DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2023 Páx. 44819

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

EXTRACTO da Resolución do 10 de xullo de 2023 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2023/24 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

BDNS (Identif.): 708627.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas destinatarias

Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil de segundo ciclo.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

As persoas destinatarias poderán recibir a axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración, incluídos os custos de loxística e repartición, ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia, de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidas nesta resolución.

Igualmente, é obxecto desta resolución a convocatoria das devanditas axudas para o curso escolar 2023/24, conforme o disposto no Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que se refire ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, e no Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, que modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, polo que se establecen medidas relativas á fixación de axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas, e os regulamentos que os desenvolven e complementan.

A axuda abrangue dous procedementos diferenciados: o procedemento MR265B, de solicitude de autorización e axuda para a subministración de produtos aos centros escolares, e o procedemento MR265C, de solicitude de pagamento da axuda para a subministración de produtos aos centros escolares.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 10 de xullo de 2023 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2023/24 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

Cuarto. Importe

O importe máximo aplicable ao produto é o establecido no anexo I da resolución.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes de autorización e axuda

O prazo de presentación será ata o 20 de setembro de 2023, incluído.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria