DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2023 Páx. 46202

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2023 pola que se notifican as resolucións do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) relativas á asignación complementaria de dereitos de pagamento básico da reserva nacional da campaña de 2022, dos casos pendentes das campañas de 2018, 2019, 2020 e 2021 e a denegación das solicitudes de dereitos de pagamento básico da campaña de 2022 e dos casos pendentes das campañas de 2016 e 2019.

Para os efectos de establecer en Galicia o procedemento de solicitude para a asignación de dereitos de pagamento básico procedentes da reserva nacional da campaña de 2022, no marco establecido polo Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro, sobre asignación de dereitos do réxime de pagamento básico da política agraria común, publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), con base no disposto nos artigos 23 a 27 do Real decreto 1076/2014, tramitou e emitiu informe sobre as solicitudes de acceso á reserva nacional, e deulle traslado dos expedientes á persoa titular da presidencia do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) para a súa resolución.

De acordo co disposto no artigo 27.1 do devandito Real decreto 1076/2014, a persoa titular da presidencia do FEGA comunicou ao Fogga, para a súa notificación ás persoas solicitantes, a resolución sobre a asignación de solicitudes de dereitos de pagamento básico da reserva nacional.

Así mesmo, logo da análise das diferentes casuísticas na asignación de dereitos non resoltas ata a data, notifícanse as resolucións de asignación de dereitos da reserva nacional pendentes das campañas reguladas nas ordes da Consellería do Medio Rural do 29 de xaneiro de 2016, do 6 de febreiro de 2018, do 22 de xaneiro de 2019, do 12 de febreiro de 2020 e do 15 de xaneiro de 2021, polas que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Conforme co anterior, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública e notificar na páxina web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/dereitos_de_pagamento_basico) as resolucións do FEGA relativas á asignación complementaria de dereitos de pagamento básico da reserva nacional da campaña de 2022, os casos pendentes das campañas de 2018, 2019, 2020 e 2021 e a denegación das solicitudes de dereitos de pagamento básico da campaña de 2022 e dos casos pendentes das campañas de 2016 e 2019.

Segundo. Contra a resolución da persoa titular da presidencia do FEGA, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta notificación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria