DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2023 Páx. 46192

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Monumento A Terraza de Sada.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Monumento A Terraza de Sada, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 31 de marzo de 2023, Javier Dopico García, en representación do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Monumento A Terraza de Sada constituírona María José Fariña Otero, Francisco José Fariña Otero, Antonio Fariña Otero, María Ada Pernas Peña, José Antonio Acuña Fernández, José Ángel Blanco Otero e María del Carmen Vilar Hortas, mediante escritura pública outorgada o 27 de marzo de 2023, ante o notario de Sada (A Coruña) Andrés Cancela Ramírez de Arellano, co número de protocolo 484. Tras requirimentos do 24 de abril e do 26 de maio de 2023, o 23 e o 29 de maio de 2023, os fundadores achegan unha nova escritura outorgada o 18 de maio de 2023, co número 812 do seu protocolo, complementada por outra outorgada o 29 de maio de 2023, co número de protocolo 885, as dúas outorgadas na mesma localidade e ante o mesmo notario da primeira, en que emendan a súa dotación.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten un fin cultural baseado esencialmente na protección do monumento A Terraza de Sada (declarado ben de interese cultural, BIC) mediante a súa conservación, mantemento e custodia de xeito que se evite a súa perda, destrución ou deterioración, co obxectivo de que sexa un espazo senlleiro de promoción cultural na contorna da comarca das Mariñas Coruñesas, do concello de Sada, de Galicia, España e, mesmo, da Unión Europea.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á identidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do Padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do Padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da fundación está formado por Antonio Fariña Otero, como presidente; José Antonio Acuña Fernández, como vicepresidente; María del Carmen Vilar Hortas, como secretaria; e María José Fariña Otero, Francisco José Fariña Otero, María Ada Pernas Peña e José Ángel Blanco Otero, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Monumento A Terraza de Sada, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos eXixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia primeiro e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 30 de xuño de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 135, do 17 de xullo), clasificouse de interese cultural a Fundación Monumento A Terraza de Sada, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Monumento A Terraza de Sada, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Monumento A Terraza de Sada.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o Protectorado.

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2023

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Formación Profesional e Universidades