DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 31 de xullo de 2023 Páx. 46429

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 20 de xullo de 2023 pola que se amplía o crédito para os procedementos PE120A e PE120E da Orde do 19 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases e se regulan os procedementos para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e se convocan para o ano 2023 os devanditos procedementos, tramitados como expedientes anticipados de gasto (códigos de procedemento PE120A, PE120B, PE120C e PE120E).

A Orde do 19 de decembro de 2022 (DOG núm. 9 do 13 de xaneiro de 2023) estableceu, para o ano 2023, a convocatoria de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques e entre as súas finalidades estaban realizar investimentos:

– Que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies (procedemento PE120A).

– Que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas (procedemento PE120E).

A devandita orde establece no seu artigo 4 que o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Tendo en conta que este ano, polo número e contía deste tipo de axudas, o crédito orzamentario non foi suficiente para atender as solicitudes que cumpren cos requisitos, é polo que procede ampliar o crédito orzamentario para a concesión de axudas para as liñas de investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies e que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas.

Por todo o anterior, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 19 de decembro de 2022 en:

92.187,00 euros, con cargo á aplicación 15.02.723A.770.0 (código de proxecto 2016.00254) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, polo que o importe total da convocatoria de 2023 para o procedemento 120A ascende a 192.187,00 euros.

E en:

183.650,75 euros, con cargo á aplicación 15.02.723A.770.5 (código de proxecto 2016.00278) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, polo que o importe total da convocatoria de 2023 para o procedemento 120E ascende a 483.650,75 euros.

Segundo. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar