DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 26 de xullo de 2023 Páx. 45959

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública do Plan parcial do solo urbanizable non delimitado número 4 (SUND-4). Rebordaos.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na sesión celebrada o 26 de maio de 2023, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan parcial de ordenación do SUND-4 (Rebordaos), promovido por iniciativa particular de Luis Gigirey y otros, C.B., e elaborado por Anaya Arquitectos.

O documento que se somete a aprobación inicial é o que consta presentado o día 5 de maio de 2023, coas emendas que se relacionan no informe emitido pola arquitecta municipal o día 26 de maio de 2023.

Como condición para a apertura do trámite de participación pública, a promotora deberá presentar un documento refundido que integre todas as cuestións relacionadas no citado informe técnico.

Segundo. En aplicación do procedemento regulado nos artigos 75.1 da Lei 2/2016 do solo de Galicia, e 186.1 do seu regulamento, o plan parcial inicialmente aprobado someterase a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación persoal aos propietarios de todos os terreos afectados, segundo figuren no Catastro.

Con data 21 de xuño de 2023, a promotora presentou un documento reformado, que integra as cuestións sinaladas no acordo de aprobación inicial.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas; e na páxina web do Concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/PLAN-PARCIAL-DO-SUND-4.-REBORDAOS/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe «Catálogo de trámites» a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2022/23211N no campo «Referencia» e incorporar o documento das alegacións.

As alegacións tamén se poderán presentar por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica