DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2023 Páx. 44790

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2023 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2023/24 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados agrarios, prevé dous réximes de axudas destinados a mellorar a distribución de produtos agrarios no alumnado de centros escolares. O primeiro réxime refírese á distribución de produtos dos sectores das froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano (programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas) e o segundo á distribución de leite e de produtos lácteos (Programa de consumo de leite nas escolas).

O Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, substitúe estes dous réximes por un único, con efectos a partir do curso escolar 2017/18. Este réxime único dota a estas axudas dun marco xurídico e financeiro común, máis adecuado e efectivo, que maximice o impacto da distribución e aumente a eficacia na xestión dos programas escolares.

Xunto con este, o Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, establece medidas relativas á fixación das axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas.

Finalmente, cómpre completar o marco normativo comunitario co Regulamento de execución (UE) 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se establecen normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que atinxe á axuda da Unión para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite e, finalmente, co Regulamento delegado (UE) nº 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á axuda da Unión para a subministración de froitas e hortalizas, plátanos e leite nos centros escolares e se modifica o Regulamento delegado (UE) nº 907/2014 da Comisión.

O Regulamento de execución (UE) 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, foi modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 2022/246 da Comisión, do 13 de decembro de 2021, no que atinxe ás solicitudes de axuda, ao pagamento da axuda e aos controis sobre o terreo. Igualmente, o Regulamento delegado (UE) nº 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, foi modificado polo Regulamento delegado (UE) nº 2022/245 da Comisión, do 13 de decembro de 2021, no que respecta ás medidas educativas de acompañamento e a selección e aprobación dos solicitantes de axuda.

Na actualidade existe unha tendencia descendente no consumo de froitas e hortalizas frescas e de leite de consumo, por iso os regulamentos comunitarios establecen a necesidade de centrar a distribución de forma prioritaria nestes produtos. Así mesmo, deben realizarse esforzos para garantir a distribución de produtos locais e rexionais.

A evolución do programa de leite escolar nos últimos cursos amosa en Galicia unha tendencia á baixa, polo que cómpre darlle efectividade executando de xeito conxunto os programas de froita e de leite escolar.

En Galicia, a regulación da axuda recollida nesta resolución desenvolve a normativa básica estatal contida no Real decreto 511/2017, do 22 de maio, polo que se desenvolve a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación co programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite, que establece as modalidades de aplicación da nova normativa da Unión Europea en relación cos planes escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite.

O dito real decreto foi modificado polo Real decreto 77/2019, do 22 de febreiro, e que, entre outros, simplifica o procedemento e inclúe como posibles solicitantes os centros escolares e, recentemente, polo Real decreto 110/2022, do 8 de febreiro.

Esta resolución regula, no seu capítulo I, as bases reguladoras para a tramitación e concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e, no seu capítulo II, a convocatoria das axudas para o curso escolar 2023/24.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, no que resulta de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria –Fogga– (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo), e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración, incluídos os costes de loxística e repartición, ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidas nesta resolución.

2. Igualmente é obxecto desta resolución a convocatoria das ditas axudas para o curso escolar 2023/24, consonte o disposto no Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, e no Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, que modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, polo que se establecen medidas relativas á fixación de axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas, e os regulamentos que os desenvolven e complementan.

3. A axuda abrangue dous procedementos diferenciados: o procedemento MR265B, de solicitude de autorización e axuda para a subministración de produtos aos centros escolares e o procedemento MR265C, de solicitude do pagamento da axuda para a subministración de produtos aos centros escolares.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil de segundo ciclo.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria (ESO), o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

As persoas destinatarias poderán recibir a axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar.

Artigo 3. Produtos que se subvencionan e restricións

1. Serán obxecto de distribución obrigatoria no programa escolar os dous grupos de produtos:

a) Froitas frescas e castañas.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

2. A axuda da Unión concederase unicamente para os produtos a que se refire o anexo I.

3. Os produtos non poderán ser obxecto de distribución no marco das comidas escolares.

4. Os centros escolares que desexen participar deberán facelo obrigatoriamente distribuíndo entre o alumnado os dous grupos de produtos (froitas e leite).

5. Os produtos distribuídos serán sempre de excelente calidade. No caso das froitas frescas, serán preferentemente de tempada, atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo e serán consumidas no seu estado natural, non poderán someterse a ningún procesamento, incluído a elaboración de zume. A castaña consumirase cocida ou asada.

6. Optarase preferentemente pola distribución de produtos de proximidade que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co ambiente.

7. Os produtos recollidos no anexo I terán que cumprir, de ser o caso, os requisitos do Regulamento (CE) nº 852/2004 e do Regulamento (CE) nº 853/2004 e, en particular, os relativos á preparación nun establecemento autorizado, así como os de marcación de identificación especificados na sección I do anexo II do Regulamento (CE) nº 853/2004.

Artigo 4. Período de subministración, calendario de distribución e racións

1. A subministración dos produtos nos centros escolares farase durante un ou os dous seguintes períodos de repartición autorizados:

1º. período: de novembro de 2023 a febreiro de 2024 (ambos incluídos).

2º. período: de marzo a xuño de 2024 (ambos incluídos).

A distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo, para cada un dos períodos autorizados, durante dez (10) días lectivos consecutivos.

A distribución de leite líquido de consumo levarase a cabo, para cada un dos períodos autorizados, durante un mínimo de vinte (20) días lectivos consecutivos.

O órgano competente poderá autorizar unha variación dos días de distribución por causas xustificadas.

2. A ración máxima de consumo por alumno/a e día é de:

a) Froitas frescas e castañas: 0,17 kg.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa: 200 cc.

Artigo 5. Axuda da Unión para a subministración e a distribución de produtos

1. A axuda da Unión destinarase a financiar a subministración e distribución, incluída a loxística e repartición, dos produtos subvencionables a que se fai referencia no artigo 3. O IVE será financiado con cargo ao orzamento da Xunta de Galicia.

2. O importe máximo aplicable ao produto, incluída a loxística e repartición, será o establecido no anexo I. Para calcular a axuda que se deberá solicitar, os centros escolares deben ter en conta que aos importes unitarios que figuran no anexo I teñen que engadirlle o IVE correspondente.

3. Xunto coa solicitude de pagamento a persoa solicitante deberá achegar, por programa, un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores. Se deberá avaliar, polo menos, a independencia das ofertas, que os elementos das ofertas sexan comparables, así como a claridade e o detalle da descrición destas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficacia e economía, e deberá xustificarse expresamente a elección cando esta non recaia na proposta económica máis vantaxosa, así como, de ser o caso, na inexistencia de suficientes provedores.

4. Os importes do anexo I incrementaranse nun 30 % para produtos avalados por réximes de calidade recoñecidos pola UE, establecidos no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e no Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño, sobre produción e etiquetado dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) nº 2092/91, ou dos réximes de calidade a que se refire o artigo 16, número 1, letras b) e c), do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

Dentro destes réximes de calidade están incluídos, entre outros: Agricultura Ecolóxica, Denominación de Orixe Protexida (DOP), Indicación Xeográfica Protexida (IXP), Produción Integrada e Leite Galega 100 %.

Artigo 6. Persoas solicitantes da axuda para a subministración e distribución dos produtos

1. Poderán solicitar a axuda os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2 que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia e reúnan os requisitos establecidos nesta resolución.

Para poder participar no programa escolar as persoas solicitantes deberán estar autorizadas nos termos establecidos no artigo 7 e asumir os compromisos que figuran no anexo II.

2. Para os efectos da aplicación da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, será persoa beneficiaria da axuda unha persoa solicitante que fose aprobada para participar no Programa no curso escolar 2023/24, de acordo co establecido nesta resolución.

3. Non poderá concedérselle a axuda a aqueles centros educativos que estean incursos nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de persoa beneficiaria previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

4. Para os efectos de xustificar o cumprimento dos requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas solicitantes asinarán unha declaración de cumprimento dos ditos requisitos, que se contén no anexo II desta resolución.

5. A ordenación e instrución deste procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Artigo 7. Presentación e tramitación da solicitude de autorización e axuda (código do procedemento MR265B)

1. As persoas solicitantes de axuda que pretendan participar no programa deberán ser autorizados pola dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Para estes efectos presentarán o anexo II desta resolución no prazo establecido no capítulo II.

Empregarase un anexo II para froitas frescas e castañas e outro anexo II para leite.

2. As persoas interesadas nas axudas previstas nesta resolución deberán solicitar obrigatoriamente as dúas modalidades de axuda: «froitas frescas e castañas» e «leite líquido de consumo». A presentación dunha solicitude para unha única modalidade comportará o envío dun requirimento en que se concederá un prazo para emendala ou para desistir dela.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que os importes solicitados superen a contía das dispoñibilidades orzamentarias dun programa, estas distribuiríanse proporcionalmente tomando como referencia a media do importe por alumno e día na totalidade de solicitudes e tendo en conta que non se adxudicará a cada solicitante máis importe que o solicitado.

5. Unha vez efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga validarán, a través da aplicación informática creada para esta xestión, as solicitudes presentadas, para que a Dirección do Fogga dite a correspondente resolución no prazo de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes. Entenderanse estimadas por silencio positivo aquelas solicitudes de autorización que non sexan resoltas e notificadas no dito prazo e desestimadas por silencio negativo as solicitudes de axuda.

6. As persoas solicitantes da axuda que foron aprobadas, deberán comunicar ao Fogga previamente á repartición dos produtos calquera modificación que pretendan realizar na distribución dos produtos da súa solicitude de axuda (supresión dun dos dous períodos de repartición previstos, cambio da data de inicio da distribución, etc).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán solicitar obrigatoriamente as dúas modalidades de axuda: «froitas frescas e castañas» e «leite líquido de consumo» polo que teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Para o grupo de produto de froitas frescas e castañas: anexo II de solicitude de autorización e axuda xunto co anexo II-A de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar.

b) Para o grupo de produto de leite líquido de consumo: Anexo II de solicitude de autorización e axuda xunto co anexo II-B de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación da solicitude de autorización e axuda consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento para o pagamento da axuda (código do procedemento MR265C)

1. As persoas autorizadas e adxudicatarias da axuda solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo III desta resolución, na forma establecida no artigo 7.3, e dirixirase ao servizo territorial do Fogga da provincia onde radiquen os centros escolares correspondentes.

2. Só será admisible unha única solicitude de pagamento para cada período de distribución e grupo de produto.

3. A solicitude de pagamento presentarase no prazo establecido no artigo 24.1 desta resolución.

Se o prazo de presentación da solicitude de pagamento se excedese en menos de 60 días naturais, a axuda verase reducida como se indica a seguir:

a) Un 5 %, se o prazo se supera entre 1 a 30 días naturais.

b) Un 10 %, se o prazo se supera entre 31 a 60 días naturais.

Cando o prazo se exceda en máis de 60 días naturais, a axuda reducirase, ademais, nun 1 % por cada día adicional, calculado sobre o saldo restante.

4. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos e recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

Artigo 11. Documentación complementaria

A persoa solicitante do pagamento xuntará, a través do procedemento establecido na sede electrónica, de acordo co establecido no artigo 8, a seguinte documentación complementaria:

– As correspondentes facturas xustificativas de pagamento dos produtos subministrados ao alumnado que reflectirán, por separado, o custo unitario e o custo total de cada produto subvencionado.

– Unha proba do seu pagamento.

– Tres ofertas de diferentes provedores.

No caso de subministrar produtos avalados polos réximes de calidade recollidos no artigo 5.4 desta resolución, achegarase a documentación acreditativa correspondente:

1º. Se os mercan directamente a persoas produtoras: certificado emitido polo órgano competente correspondente de que os produtos obtidos na súa explotación e distribuídos aos centros escolares están avalados por un réxime de calidade diferenciada.

2º. Nos demais casos: copia da factura de compra dos produtos en que figuren a marca e a categoría ou clase do produto certificado coa marca de calidade e, senón se aclara a categoría ou clase de produto, deberase achegar unha fotografía da etiquetaxe dos produtos.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación da solicitude de pagamento da axuda consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

b) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Controis

1. O Fogga establecerá un plan de controis co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta axuda, de acordo co establecido nos artigos 9 e 10 do Regulamento de execución (UE) nº 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016.

2. Levaranse a cabo controis administrativos a todas as solicitudes, que incluirán a comprobación dos xustificantes previstos en relación coa distribución dos produtos. Tamén se realizarán controis sobre o terreo nas instalacións da persoa solicitante.

Artigo 14. Incumprimentos e sancións

No caso de detectar un incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución, a Dirección do Fogga exixirá a devolución das axudas pagadas indebidamente, e impoñerá, ademais, unha sanción administrativa igual á diferenza entre a cantidade percibida e aquela á que tería dereito.

Ademais, a Dirección do Fogga suspenderá a participación do centro escolar no programa por un período de un a doce meses, ou a revogará, dependendo da gravidade da infracción e de acordo co principio de proporcionalidade.

Por petición do centro escolar, e se as razóns da revogación foron emendadas, a Dirección do Fogga poderá restablecer a súa participación tras un período mínimo de doce meses desde a data en que se emendaron as razóns da revogación.

Así mesmo, deberán terse en conta, de ser o caso, as disposicións recollidas nos artigos 52 a 69, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que puidesen concorrer.

Non se impoñerán sancións cando:

– O incumprimento obedeza a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais.

– O incumprimento se deba a un erro da autoridade competente ou doutra autoridade e o dito erro non puidese ser razoablemente detectado pola persoa afectada pola sanción administrativa.

– A persoa interesada poida demostrar de forma satisfactoria que non é a responsable do incumprimento das obrigas previstas ou se a Dirección do Fogga acepta doutro modo que a persoa interesada non é responsable.

– O incumprimento sexa de menor importancia.

Artigo 15. Tramitación e resolución das solicitudes de pagamento

1. Unha vez efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da xefatura territorial, á Dirección do Fogga, sobre as solicitudes de pagamento presentadas, para que esta dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para emitir a resolución e realizar o pagamento será o establecido no artigo 24.2 desta resolución.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior comportará o inicio dun procedemento de perda de dereito da axuda, de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Recuperación de pagamentos indebidos

No caso de detectarse un pagamento indebido, aplicarase mutatis mutandis o artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, da Comisión.

No caso de pagamento indebido, a persoa beneficiaria quedará obrigada a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

O tipo de xuro aplicable calcularase de acordo co dereito nacional, pero non poderá ser inferior ao tipo de xuro aplicable á recuperación de importes en virtude das disposicións nacionais.

A obriga de reembolso non se aplicará se o pagamento é froito dun erro da autoridade competente ou doutra autoridade, sen que a persoa beneficiaria puidese detectar razoablemente ese erro. Con todo, cando o erro obedeza a elementos factuais pertinentes para o cálculo do pagamento correspondente, esta excepción só aplicarase se a decisión de recuperación non se comunicou nun prazo de 12 meses a partir do pagamento.

Así mesmo, poderá terse en conta o disposto na Circular de coordinación sobre o procedemento de irregularidades e recuperacións de pagamentos indebidos Feaga e Feader.

Artigo 19. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución pola Dirección do Fogga poderase interpoñer un recurso de alzada, ante a Presidencia do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 112, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Se a resolución non for expresa, poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 20. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, as persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 21. Publicidade sobre a distribución de produtos nos centros escolares

Os centros escolares que participen no Programa escolar deberán publicitar, na entrada principal do centro e nun lugar onde se poida ver e ler claramente, que este está subvencionado pola Unión Europea, mediante os carteis elaborados e facilitados polo Fogga.

CAPÍTULO II

Convocatoria das axudas para o curso escolar 2023/24

Artigo 22. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante esta resolución convócanse para o curso escolar 2023/24, en réxime de concorrencia non competitiva, consonte o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas para a subministración, ao alumnado de centros escolares, dos produtos sinalados no anexo I desta resolución.

Artigo 23. Solicitude de autorización e axuda

1. Aqueles que queiran participar no Programa escolar solicitarán a axuda ata o 20 de setembro de 2023 (incluído) e asumirán os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 8.1 desta resolución. As solicitudes poderán presentarse a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de axuda serán resoltas e notificadas no prazo de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes de axuda.

Artigo 24. Solicitudes de pagamento

1. As solicitudes de pagamento presentaranse nun prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate de cada período de subministración autorizado establecido no artigo 4.1 desta resolución.

2. O prazo máximo para emitir a resolución e realizar o pagamento será de tres meses contados a partir do día de presentación da solicitude de pagamento válida e completa, a menos que se iniciasen investigacións administrativas.

Artigo 25. Axuda da Unión

Estas axudas fináncianse no 100 % con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). O imposto sobre o valor engadido (IVE) será subvencionado coa axuda da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 5 desta resolución, o importe aplicable para cada produto será o indicado no anexo I.

Artigo 26. Financiamento

1. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.780.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2023/24, polo importe máximo de 1.021.275,60 euros, segundo as seguintes anualidades e grupo de produto:

Exercicio 2023: 102.127,56 euros, dos cales 37.838,31 euros corresponden ao programa de leite (36.382,99 euros de fondos Feaga e 1.455,32 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 64.289,25 euros ao programa de froita (61.816,59 euros de fondos Feaga e 2.472,66 euros de fondos da Xunta de Galicia).

Exercicio 2024: 919.148,04 euros, dos cales 340.544,79 euros corresponden ao programa de leite (327.446,91 euros de fondos Feaga e 13.097,88 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 578.603,25 euros ao programa de froita (556.349,28 euros de fondos Feaga e 22.253,97 euros de fondos da Xunta de Galicia).

2. En todo caso, a concesión da axuda condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase á dispoñibilidade orzamentaria, polo que se deberá tramitar o oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito, no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

3. As ditas dotacións orzamentarias poderanse incrementar, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma. Neste suposto, tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

Artigo 27. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 28. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional única. Normativa aplicable

Para todo o non previsto nesta resolución será de aplicación a sección I do capítulo II do título I da parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e as súas normas de desenvolvemento e aplicación, así como o Real decreto 511/2017, do 22 de maio, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, e o seu regulamento, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e tamén a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009.

Disposición derradeira

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso escolar 2023/24.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto en €/kg e €/l

a) Froitas frescas e castañas.

Produto

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto (€/kg)

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto con réxime de calidade (€/kg)

Albaricoque

3,70

4,81

Ameixa

2,69

3,50

Amorodo

3,75

4,88

Caqui

2,25

2,93

Castaña

10,59

13,77

Cereixa

4,74

6,16

Figo fresco

4,38

5,69

Froitas tropicais (chirimoia, mango, papaia...)

2,62

3,41

Froitos vermellos (framboesa, arando, grosella...)

12,87

16,73

Granada

2,70

3,51

Híbrido de pequenos cítricos

2,07

2,69

Kiwi

2,99

3,89

Laranxa

1,98

2,57

Mandarina

2,72

3,54

Mazá

1,88

2,44

Melón

2,99

3,89

Nectarina

2,56

3,33

Néspera

3,92

5,10

Paraguaio

2,97

3,86

Pera

2,19

2,85

Pexego

2,41

3,13

Plátano

2,45

3,19

Sandía

1,16

1,51

Uva

3,23

4,20

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

Produto

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto (€/l)

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto con réxime de calidade (€/l)

Leite tratado termicamente (pasteurizado)

1,40

1,82

Leite tratado termicamente (os demais)

1,38

1,79

Leite tratado termicamente. Sen lactosa

1,40

1,82

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file