encargada de ordenar a execución subsidiaria e, de acordo coa xustificación documental de custos presentada por Seaga, deberá aprobar a liquidación definitiva e notificarlla á persoa responsable. Concederalle un período voluntario dun mes para o pagamento dos gastos e custos correspondentes á execución subsidiaria. A xestión recadatoria levarana a cabo os órganos de recadación competentes da Administración autonómica. En particular, de acordo co establecido no artigo 22.4 da Lei 3/2007, para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar á parte proporcional á cabida da parcela o importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Quinta. En todo o non modificado expresamente por esta addenda, seguirá sendo de aplicación o disposto no convenio.

Sexta. As partes asinantes outorgan o seu consentimento para que os datos persoais e o resto das especificacións que constan nesta addenda sexan publicados no Portal de transparencia e Goberno aberto e no Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, e en concordancia cos artigos 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

En proba de conformidade, as partes asinan a presente addenda.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; Alberto Varela Paz, Federación Galega de Municipios e Provincias; Pablo Arbones Maciñeira, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.