DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2023 Páx. 46199

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2023 pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito do Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, promove no seu artigo 106 e seguintes a creación do Marco galego de competencias dixitais, para dar resposta á necesidade de acadar unha cidadanía dixitalmente responsable nun contexto en que a relación coa Administración, a vida cotiá e o emprego requiren do uso continuado de tecnoloxías da sociedade da información.

O Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais ten por obxecto definir a estrutura do Marco galego de competencias dixitais, regular a certificación galega en competencias dixitais e establecer os requisitos, criterios e procedementos para a súa obtención.

O artigo 8 do dito decreto establece que as persoas interesadas en obter a certificación galega en competencias dixitais, en adiante certificación ComDix, presentarán unha solicitude dirixida á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante o modelo normalizado e os procedementos electrónicos que determine a dita axencia pública autonómica.

O artigo 9 do dito decreto establece tamén que a expedición dos certificados é competencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adiantando só o contido básico que deberán incorporar os certificados.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se fose o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.

Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia:

A emisión dos certificados de realización dos cursos impartidos nos centros da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT).

A emisión da certificación galega en competencias dixitais, certificación ComDix, con base no Marco galego de competencias dixitais.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar o uso do selo electrónico denominado AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e a realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a renovación do selo electrónico AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2023

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia