DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 26 de xullo de 2023 Páx. 45912

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de xullo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela, treito de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Antecedentes.

Con data do 3 de xaneiro de 2023 publícase no Diario Oficial de Galicia número 2 o Anuncio do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela, treito de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de clave AC/22/087.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de xullo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela, treito de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición, deberá empregar o modelo IF321C de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de xullo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela, treito de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación
e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

Aprobar definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela, treito de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, de clave AC/22/087.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coas seguintes modificacións respecto ao trazado sometido a información pública.

• Realizarase a segregación do itinerario peonil e ciclista nos treitos en que sexa viable, como son a conexión directa en baixada desde o itinerario do treito Milladoiro-Estación Intermodal, e o treito comprendido entre o p.q. 0+390 e 0+980, que no proxecto de trazado figuraba como plataforma compartida para ambos os tipos de usuarios. Empregarase así o pavimento de formigón poroso unicamente para os usuarios en bicicleta e VMP e disporase pavimento en saburra para a senda de uso peonil.

• Axustarase o trazado na contorna do cruzamento sobre o río Sar, de xeito que o itinerario tanto peonil como ciclista aproveiten a pontella existente; suprimirase a pasarela prevista no proxecto de trazado sometido a información pública e evitarase así a implantación dun novo itinerario na zona inundable deste río.

• Axustarase o trazado no treito final eliminando a franxa verde de separación entre a beirarrúa e o carril bici, atendendo así á solicitude do Concello de Santiago de reducir a ocupación nos ámbitos DM-2 e ZL-5 do Plan parcial do SUP-6 de Santa Marta.

Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o Concello de Santiago de Compostela, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para a implantación dos proxectos e as modificacións destes que, de ser o caso, puideren aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro.